Unha visión crítica da globalización económica

A globalización económica neoliberal convértese no que Alain Touraine chama “capitalismo extremo,” que se resolve na ruptura da vida económica, controlada polo mundo financeiro, co resto das actividades produtivas

Coidamos que o equilibrio socio-económico que gran parte da sociedade europea foi conquistando ao longo de tres décadas consecutivas dende 1945 veu romperse de maneira definitiva e extrema a prol do capital a partir da decisión tomada nos anos noventa do século pasado, no chamado Consenso de Washington, onde se decide liberar a economía de toda regulación co fin de favorecer o “libre mercado”. A partir deste intre a globalización económica neoliberal convértese no que Alain Touraine chama “capitalismo extremo,” que se resolve na ruptura da vida económica, controlada polo mundo financeiro, co resto das actividades produtivas e das propias necesidades humanas. En definitiva, a nova economía globalizada autonomízase da vida política e social ao situarse nun nivel no que ningunha institución estatal pode intervir con eficacia; desta forma, deixa de ser a  base que estrutura a sociedade e lle dá dinamismo. Prodúcese, daquela, o esfarelamento do pacto social entre capital e traballo que tanto contribuiría á estabilidade  na segunda metade do século XX, nos países desenvolvidos de Europa occidental.

Os traballadores ven diminuída a súa participación  no crecemento da produtividade, dando lugar a un paulatino estancamento dos salarios, que se tenta paliar coa democratización  do crédito para que non se debilite o consumo

A partir desta nova configuración da realidade os traballadores verán diminuída a súa participación  no crecemento da produtividade, dando lugar a un paulatino estancamento dos salarios, que se tenta paliar coa democratización  do crédito co fin de que non se debilite o consumo. En base a este proceder, que supón unha continuada detracción de rendas por parte do capital a clase traballadora, irase acumulando un enorme endebedamento privado que rematará dando lugar á crise de débeda actual. Desta maneira a clase traballadora vai ser espoliada por dobre vía: a do salario e a do xuro. Se isto non fora suficiente, os Estados, guiados por criterios neoliberais,  inician unha política  de baixada de impostos ás rendas máis altas. A conseguinte merma na recadación  obrígaos a emitir débeda para soster os servizos públicos, que será comprada polo gran poder financeiro. Desta maneira, e por outro camiño, o devandito poder  segue acumulando capital a costa do progresivo debilitamento económico da clase traballadora. Así, esta política neoliberal  vai chuchando nas finanzas dos Estados ata transformalos, en maior ou menor medida, en grandes estruturas políticas anémicas e extraordinariamente dependentes dos grandes poderes económicos. Iníciase, daquela, o debilitamento do Estado de benestar.

O transvase de rendas que se vén  producindo nas últimas décadas dende a clase traballadora á elite económica, coidamos que é o substancial para entender o proceso de transformación que estamos a vivir

Aínda que en España e noutros países do sur de Europa se desenvolveron políticas económica e financeiras con algunha característica específica que axudaron a empeorar a crise de débeda actual e na que Alemaña tivo un papel sobranceiro; o transvase de rendas que se vén  producindo nas últimas décadas dende a clase traballadora á elite económica, coidamos que é o substancial para entender o proceso de transformación que estamos a vivir.  Este progresivo transvase de capital deica o poder económico foi debilitando a base real na que se asentaba a socialdemocracia, loxicamente, e, por conseguinte, como xa dixemos, o Estado de benestar europeo. Este feito propicia o gran aumento das desigualdades e a progresiva desestruturación das sociedades, que nos  está levando a un auténtico drama social en algúns países europeos do sur. Estamos, pois, padecendo unha ruptura entre a esfera económica e a esfera socio-política de consecuencias dramáticas para o benestar de moitas sociedades occidentais e o inicio claro, ao noso entender, da deconstrución da Modernidade. Para voltear este proceso que semella levarnos á descomposición, cómpre potenciar amplos movementos sociais que  nos encamiñen a unha alternativa máis democrática e participativa, capaz de reconstruír un novo equilibrio que necesariamente ten que ter como columna vertebral a defensa da dignidade do ser humano. Pois, polo vieiro actual, roto o pacto social, as persoas están  perdendo toda centralidade e capacidade de decisión para reverter a inxusta situación  que estamos vivindo.

