O vindeiro 25, Galiza terá novo Presidente e será unha muller: dona Ana Pontón Mondelo, natural de Sarria, a primeira muller presidindo a Xunta. Horas era xa! Cleopatra, Xoana de Arco, Rosalía de Castro... Mira que xa pasou tempo! E dous meses despois, aló por Novembro, os americanos USA tamén terán a primeira Presidenta en toda a súa historia. Xa vedes, que dúas grandes nacións como Galiza e Estados Unidos poñan o seu destino en mans de muller, debería facernos cavilar e remirar os nosos esquemas. Algo grande está a piques de suceder. Aliñación planetaria? Un burato negro? Contubernio xudeu-masónico? A negra sombra? Chámalle como queiras, pero algo hai aí fóra. Por suposto, non vos vou adiantar o resultado exacto das eleccións, que non quero amolárllelo negocio a Betfair, Bwin, Bet365 e demais casas de apostas deportivas; nin tampouco pretendo desanimar aos perdedores e menos aínda emborrachar de euforia aos gañadores. Eu seino e abonda; vós facede así coma quen non escoitastes nada e o día 25, día grande das festas patronais de Lalín, ides votar tranquilamente, asubiando distraídos. Coma se non houbera un mañá. Ah!, que xa me esquecía, non lle contedes nada a Caneiro, que xa sabedes o seu inmenso degoro polo “mangueiriñas” e non quero que sufra de xeito anticipado. Xa despois terá tempo e tempo de remoer a desgraza sobrevida.
A miña zunia polas Presidentas é pública e notoria, e xa ven de tempo atrás. Nos alicerces desta teima está un convencemento e unha historia persoal. Por unha banda, o convencemento de que a política é un oitenta por cen de imaxe, e contos e lerias o vinte restante; e naqueles primeiros anos do século, a imaxe dos rizos alborotados de Beiras prendera na xente e deixara o listón moi alto, así que precisabamos dunha imaxe nova, rompedora, que impactara nos ollos galegos tanto ou mais. Por outra banda, eu medrei entre mulleres, novas e vellas; xoguei ao brilé e ás casiñas con elas, e aprendín o mundo a través das follas do Superpop, Hola e Pronto; miña avoa mandaba na casa, miña nai mandou despois, agora manda a muller e mañá vai mandar a filla, que xa se lle ven andares; como dixo daquela Adolfo Suárez, “hai que elevar á categoría política de normal o que a nivel da rúa é simplemente normal”. Se a sociedade galega é fondamente matriarcal, por que raios o presidente da Xunta ven sendo sempre un home?
O primeiro intento, aló polo 2008, chamábase Teresa Táboas, Conselleira de Vivenda e Solo, e fichaxe estrela do BNG. Eran os felices e convulsos días da perestroika (aggiornamento, corrixíame sempre Fernando Pío) nacionalista capitaneada por Anxo Quintana e Paco Vilariño. Mandei varias cartas ao Comité Central pedindo razoadamente que Teresa fose a cabeza de cartel, pero o asunto non foi adiante: quen lle dicía ao heroe alaricano que deixara libre o sitio?; e logo, co equipo outra vez en Segunda, nin ela quería xogar en categoría inferior nin o equipo podía manterlle os cartos da ficha. Mágoa, porque daría unha boa Presidenta.
Fracasada a operación Táboas, boteille o ollo á lalinesa Carme Adán e fíxenlle as beiras. A profesora de filosofía tamén fora unha incorporación da perestroika, pero a diferencia da mexicana, Carme fora unha fichaxe de menos relustro e mais barata; xa sabedes, xogadores para apuntalar o equipo e quentar o banco da suplencia. Tamén a diferencia da outra, Carme non abandonou o barco cando o descenso chegou e houbo que xogar en campos estreitados, cheos de lama e fochancas, algúns con postes da luz no medio, e moitos encostados e con restos de sucos aínda visibles. Volvín cursar ao Comité centos e miles de propostas coa candidatura de Carme á presidencia da Xunta, e nada. “Contra o vicio de pedir está a virtude de non dar”, seica dicía Bieito cada vez que chegaba unha das miñas rogativas; e Montse apuntalaba: “Se non fora o valido de Vilariño, este pillagaliñas xa hai tempo que ía andar paseado...” Pois nada, que tampouco puido ser, e tamén daría unha boa Presidenta.
Pero non toda a semente caeu en terreo ermo e cascalleiro nin a comeron toda os paxaros. Algún gran debeu caer en boa terra negra, abrollou e deu na candidata Ana Pontón. A diferencia das outras dúas, Ana naceu na casa e da casa é; un produto da vizosa e ampla canteira nacionalista. Igual foi iso o que penalizou a Carme e Teresa. Ou non, quen sabe. Igual non estaba de Deus que daquela fora unha muller a candidata e agora si. O caso é que me saín coa miña...só abondou con que non o pedira. E por suposto, Ana será unha moi boa Presidenta.