Unha reflexión dende a esquerda

Neste momento histórico ateigado de cambios e incertezas, non resulta tarefa doada ver por onde encamiñar o futuro político da socialdemocracia e da esquerda en xeral, para dar saída clara aos tempos incertos nos que vivimos a maioría da xente.

É una constatación histórica que a socialdemocracia foi unha exitosa práctica política, froito dun tempo de postguerra ameazado polos cantos de serea revolucionarios que chegaban do leste europeo e que acabaría dando lugar a un pacto entre capital e democracia ao fin de promover o maior benestar e cohesión posíbel nunhas sociedades arruinadas pola guerra e ameazadas polo comunismo. E certamente que durante varias décadas o benestar consolidouse nas devanditas sociedades. Pero isto rematou coa caída dos réximes comunistas e a consolidación da globalización económica neoliberal.

A partir deste intre o capital foi liberándose do control dos Estados ao tempo que fragmentaba as sociedades, facéndoas máis eclécticas. Pero tamén, á socialdemocracia íanselle debilitando os mecanismos necesarios para intervir na economía, que outrora lle permitiran desenvolver a súa función integradora, pondo  unha parte da riqueza xerada ao servizo da maioría social. Esta nova situación,  xa está hoxe a producir un importante aumento das desigualdades nas devanditas sociedades europeas, que nos países do sur, por distintas razóns, vivimos con maior agudeza.

A globalización económica neoliberal cambioulle o escenario no que operou con eficiencia e comodidade durante varias décadas. Quedou con moi pouca capacidade operativa para defender os intereses da maioría social

Á socialdemocracia, en consecuencia, a globalización económica neoliberal cambioulle o escenario no que operou con eficiencia e comodidade durante varias décadas e ao descompoñérselle a base real na que se asentaba, quedou con moi pouca capacidade operativa para defender os intereses da maioría social. Cómpre pois, con urxencia,  redefinir a súa estratexia, xa que a vella realidade está a desaparecer e hai que vertebrar unha nova dende unha  base social moi fragmentada, caracterizada por un individualismo consumista e  desorganizado e onde se fai xa moi visíbel a desigualdade, a precariedade e a marxinalidade. Ante esta situación, coido que  non se pode seguir por máis tempo como se nada pasara.  A xente xa está a vivir con moito desespero o presente e ateigada de angustia  por un futuro que albisca tenebroso. Xa que logo, coido que cómpre ir na búsqueda dese individuo desorientado pero único actor potencial nesta nova realidade, que poida, dende o respecto á súa singularidade socio-cultural, transformarse nun suxeito consciente dos seus dereitos e, dende aí, volver a organizar o social para poder enfrontar o poder alienador dun capital insaciable.

Esta nova xeira xa non pode asentarse só encol de vellas categorías que hoxe cómpre repensar dado o seu alto nivel de mutación. Estou a falar fundamentalmente  das clases sociais, das propias ideoloxías decimonónicas ou dos partidos políticos

Pero esta nova xeira, ao meu modo de ver, xa non pode asentarse só encol de vellas categorías que hoxe cómpre repensar dado o seu alto nivel de mutación. Estou a falar fundamentalmente  das clases sociais, das propias ideoloxías decimonónicas ou dos partidos políticos, hoxe convertidos en aparatos endogámicos moi distanciados da realidade social. Coido que cómpre dar un paso e sumar algo máis transversal e básico como son os dereitos das persoas e a defensa e potenciación da democracia. Trátase de irmos axeitando as categorías antigas, ao tempo que transformamos en medulares  os dereitos individuais para, como di Anthony Giddens, que poida cada persoa realizar “o seu relato particular” ademais do pleno exercicio da democracia. Sen a defensa e potenciación de  ámbalas dúas categorías, hoxe moi debilitadas polo poder dos mercados e a emerxencia dos fundamentalismos, non será posíbel que a cidadanía tome outra volta o timón  da súa vida para andar libremente o seu camiño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.