Os actores sociais e políticos fican sen os instrumentos axeitados para exercer o control dos devanditos poderes globalizados

Neste novo contexto caracterizado pola  paulatina polarización social os poderes económicos e financeiros situáronse, xa que logo, fóra do alcance de toda intervención socio-política, o que está  dando lugar a que os actores sociais e políticos fiquen sen os instrumentos axeitados para exercer o control dos devanditos poderes globalizados. Deste modo, as actuais institucións representativas da cidadanía quedan moi debilitadas na súa laboura de control dos grandes poderes económicos e na súa función de integración e cohesión social que con tanto acerto desenvolveron en tempos pasados. Isto está a producir en distintos países occidentais unha lenta descomposición dos devanditos actores sociais clásicos, que foron, sen lugar a dúbidas, os grandes vertebradores das sociedades modernas. En definitiva, vivimos nunha situación na que, con esta configuración da globalización, non  semella posible a converxencia entre os intereses sociais circunscritos a nivel dos Estados e os intereses da economía globalizada, xa que os dous procesos camiñan en paralelo, no senso de que perseguen obxectivos diverxentes e a desigual nivel, sen posibilidade de encontro.

Necesitamos unha reacción democrática da maioría social, agredida polo novo poder económico-financeiro, que permita formular novas políticas que posibiliten unha nova converxencia das dúas dimensións da realidade

Daquela, avanzamos cara a unha degradación paulatina do corpo social ao quedar moi debilitada a súa capacidade de intervención no eido económico. En base a este feito novidoso, necesitamos unha reacción democrática da maioría social, agredida polo novo poder económico-financeiro, que permita formular novas políticas que posibiliten unha nova converxencia das dúas dimensións da realidade, pois, a vella política e os seus actores, hoxe, están en proceso de descomposición, xa que foron o froito dunha realidade  superada polo devir dos novos acontecementos. Ademais, neste contexto de desencontro está a  agromar un crecente malestar social contra esa vella  política, impotente ante o poder económico e financeiro global. Isto pode dar lugar, ao noso entender, á quebra do sistema democrático,  abríndose posibilidades para todo tipo de totalitarismos.

Como vimos pondo de manifesto, nesta nova situación que ven abrollando a partir dos anos setenta do século pasado, os suxeitos sociais e políticos encóntranse con moitísimas dificultades para ser actores da súa propia historia e da xestión e transformación das sociedades das que forman parte. Prodúcese, polo tanto, en moitas destas sociedades,  unha gran sensación de impotencia, frustración e incerteza ante o futuro, con graves consecuencias para a estabilidade social e para o propio sistema democrático que día tras día, como xa constatamos, está a dar síntomas dunha clara degradación.

Prodúcese, polo tanto, en moitas destas sociedades,  unha gran sensación de impotencia, frustración e incerteza ante o futuro

Este cambio que se está operando no mundo capitalista vese enormemente favorecido polo desenvolvemento tecnolóxico e  globalizador, pola crecente concentración financeira, pero tamén, polo agromar de novos países  que están achegando a este proceso máis de 2000 millóns de novos consumidores e produtores e man de obra barata con moi poucos dereitos laborais. Este feito permítelles competir en situación vantaxosa coa man de obra non cualificada dos países do primeiro mundo, que leva a producir situacións sociais dramáticas ao abrirse un novo e amplo espazo social de marxinación nos devanditos países  desenvolvidos. Tal situación devén en beneficio, principalmente, dos intereses do gran capital transnacional que non dubida en baixar salarios no primeiro mundo e deslocalizar empresas e servizos cara ao novo mundo emerxente, coa conseguinte creación dun baleiro económico e  masiva perda de emprego nos devanditos países desenvolvidos.

A consolidación desta nova realidade está a producir unha auténtica transformación que, ao noso entender, esixe dunha política máis transversal, máis participativa, máis democrática  para que ninguén quede á marxe do futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.