Vacinamento obrigatorio?

Administración da vacina de AstraZeneca © Xunta

Hoxe é da máxima actualidade o debate sobre o vacinamento obrigatorio, tanto no que se refire á obriga directa, baixo sanción, como á indirecta, cando estaríamos suxeitos a importantes limitacións na nosa vida pública de non nos vacinar.

O primeiro sería fixar un marco legal que permita decidir, caso por caso, a posibilidade de distintas graduacións de obriga directa ou indirecta das vacinas. Coa información dispoñíbel consonte co estado actual da ciencia semella que poden existir situacións epidemiolóxicas en abstracto que requiran desta obrigatoridade, directa ou indirecta, nomeadamente para determinados colectivos. Que requiran que cedamos substancialmente no noso dereito fundamental á privacidade para garantir o dereito á vida e integridade física de moitos. Velaí a xustificación dunha reforma da Lei Orgánica 3/1986, de medidas especiais de saúde pública, facultando á Xunta de Galicia e demáis Administracións autonómicas (titulares das competencias de Saúde Pública e únicos que teñen a información local epidemiolóxica para decidir aqueladamente) a lexislar distintos graos de vacinamento obrigatorio, sempre suxeitos aos requisitos de proporcionalidade, necesidade e axeitamento das medidas ás súas fins sanitarias.

É xustificábel adoptarmos na Galicia medidas de vacinamento obrigatorio para a Covid-19? Ao mellor si para persoal da asistencia sanitaria primaria e hospitalaria e para traballadores das residencias da terceira idade e dependencia, mais non con carácter xeral

Despois sería o Parlamento galego quen habería reformar a nosa lei de saúde para regular un procedemento transparente e participativo para que a Xunta adoptase eventuais medidas de obrigatoridade do vacinamento directa ou indirecta, onde a comunidade científica e médica, as forzas políticas e os axentes sociais poidan achegar as súas alegacións e suxestións. A resolución administrativa da Xunta, adoptada ao abeiro da así reformada Lei de Saúde de Galicia, sería revisábel polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao abeiro do procedemento urxente de protección de dereitos fundamentais, no que pode suspender cautelarmente as medidas administrativas adoptadas. Nesa revisión xudicial o TSXG decidiría se as medidas de vacinamento obrigatorio adoptadas pola Xunta serían legais, ao abeiro dos devanditos requisitos de axeitamento á súa fin sanitaria, proporcionalidade e necesidade.

É xustificábel adoptarmos na Galicia medidas de vacinamento obrigatorio para a Covid-19? Ao mellor si para persoal da asistencia sanitaria primaria e hospitalaria e para traballadores das residencias da terceira idade e dependencia, mais non con carácter xeral, pois que: i) moi axiña estará vacinada voluntariamente máis do 90% da poboación vacinábel, polo que son innecesarias e ii) non serían medidas proporcionais, tendo en conta que as empresas produtoras das vacinas de primeira xeración esixiron ser eximidos de toda responsabilidade por danos causados por éstas. 

Cómpre regular o marco para adoptar medidas desta caste no futuro, mais semella que na Galicia de hoxe non teñen encaixe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.