Unha ultradereita impune

Na adolescencia marcoume profundamente a lectura de O señor das moscas, de William Golding, unha historia que cuestionaba unha idea na que a moitos nos gusta crer (aínda que a realidade nos obrigue tantas veces a dubidar): esa de que o ser humano é bo por natureza e que se rematamos facendo barbaridades e sendo uns ruíns é por mor da sociedade que nos corrompe, como mantivo sempre Rousseau. Ou o que é o mesmo: que non nos gusta crer aquilo que dixo Thomas Hobbes de que "o home é un lobo para o home" e que o egoísmo é a forza brutal innata e última que nos goberna.

Non nos gusta crer aquilo que dixo Thomas Hobbes de que "o home é un lobo para o home" e que o egoísmo é a forza brutal innata e última que nos goberna

Na novela, plantéase a situación dun grupo de pequerrechos nunha illa deserta, sen adultos polo medio, xa que logo, un grupo humano non aínda contaminado e que pode empezar de cero, buscando regras e poñendo normas que, suponse, serán elaboradas para a boa organización e a consecución do ben común e a felicidade colectiva.

Mais o que acontece non é iso (o que nos gustaría que pasase), senón o fascismo, a brutalidade, a discriminación dos máis febles (non se me borrou nunca da memoria a anguria -que o autor me contaxiou- do rapaciño que non tiña gafas e que como non podía ver case que non tiña dereito a vivir pois estaba eivado) e a tiranía dos máis fortes que, axiña, reproducen a sociedade absurda dos adultos e o seu desgoberno autoritario.

Cada vez son máis, máis bestas e máis agresivos. E, témome, máis impunes. Cada vez contan con máis seguidores. Están espabilados, e chegan incluso a organizar entregas diarias de comida

Conto isto agora e aquí despois de ter visto un documental sobre a auxe da ultradereita no estado español. Cada vez son máis, máis bestas e máis agresivos. E, témome, máis impunes. Cada vez contan con máis seguidores. Están espabilados, e chegan incluso a organizar entregas diarias de comida pero "sólo para los españoles" previo control do DNI. A mensaxe, é a de sempre: estranxeiros fóra, odio aos inmigrantes, intolerancia co diferente, odio á democracia...

Tamén hai antropólogos que nos aprenderon que a civilización, a moral e a educación poden situarnos por enriba das tendencias e levarnos á consecución dun mundo, cando menos, habitable onde todas as diferenzas teñan o seu espazo

Eu vexo esas imaxes e recoñezo que xa non as vexo como me pasaba hai anos. Antes, eu era dos que mantiña que eramos unha raza estúpida e, polo tanto, que non aprendiamos dos nosos erros. Hoxe, dou en pensar que igual é que non podemos evitar iso e somos, pois si, unha raza estúpida pero que leva inscrito nalgún sitio do bulbo raquídeo ou calquera outro lugar profundo do cerebro, o fascismo cruel, a discriminación e o odio. Hai antropólogos que o manteñen: que é un mecanismo de defensa ancestral para garantir a supervivencia do grupo, iso de sermos agresivos co diferente. Mais tamén hai antropólogos que nos aprenderon que a civilización, a moral e a educación poden situarnos por enriba das tendencias e levarnos á consecución dun mundo, cando menos, habitable onde todas as diferenzas teñan o seu espazo.

O certo é que toda esta xente bárbara lévanos a un mundo peor, máis suxo e invivible. Ignoro se é inevitable que xurdan eses comportamentos cainitas. Mais teño claro que hai que impoñer a nosa capacidade para sermos civilizados. Así que haberá que empezar por separalos da vida civil e política.  A outros, por menos, xa os tiñan ilegalizados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.