A esquerda rupturista galega afronta un novo horizonte electoral inmersa nun contexto de gran fragmentación, coa necesidade de reconstruír pontes dentro do seu espazo político. Proxectos diferentes pero que constitúen unha fronte ampla, coral, interrelacionada e diversa. Do mesmo xeito que xa ocorreu entre PSdG e BNG; Anova, Podemos, Esquerda Unida, Máis País ou as Mareas municipalistas son formacións que, irremediablemente, estarán “condenadas” a entenderse nun futuro próximo.
Coa vista posta no outono deste mesmo ano, a posibilidade de conformar un executivo de unidade -similar ao estatal- sobrevoa no Pazo do Hórreo. Para iso, os distintos actores políticos deberán ser capaces de xerar unha ilusión que mobilice ao seu electorado de aquí a nove meses. Gonzalo Caballero, Ana Pontón, Antón Sánchez, Carmen Santos, Eva Solla ou unha latente Carolina Bescansa son os nomes propios en clave galega de esquerdas dentro dun escenario que presenta un alto grao de incerteza.
Se non suma en solitario, Feijóo pactará cunha ultradereita profundamente reaccionaria que non é máis que unha escisión radical da dereita conservadora que lidera. En contraposición a iso, a esquerda no noso país debe ser capaz de reactivarse e entender que a suma colectiva enriquece sempre que teña vencellada unha capacidade de centrarse no que nos une. Escoitarse e sentarse con todos sabendo que o rival son as tres dereitas.
A crise do bipartidismo como punto álxido en Galicia chegou só do lado do PSdG en 2016, traducido a unha perda de 11 escanos e dun 13,15% na porcentaxe de voto respecto aos comicios electorais de 2009. O PSdG obtivo así 14 escanos fronte aos 41 que foi capaz de lograr o PP, tres asentos máis respecto a 2009. As enquisas demoscópicas actuais, as tendencias de voto, a problemática en cuestións como o peche do hospital de Verín ou a concesión da AP-9, así como a conxuntura estatal, poden ser expresión dun cambio que só contempla dous escenarios posibles: (1) unha maioría absoluta de Feijóo ou a súa versión de suma de dereitas; (2) unha hipótese de goberno multipartito con PSdG ou BNG como segunda forza máis votada tras o PP.
Doutra banda, ningunha das formacións do chamado espazo do cambio conseguirían por solitario previsiblemente mellores resultados que os obtidos pola coalición electoral de En Marea no 2016. O reto de Anova, Galicia en Común, Máis País ou as Mareas Municipalistas pasa por ser capaz de recuperar a un votante orfo de partido. Para iso, é imprescindible ter un proxecto capaz de capitalizar as demandas das pequenas empresas, dos autónomos, da clase media e traballadora, dos pensionistas, dos estudantes, dos nenos, das mulleres ou do rural. Interesarse por eles non só durante as dúas semanas antes das eleccións. Autocrítica como motor de avance.
Non se trata de facer as cousas distintas, senón de facelas ben. Unidade, traballo e rebeldía social como prioridades para atallar cos problemas reais dunha cidadanía galega que ve como as súas institucións públicas están cada vez máis deterioradas no medio dunha nova ondada neoliberal. A política do posible, a política do útil, pasa por construír un modelo transversal de país e non repetir os erros do pasado. Burro xoven, cando medra, non é cabalo. É burro vello.