-A min paréceme mellor que a prostitución: ela ten o neno e recibe unha pasta. Así me dixo a miña xefa.
Na Antigüidade realizábase o intercambio co produto, non co traballador. Existe unha lixeira diferenza, aínda que recuperar na actualidade o intercambio en base ao producido implica unha precarización maior das condicións laborais. De feito, no caso dos ventres de aluguer o contrato regula as posibilidades vitais do corpo produtivo, da nai xestante, pero paga por produto, que é @ bebé
Está claro que a xefa da que me falaba dispón dun coñecemento técnico exhaustivo para realizar o seu traballo, a súa función social, pero carece de coñecemento teórico, abstracto, dese que serve para razoar fóra das consignas, porque se ve que sobra.
Ten Alicia Puleo un artigo académico, dende a perspectiva de xénero, sobre os ventres de aluguer, mais nin é preciso ser unha especialista nese eido para poder situar un pouco a cuestión: remataba Kant a súa ética propondo un reino de fins, apelando a sermos capaces de tratar aos demais como fins en si mesmos, e non como medios para cumprir os nosos desexos ou intencións. Ese principio regulador abstracto, universalizable (mesmo a outras especies), serviría para pensar moitos dos supostos dilemas éticos actuais e, ademais, rexe os Dereitos Humanos, a dignidade da vida, eses valores que sustentan o Occidente Moderno1. O que sucede é que faría caer o capitalismo, porque dirán: todo o mundo é un medio, na súa esfera laboral, un instrumento de produción.
É certo que no capitalismo o traballador vende a súa forza de traballo (enerxía e tempo) a cambio dun salario. Libremente, di Locke, por necesidade, di Marx. Vende o seu ser, o que é ontoloxicamente (esa enerxía e ese tempo) e o seu ser en tanto que é capaz de elaborar, crear cousas –que nesas relacións se reconverte en producir cousas-. O traballador pasa a ser unha mercadoría máis. Na Antigüidade realizábase o intercambio co produto, non co traballador. Existe unha lixeira diferenza, aínda que recuperar na actualidade o intercambio en base ao producido implica unha precarización maior das condicións laborais. De feito, no caso dos ventres de aluguer o contrato regula as posibilidades vitais do corpo produtivo, da nai xestante, pero paga por produto, que é @ bebé.
Dáse unha aporía no capitalismo, o que non lle resta forza, potencia, nin lexitimidade (da carismática, non da racional): a dignidade da vida dalgúns permítese a costa da vida dos outros, cunha vida que deben manter a base de mellorar a vida do amo, coma os escravos antigos. Así era a definición. Unha vida que non ten finalidade en si mesma.
Para que a contradición se suavice, os enunciados da propaganda van mudando a dignidade pola felicidade e o desexo, que, claro, xa non teñen por que ser principios reitores, dereitos humanos para todxs, senón horizontes e feitos para quen poida
Recordades o slogan pop que reformulaba os principios liberais Liberté, Égalité et Fraternité en Liberté, Egalité et Beyoncé? Pois iso. Para que a contradición se suavice, os enunciados da propaganda van mudando a dignidade pola felicidade e o desexo, que, claro, xa non teñen por que ser principios reitores, dereitos humanos para todxs, senón horizontes e feitos para quen poida.
Ao fin e ao cabo, como diría a xefa do principio, se o soubese: non vivían mellor os escravos romanos, estudados e ben alimentados en casas dignas, que as persoas libres e pobres? Que é ao fin e ao cabo a liberdade, máis que unha sensación?, dicía Tocqueville. O diñeiro, dicían outros, realistas.
Notas
1 Kant era liberal, pero no seu tempo a produción aínda non era fabril: os produtores vendían o produto á burguesía. Era aínda un mercantilismo, no sentido de que non totalizaba o proceso económico dende a produción ao consumo.