Unión e ilusión. E sen iso, nada

As persoas implicadas no proxecto dunha candidatura nacional galega, organizadas ou independentes, somos de xeracións diversas e temos historias e experiencias distintas. Falamos linguaxes distintas e pode ser que imaxinemos cousas distintas falando do que se supón que é un mesmo proxecto.

Para min a política tivo desde neno un sentido dramático, mesmo tráxico, e nunca o perdeu. A política tiña un sentido de destino e referíase directamente a moral. Desde entón ocorreron moitas cousas por aquí e a política institucionalizouse e fíxose profesión, iso afectou ao seu carácter.   Algo diso ocorre tamén neste proxecto de construción dunha candidatura galega, falando de política falamos de cousas distintas. Porén, entendo que podemos nos pór de acordo en base a análises racionais e partindo do que todos dicimos querer.

Non me costa nada lembrar a situación que tiñamos hai catro meses, cando empezamos a imaxinar as posibilidades que tería reunir ás forzas políticas que se din galegas e progresistas nunha candidatura. Iso desencadearía unha liberación de forzas enorme, podiamos transformar este país galego. A imaxinación turra por nós cara adiante e tróuxonos aquí, non sen atinxir a saúde dalgúns e queimar moitas enerxías no camiño. Daquela, hai catro meses, cada forza andaba polo seu lado: BNG, AGE (EU/Anova), Compromiso, Cerna… Certamente non contabamos con “Podemos”, parecía evidente que non era un proxecto galego baixo ningún punto de vista, aínda que era público que Anova, Beiras, mantiña contactos con Iglesias. Iso cambiou e hoxe “Podemos” xa fica no medio e medio do noso debate.

Cando escribo isto non sei en que parará todo, se haberá dúas candidaturas ou unha. Non sei se todo acabará por ser un éxito ou un fracaso. Fracaso será se non damos armado unha candidatura, iso fixo. Agora que non será un éxito tampouco se finalmente chegamos a ter unha candidatura porque unha das dúas partes sinte que non lle queda máis remedio e vese forzada a confluir, iso había ser un fracaso seguro nun prazo de meses. E, neste momento, o que aparece na luz é un diálogo sen ganas, forzado, que non debe prolongarse.

Calquera análise terá elementos de acerto e de verdade, non hai unha verdade única nin científica na política, se rompe o diálogo e este proceso pare dúas candidaturas ambas serán lexítimas. Mais, se hai unha soa, esa debe ser de todos e todas, debe ser un froito común. E para iso non abonda concordar nunhas análises e nun balance entre avantaxes e desavantaxes, non abonda un convencemento froito da conveniencia conxuntural, ten que haber un convencemento profundo que implique as nosas vontades e as nosas emocións. Non pode haber unha unión se non hai ilusión.

E temos que saír xa das interquinencias que nos enredan, pois as tensións entre as dúas posturas son evidentes e empezan a ser destructivas. É evidente que se finalmente hai dúas candidaturas competirán unha coa outra e, nese caso polo ben de todos o mellor é separarse de vez canto antes, porén se a unidade vai ser posíbel é preciso facela xa para evitar unha desunión previa que logo non teremos tempo para corrixir. Faltan dous meses e, no caso de irmos xuntos, temos que crear esa unidade necesaria que nace da colaboración. A enerxía que nos debe mover debe ser a ilusión e iso non é posíbel nun ambiente de desunión. Unha cousa é a diversidade e outra a discordia.

Se non damos feito unha proposta que a sociedade vexa que é sincera, que é con convicción e que ten sentido non conseguiremos desencadear esas enerxías rexeneradoras que debemos convocar. Unha candidatura de conveniencia nunca pode ser un éxito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.