Uns orzamentos para reducir o déficit social e favorecer a recuperación económica

CC-BY-SA Praza Pública

A lectura do proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 que o goberno español de torno (PSOE/UP) ven de aprobar pon de manifesto varias evidencias.

Que este goberno, fixando un teito de gasto récord, segue empeñado en ir reducindo progresivamente o grande déficit social que España viña arrastrando en relación os estados europeos do noso entorno. Cun 60% do gasto público destinado a gasto social estes Orzamentos son, sen dúbidas, os mais progresivos de sempre na democracia española. Entrando no detalle compre subliñar o esforzo fiscal en atención sanitaria, dependencia, desemprego, ensino, exclusión social, igualdade e pensións públicas -esperemos que este compromiso de gasto en pensións serva para eliminar as dúbidas que sobre esta materia sementou o goberno coas súas ambivalentes manifestacións-.

Que con esta estratexia de progresividade no gasto -como sinalaba antes son, sen xénero de dúbidas, os Orzamentos públicos mais progresistas da historia- o goberno demostra que está realmente preocupado por aqueles que peor o están pasando -desempregados, mocidade, dependentes, minorías, familias pobres ....- e que busca unha recuperación económica que ademais de xusta se manteña no medio e longo prazo.

Que con esta aposta por incrementar o gasto público o goberno español segue considerando que os Orzamentos públicos deben ter un carácter anticíclico. Rompe así co dogma neoliberal que mantén o contrario e que contra tódalas evidencias sostén que o gasto público despraza ao gasto privado. Por este motivo a proposta do goberno español de, por caso, incrementar fortemente o investimento público vai no camiño correcto pois tódalas experiencias históricas nos demostran que unha boa aplicación do investimento público turra do investimento privado e axuda a incrementala produtividade e o emprego. Un incremento récord no gasto en inversión que busca compensar a caída na inversión privada e que confirma que o goberno español aposta por uns orzamentos expansivos tal e como require o ciclo que atravesa a economía española. 

Si hai que buscar unha crítica a estes orzamentos a atopamos no apartado dos ingresos tributarios. O goberno español de torno segue sen afrontar a necesaria reforma fiscal o que limita enormemente a suba dos ingresos. Ben é certo que como sinalaba a ministra, a señora Montero, están a espreita do ditame dos expertos que deberan presentar as súas conclusións en febreiro do 2022. A pesar diso é xusto sinalar que a suba da recadación tributaria prevista (+8,1%), que se confía a recuperación da actividade e o emprego, aínda que de lograrse sería a maior da historia é moi modesta tendo en conta a realidade fiscal española o que repercutirá no déficit e na débeda pública. Seguen pendentes por tanto a redución da enorme fraude fiscal e as reformas para unha maior equidade e xustiza fiscal (IRPF. Imposto de Sociedades, Imposto de Patrimonio.....) de tal forma que o reparto dos custos da recuperación e o crecemento económico sexan mais equitativos.

Sinalar que estes orzamentos, tal e como afirma o profesor e amigo Juan Torres, veñen a darnos a razón aos economistas progresistas que contra toda a propaganda da ortodoxia neoliberal, oficial e oficiosa, vimos defendendo que os Orzamentos Públicos deben ser anticíclicos, que na conxuntura que arrastramos uns orzamentos que rexeiten a austeridade e aposten polas políticas expansivas non so son posibles senón necesarios. Mais aínda, son os únicos que nos poden sacar da grande recesión e avanzar a maiores cotas de igualdade e xustiza social. Por tal razón podemos afirmar que estes orzamentos públicos, aínda que non suficientes, van na dirección axeitada.

Pero non nos enganemos. Si agora son cada vez mais as autoridades públicas e os organismos oficiais quen propoñen medidas expansivas non é por que teñan abandonado a ortodoxia senón por que a situación é de tal gravidade que non cabe seguir teimando naquelas políticas que nos estaban levando ao desastre colectivo. Por parte das clases dominantes se trata, xa que logo, non de superalo capitalismo senón de salvalo dos seus propios erros.

Finalmente desexar que o goberno español de torno teña a suficiente flexibilidade para chegar a un acordo nos orzamentos tanto coa maioría parlamentaria que o apoia como cos axentes sociais. Maioría parlamentaria e axentes sociais que non deberan perder de vista a grande e brutal ofensiva que as dereitas políticas, sociais, xudiciais e mediáticas están despregando para derribar este goberno. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.