Universidade privada: contraditio in terminis

O interese privado pola universidade como negocio empresarial para gañar diñeiro expedindo títulos, resulta incompatible coa liberdade e o compromiso social das universidades e cos seus deberes públicos CC-BY Darkest

España é o estado da Unión no que máis medra o numero de universidades privadas e máis aumenta o transvase de estudantes da pública á privada, unha vez que se freou hai unha década o andazo de creación de universidades privadas que afectou a Italia e a Portugal

No caso español podiamos titular de xeito máis cinematográfico: perigo inminente; tendo en conta que xunto con Chipre España é o estado da Unión no que máis medra o numero de universidades privadas e máis aumenta o transvase de estudantes da pública á privada, unha vez que se freou hai unha década o andazo de creación de universidades privadas que afectou a Italia e a Portugal.

Por étimo, orixe e función, o concepto universidade privada é unha contradición nos seus propios termos. Por vocación e aspiración a universidade é universal. O privado é o contrario do universal, o privativo é o contrario do común. Os intereses son diferentes. Por moito que a filosofía liberal argumentou a posibilidade de chegar ao ben común a través dos intereses privados, esa opción non funciona ben no caso da educación superior. Como institución educativa, a universidade privada que prolifera en España encerra elementos limitantes da súa pretendida función, endogamia incluída. Pode parecer esaxerada esta afirmación, por iso debe pórse en contexto histórico e académico.

Por vocación e aspiración a universidade é universal. O privado é o contrario do universal, o privativo é o contrario do común. Os intereses son diferentes. Por moito que a filosofía liberal argumentou a posibilidade de chegar ao ben común a través dos intereses privados, esa opción non funciona ben no caso da educación superior

As universidades naceron de profesores e estudantes procurando liberdade para reunir e producir saberes universais á marxe dos saberes da relixión que os monopolizaba. En Europa, en Boloña, antes xa nos territorios do Islam, do Atlántico ao Índico, con Fez e Cairo liderando. Buscando amparo en poderes que puideran garantirlles a liberdade do saber, foran reis ou mecenas. Despois da revolución liberal, nos tempos do capitalismo, as universidades nunca foron un negocio privado, para poder ser un grande negocio público avalado por mil anos de historia, Al Karaouine, de 859, Boloña no 1088. 

Contra o habitual e interesado tópico, as universidades norteamericanas que aquí se consideran estritamente privadas, dependen substancialmente de fondos públicos e do amparo político da súa autonomía. Estámolo vendo últimamente en negativo, nos ataques, recortes e sancións do presidente Trump contra Harvard, Columbia ou Princeton. Estas universidades reciben grandes doazóns privadas, e teñen entre nos seus xestores voz, intereses e opinión social e empresarial, pero non son negocios privados dirixidos por empresas como unha empresa. Outras grandes universidades norteamericanas, como UCLA e SUNY, están directamente vinculadas a estados ou municipios, como CUNY en Nova York, por moito que reciban grande apoio privado.

O interese privado pola universidade como negocio empresarial para gañar diñeiro expedindo títulos, resulta incompatible coa liberdade e o compromiso social das universidades e cos seus deberes públicos a estas alturas do século XXI en Europa

Os intereses públicos e privados son diferentes e o liberalismo orixinal sancionou esta evidencia. En España non houbo universidades privadas, -Deusto e Comillas, da Igrexa - ata a primeira Ditadura do século XX, a segunda ditadura só autorizou unha, Navarra. A universidade privada como agora se presenta en España nunca existiu. As que agora proliferan, e podemos avalialo, non melloran nin cumpren coas funcións que se esixe clasicamente ao sistema universitario: non acrecentan o coñecemento porque non investigan e por iso tampouco forman doutores. O nicho das privadas medrou por mor dos masteres, en especial dos profesionais obrigatorios para exercer a profesión ou algunhas facetas dalgunha profesión, como son os de profesorado, o da avogacía, o de psicoloxía xeral sanitaria, entre outros. Aí reside o principal negocio das privadas españolas, en especial coa proliferación da modalidade on line que poderíamos definir en non poucos casos como: prende a pantalla do ordenador nas horas que compre e paga o título por anticipado en forma de matrícula.

A incompatibilidade das privadas co que hoxe se esixe ás universidades é absoluta: ciencia aberta e ciencia cidadá, formación a diferentes niveis e ao longo da vida. O interese privado pola universidade como negocio empresarial para gañar diñeiro expedindo títulos, resulta incompatible coa liberdade e o compromiso social das universidades e cos seus deberes públicos a estas alturas do século XXI en Europa. Pero son bo negocio vendo á vista da multiplicación e do que gastan en publicidade e marquetin. Proliferan os expertos, presentados como profesores de universidades privadas nos medios de comunicación que serven de enguedello ben programado para a súa publicidade e construír un prestixio difícil de verificar. Adoito son tan supostos expertos como completamente descoñecidos nas súas áreas do saber, fagan a proba, busquen o curriculum.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.