Adoitamos considerar o deporte infantil unha maneira de que os meniños aprendan a verse como partes dunha realidade complexa. Permíteos valorar a importancia da conxunción de esforzos para lograr o funcionamento da equipa, o logro do xogo e – xa nun segundo orde de menor relevancia educativa, se Wert mo permitir – a obtención de resultados favorábeis, a poder ser.
Mais malia esta identificación preferente co mundo deportivo, a condición de parte ínfima dentro dun todo é a primeira lección que aprende calquera actor. As artes escénicas constitúen, traballando coa irrealidade, unha severa preparación para o mundo real.
Baixo as luces, o esplendor dos protagonistas chega a cegarnos e a pór en cuestión esa teoría do conxunto coordenado e eficaz. Mais contodo, existe unha longa tradición de magníficos secundarios dotados dun talento extraordinario. Actores destinados a pasar desapercibidos nun reparto onde a excelencia interpretativa é apenas un factor máis a considerar, normalmente relegada por argumentos de carácter crematístico. Nese entorno hostil, individuos brillantes, actrices e actores de excelente condición atravesan desertos ao longo da súa carreira, convertidos en escudeiros do protagonista que corresponda. A historia do cinema e a televisión está chea de magníficos exemplos.
Poderiamos elixir pensar que a descomunal humanidade de Tony Soprano, liberada dos ansiolíticos, resolvera entregar a súa vida nunha das súas visitas de negocios a Nápoles, logo de dar conta dun abondoso xantar
James Gandolfini pechou o ciclo dun deses magníficos actores hai unhas semanas. Con apenas 51 anos faleceu nunhas vacacións en Italia, precisamente en tránsito cara ao Festival de Cinema de Taormina en Sicilia. Poderiamos elixir pensar que a descomunal humanidade de Tony Soprano, liberada dos ansiolíticos, resolvera entregar a súa vida nunha das súas visitas de negocios a Nápoles, logo de dar conta dun abondoso xantar.
Gandolfini paseou o seu físico connotado, a súa humanidad enorme por unha infinidade de traballos de segundo orde. Un día, a historia da TV, a través da HBO petou na súa porta para convertelo no que sen dúbida será un dos personaxes de ficción paradigmáticos do século XXI. A súa encarnación do mangallón de New Jersey é absolutamente canónica. Poderíase argüír que Scorsese retratou con mimética fidelidade o mafioso de arrabaldo italo-americano, mais no caso do neoiorquino, tendo creado personaxes magníficos (Godfellas, Casino,...), estes carecen necesariamente da profundidade, da densidade psíquica e complexidade evolutiva de Soprano, que puido ser desenvolvida con mestría ao longo de seis tempadas televisivas.
No fondo, os Soprano retratan esa fauna que dá en florecer nos espazos escuros do sistema capitalista. Os buscavidas herdeiros dunha tradición transplantada alén do Atlántico
No fondo, os Soprano retratan esa fauna que dá en florecer nos espazos escuros do sistema capitalista. Os buscavidas herdeiros dunha tradición transplantada alén do Atlántico, adaptada coma unha navaza que prende as súas raiceiras e nunca se dará arrincado de xeito definitivo. Ese microsistema económico baseado no aproveitamento da tendencia da opinión pública á celebración do éxito do astuto, do arteiro, do carente de escrúpulos. Mais contodo, estes homes de negocios non visitan os restaurantes de luxo de Manhattan nin pasean a súa fasquía absurda e groseira polo New York de moda, coma os auténticos próceres de Wall Street. Teiman, con algunhas inxenuas excepcións (Christopher e Carmine tentando mercar a súa entrada a Hollywood – nunha inxenua tentativa de ascenso social-), en manterse nos seus tobos de decoración kistch, na súa cotrosa realidade de timbas, bordeis, masivos salóns de vodas, trastendas de suxas carnizarías e restaurantes de terceira, encanto a familia interior e exterior vai medrando e, con eles, os problemas. O desexo do desclase é preferentemente aprezábel nas personaxes femininas. Eles, cómodos na súa rutina de violencia e vulgaridade, prosperan na sombra, nutridos polo detritus do sistema.
Gandolfini constrúe un personaxe fantástico. As novas fornadas da Cosa Nostra na Costa Leste deixarán de imitar a Pacino para centrarse en Tony Soprano e nos seus consiglieri (por outra banda, fiel reflexo de individuos como John Gotti e outros membros da familia Gambino). Chegarán así, sen sabelo, a Otello, a Iago, a Desdémona, a Falstaff, a Lear, a Ofelia, a Ricardo III e aos MacBeth. Todos eles encarnados no gángster – mesmo Hamlet, con esa ansiedade proendo o seu peito e tratada pola psiquiatra italo-americana que dá o contrapunto, a posibilidade dunha illa de prosperidade decente na integración do inmigrante–.
Soprano e a súa soidade levarán James Gandolfini á historia da Arte. Como en todas as fábulas absurdas da vida, o eterno secundario sufrirá a cruel brincadeira da morte no cénit da súa carreira
Soprano e a súa soidade levarán James Gandolfini á historia da Arte. Como en todas as fábulas absurdas da vida, o eterno secundario sufrirá a cruel brincadeira da morte no cénit da súa carreira. Mesmo o vello Silvio Dante retrataría a situación con precisión facendo apenas unha pequena variación na súa estelar imitación de Pacino: “Just when I thought I was in, they pull me back out”. A Parca sempre foi caprichosa.