Yolanda Diaz, coordinadora xeral de Esquerda Unida na Galiza, lanzou a proposta de construír unha Syriza na Galiza. Unha proposta sen dúbida interesante e que debe contribuír a abrir debates no seo da esquerda que opera na nosa nación. Debates que hoxe son máis urxentes que nunca, pois a situación no estado español encamíñase cada vez máis cara unha situación similar á grega: recortes salvaxes, intervención da troika, empobrecemento da clase traballadora, exclusión social masiva.. O reto para a esquerda transformadora galega é construír unha alternativa sólida ao neoliberalismo, tendo en conta o acelerado ritmo dos recortes sociais e as súas consecuencias, e as complexidades das loitas sociais.
Pero... Que é realmente Syriza?
Syriza comezou como unha coalición de diferentes grupos da esquerda grega, que conflúen a partir das mobilizacións antiglobalización de principios do século XXI. Orixinalmente, en 2004 aparece como unha alianza entre Synapsismos, un partido reformista de esquerdas de orixe difusamente eurocomunista con representación parlamentaria e unha ducia de grupos da esquerda radical, con diferentes tradicións, dende a trotskista ata a post-maoista, pasando pola autonomía movimentista. Obviamente, unha amalgama de tal calibre non está exenta de tensións: os sectores máis dereitistas da organización escindíronse en 2010 conformando Dimar ("Esquerda democrática") con sectores do Pasok. Tamén sofre pequenas escisións pola esquerda.
Syriza é una construción plural e unitaria, que non obvia debates dentro da unidade. Un dos lemas de Syriza é "unidade dende a radicalidade", expresando así dous aspectos fundamentais do seu discurso político. Por unha banda, abordar a cuestión da unidade, un dos temas máis demandados pola esquerda social e onde a esquerda (sobre todo a radical) máis fracasou ao longo do século XX. Unha unidade que no caso de Syriza fundaméntase na confluencia dende abaixo, na participación conxunta nos movementos sociais de militantes de distintas tradicións. A unidade non exclúe o respecto pola diversidade das experiencias militantes, pero si unha busca consciente e paciente por forxar unha nova cultura política readaptada á loita de clases tal e como se da no século XXI.
A cuestión da radicalidade (Syriza é o acrónimo de "Coalición da Esquerda Radical”) é tamén fundamental. Unha radicalidade que busca combinar a perspectiva estratéxica do derrubamento do sistema capitalista con propostas concretas, listas para aplicar o dia despois de gañar as eleccións. Syriza aspira, aínda que non o consiga sempre, a conectar as cuestións máis inmediatas para a poboación, como o tema do pan ou o desemprego, con propostas transicionais, como a auditoría da débeda e a socialización da banca , co obxectivo de impulsar unha ruptura co sistema capitalista e o seu réxime político.
Syriza conseguiu case o 26 por cento dos votos nas últimas eleccións, un aumento enorme se temos en conta que nas eleccións de 2007 só conseguira un 5 por cento dos votos. Este aumento obedece a varias razóns. Syriza , en realidade, transformouse dunha coalición de partidos na culminación política dun movemento de resistencia contra os recortes da Troika. Un movemento con varios frontes de loita, dende o sindical ata a loita dos indignados, pasando por loitas ecoloxistas, feministas, e da mocidade. Sen dúbida a vontade aperturista de Syriza permite a súa interactuación con estes movementos de resistencia, o contrario que o KKE (partido comunista grego), que se illa cada vez máis polo seu sectarismo. A hexemonía de Syriza na esquerda grega tamén se constrúe a partir do colapso do Pasok. Syriza entende a necesidade de construír un suxeito político que non substituía ao PASOK, senón que xere un espazo de resistencia que supere a dicotomía entre partidos socialdemócratas e partidos conservadores. Así pois, a coalición liderada por Alexis Tsipras reformula os campos políticos preexistentes: por unha banda, están os partidos do réxime (PASOK e Nova Democracia) e, por outro, a alternativa encabezada por Syriza, pero que non exclúe a outras formacións da esquerda , incluído o KKE.
