Vai pasar algo, veremos o que

Vai pasar algo ou está a pasar. E cando pasa algo, normalmente unha apisoadora, faino por riba dos que estamos abaixo. Tras o decorado da Monarquía. Somos bastante parvos e ignoramos o que ocorreu e está a ocorrer tras os pesados panos pero é evidente que houbo barallada e movementos de mobles ao redor da Casa Real.

É evidente que houbo barallada e movementos de mobles ao redor da Casa Real

Para buscar unha saída á historia que nos contan, a esta obra teatral que ten o escenario cheo de miseria, corrupción e esganamento da democracia ofrecéronnos, como un Deus ex machina, o advimento dun novo rei.

O que nos contan non pode ser máis mítico: o novo rei é un elixido que arrincará a espada da pedra, removerá os obstáculos que ten o seu pobo ante si e inaugurará unha nova era de harmonía e abundancia. O resultado é ridículo porque os espectadores neste momento xa non están dispostos a crer un conto así (aínda que o compraron de gusto hai poucos anos cando as cousas parecían marchar).

Os que se manteñen entre sombras son os representantes do IBEX 35. Aínda que se deixaron ver e retratar nas vésperas do magno evento, metendo as súas mans en fariña política e axudando ao amasado da empanada que nos presentan

Máis interesante que o novo acto de A España máxica, que parece protagonizada por figuras de purpurina, son os manexos das sombras grotescas escapadas dos espellos do Canellón do Gato valleinclaniano. Na calor do enredo algunhas figuras saen de bambalinas e achéganse ao proscenio para falarnos, explicarnos o sentido da peza teatral, outras en cambio só podemos albiscalas ao lonxe como sombras chinesas.

Os que se manteñen entre sombras son os representantes do IBEX 35. Aínda que se deixaron ver e retratar nas vésperas do magno evento, metendo as súas mans en fariña política e axudando ao amasado da empanada que nos presentan. Os máis conspicuos, coma Botín, adoitan aparecer apoiando as políticas e o optimismo do Goberno, pero nesta ocasión todos entenderon que había que manchar un pouco as mans.

E as figuras que se mostran e nos falan desde o proscenio, actuando como intelectuais orgánicos do sistema económico e político e como portavoces da manobra en marcha, son un membro dun consello de administración e tamén político que parecía xubilado pero está moi activo, Felipe González, e un xornalista que preside unha importante empresa de comunicación, Juan Luís Cebrián. Un día e outro argumentan tanto a Monarquía como a necesidade de que o novo rei interveña na vida política.

Rajoy executa fielmente as políticas económicas e sociais que lle piden, os recortes democráticos e a represión ninguén llo pide e xa corren por conta súa, pero é un verdadeiro desastre como político

É evidente que se os poderes económicos e os seus intelectuais optan por ese camiño, debido principalmente ao fracaso do PP, é porque cren que a situación é moi seria.

Rajoy executa fielmente as políticas económicas e sociais que lle piden, os recortes democráticos e a represión ninguén llo pide e xa corren por conta súa, pero é un verdadeiro desastre como político: non se move da súa posición cando todo ao seu ao redor e, sobre todo, debaixo del está a cambiar. A súa propia xente cualifícao de Don Tancredo.

E efectivamente el, que é quen ten que manexar a circulación, pode provocar un choque de trens co convoi que xa está en marcha e baixa de Catalunya cara a Madrid. Niso hai que recoñecer que Rajoy é un personaxe de principios, foi educado na Unha, grande e libre e é fiel a si mesmo, el e o seu partido son a peor elección posible para xestionar desde o estado o proceso político catalán. Como lle poden pedir que cambie agora cando chegaron ao Goberno atizando o nacionalismo españolista, tanto alimentándoo co terrorismo e as súas vítimas como con acusacións cara aos cataláns.

O PSOE móstrase como un partido atrapado polo seu pasado. Os seus gobernos, xunto cos do PP, son corresponsables da configuración actual do estado e do sistema financeiro e económico tal como agora é

Por outra banda, a outra pata do sistema político, o PSOE, atópase sumida nunha crise profunda. Aos poderes económicos tampouco lles inspiran confianza os candidatos a dirixir o partido, non saben se poden confiar plenamente neles nin se terán capacidade para liderar unha parte da sociedade que debe ser conducida docilmente sen que rompa co sistema político vixente.

O PSOE móstrase como un partido atrapado polo seu pasado. Os seus gobernos, xunto cos do PP, son corresponsables da configuración actual do estado e do sistema financeiro e económico tal como agora é. Até aquí chegouse por unha serie de decisións, desde o caso Rumasa e Mario Conde até o desastre das caixas, particularmente Caixa Madrid /Bankia, pasando pola privatización das empresas públicas, un verdadeiro saqueo ao estado.