Algunhas reflexións sobre os retos da esquerda galega
A construción dun suxeito político transformador na Galiza ten moitas diferenzas con Grecia: a máis importante, sen dúbida, a existencia dunha opresión nacional que Esquerda Unida non parece sempre disposta a recoñecer. O punto de partida para a esquerda na Galiza debería ser a defensa do dereito de autodeterminación, aínda que logo cada formación defendese diferentes opcións dentro dese marco, dende a república federal ata a independencia.
Outra cuestión importante, se queremos construír esa ferramenta política, unitaria, radical e anticapitalista, é construíla dende abaixo. Os militantes de Syriza participan xuntos durante anos nos movementos sociais, coñécense , son eles mesmos os que conflúen na practica cotiá. Unha mera coalición electoral estaría moi ben para conseguir uns cantos deputados, pero distaría de ser radical e realmente unitaria. A pregunta de fondo é se as diferentes organizacións da esquerda galega queren construír un suxeito político novo, aportando cada un a súa tradición militante, ou optan pola autoconstrucción partidaria, dando por feito que non se producirán recomposicións de cara a xerar un bloque alternativo fronte ao do capital e dos mercados. Dende logo existen camiños inmediatos para buscar esa confluencia: bloques unitarios nas manifestacións, propostas concretas de mobilizacións... Agora, por exemplo, unha vez lograda a tan soñada unidade sindical, podería lanzarse a proposta dunha folga xeral, pero construída socialmente. Aprendendo das experiencias do 15m a esquerda política galega podería propor aos sindicatos asembleas nos barrios para organizar esa folga xeral. Así poderíase lograr ese tan necesario achegamento entre diferentes movementos que loitan contra os recortes do goberno Rajoy-Feijoo. De feito, a estratexia post-electoral de Syriza baséase en impulsar este modelo de asembleas nos barrios para readaptar a súa estrutura ás demandas da nova militancia, e á vez , como diría o filósofo Daniel Bensaid, iniciar cunha "lenta impaciencia unha loita de longo percorrido".
Tamén é fundamental no éxito de Syriza a súa credibilidade: en ningún momento Syriza entrou en ningún goberno que leve a cabo recortes, establecendo así unha liña definida entre eles e os outros, entre os partidos do réxime , chámense conservadores ou socialistas, e o pobo afectado polo memorando da troika. O fundamental é conquistar esa credibilidade na practica política real: é natural que a xente desconfíe da esquerda cando fai campañas electorais chamando á rebelión e logo pacta recortes co socialiberalismo. Dito isto, compréndese que a cuestión non é tan sinxela, pois tamén e importante evitar gobernos do nacional-catolicismo do Partido Popular, pero o fundamental é demarcar liñas claramente, sempre ca vontade de ser maioría. A hexemonía, en última instancia , debe construírse partindo de romper cos debates que a ideoloxía dominante establece. Non se trata de gobernar ou non, senón de quen debe gobernar e para quen facelo.
Unha última lección importante nos deixa a esquerda grega: o sectarismo págase. O KKE fixo de Syriza o seu principal inimigo, baseando toda a súa propaganda en que a "clase traballadora grega non se deixase enganar por Syriza". Ao final, o KKE quedou cun 4 por cento dos votos cando partía dun 8, mentres que Syriza pasa dun 16 a un 26 por cento, sendo maioritaria entre os traballadores e traballadoras, incluso no sector industrial, onde o KKE ten unha forte presencia sindical. A xente, nun contexto tan difícil, non acepta as actitudes e batallas cainitas, máis que nada por estar fóra da súa realidade cotiá e ser percibidas como alleas e pouco prácticas.
Dende logo Yolanda Díaz fai moi ben en lanzar a idea de comezar a construír unha esquerda de combate e de confianza. Agora temos que comezar a facelo. Construír alternativas para os de abaixo e dende abaixo, porque parafraseando ao filosofo esloveno Slavoj Zizek nun mitin de apoio a Syriza, a esquerda ten que ser "a voz da razón contra a tolería da ideoloxía do mercado".