Tampouco acertan a imaxinar unha política económica e social distinta á que practicou. O pacto no parlamento europeo entre populares e socialdemócratas ao redor dun mesmo candidato, Junker, e unha mesma política económica é como asinar o que moita xente cre hoxe, que son as dúas caras do mesmo.

Podemos é un fenómeno político que merece unha atención en si mesmo, pero mostra a desafección e o resentimento dunha parte da sociedade cara ao réxime político. E agora que se abriu esa canle de expresión soamente vai crecer

Podemos é un fenómeno político que merece unha atención en si mesmo, pero mostra a desafección e o resentimento dunha parte da sociedade cara ao réxime político. E agora que se abriu esa canle de expresión soamente vai crecer. A aparición dese cuestionamento do sistema político engadiu incerteza e ansiedade nos peitos dos próceres.

Estes ven o mesmo que ve a sociedade, que o sistema político baseado nos dous grandes partidos estatais se descompuxo e chegou ao seu termo, é unha crise do Réxime. E iso no medio dunha crise económica e social que aínda ten percorrido, a pesar do que predique este Goberno polas súas conveniencias electorais.

Trátase de volver a solucións extraordinarias, de apartar os políticos votados nas urnas e pór outras persoas. Unha situación que ten parentesco coa vivida no último goberno de Suárez

Desde logo que os amos de España non confían nos españois (a democracia é unha cousa demasiado importante como para deixarlla á cidadanía, pensan) pero tampouco confían xa neses dous partidos, son uns incapaces, e decidiron actuar. Trátase de volver a solucións extraordinarias, de apartar os políticos votados nas urnas e pór outras persoas. Unha situación que ten parentesco coa vivida no último goberno de Suárez.

Lembremos evidencias, nesta Europa un estado como Grecia foi atacado economicamente con brutalidade e a súa soberanía foi secuestrada e a un estado como Italia quitáronlle e posto presidente de goberno. Pero neste caso español é unha operación política nada desde dentro do país para someter o estado e a cidadanía.

Constatamos dúas realidades que deben preocupar. Por unha banda, os medios de comunicación de ámbito estatal mostraron de modo unánime a súa implicación na operación política en marcha, a abdicación e a proclamación do novo rei. O cal pon en cuestión que en España exista verdadeira liberdade de expresión. E, doutra banda, xa temos de ministro de Economía a Luís de Guindos, un home de Lehman Brothers e con dicir iso basta. Habería que engadir a constante represión da cidadanía que se defende dunha política inxusta e que esixe o mantemento da democracia. Neste momento xa estamos a vivir unha situación de anormalidade democrática.

Trataríase de que Felipe reine e tamén forme goberno. Isto complétase coa pretensión de que faga o que non pode nin quere facer Rajoy, ofrecerlle unha saída a Mas e a unha parte da sociedade catalá para evitar unha ruptura

Despois de tanto cacharrear, o prato que nos están preparando de sobremesa só pode ser, tras ternos suxeitos e apertados, un goberno de excepción. Ben nacido dunha coalición entre os dous grandes partidos estatais, posibilidade hoxe difícil porque sería un suicidio político dos socialistas, ou ben un formado por técnicos económicos co consenso dos dous grandes partidos. E quen pretenden que faga de maître e nos aconselle o prato cos mellores modais? O novo rei. Trataríase de que Felipe reine e tamén forme goberno. Isto complétase coa pretensión de que faga o que non pode nin quere facer Rajoy, ofrecerlle unha saída a Mas e a unha parte da sociedade catalá para evitar unha ruptura.

Creo que están a xogar cos nosos medos. A xa débil confianza na democracia española escapa entre os dedos

En realidade, agora que o penso, sigo téndolle medo a España. Cada sociedade ten as súas características e a súa historia que pesa e condiciona, o que no país das trapacerías, Italia, se resolve coa complicidade de todos e entre burlas públicas, no país das traxedias, España, resólvese sempre doutra maneira.

Non sei como será vivir noutros lugares con outro pasados pero a min ségueme parecendo sinistro que, con motivo da proclamación do novo rei, desfilen tropas por diante do Parlamento. Ou que, nestas circunstancias, Rajoy lles diga a cincocentos militares “España é unha patria común pola que merece a pena sacrificarse”. Creo que están a xogar cos nosos medos. A xa débil confianza na democracia española escapa entre os dedos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.