Vaise de Erasmus Ministro

Cando o Programa Erasmus cumpreu en 2012 un cuarto de século, coincideu que un grupo de representantes do pobo no Parlamento Europeo, acordamos presentar unha pregunta no Pleno de Estrasburgo en outubro de 2012 diante da ameaza de recorte comunitario da bolsa Erasmus que había hai xusto un ano. Ademais dos datos do orzamento evidentes, houbo centos de chamados de estudantes afectados no pagamento das súas bolsas que non chegaba porque había un retraso considerable e porque no marco dos recortes europeos, o programa Erasmus, podía ser un dos primeiros sacrificados. Intervín nunha dobre condición, representando como eurodeputada galega ás mozas e mozos de Galiza que poderian estar afectados por ese recorte como na condición de antiga estudante Erasmus (dos 754 MEPs daquela, arredor de 40, os máis novos, evidentemente, porque o programa naceu no 87, tivemos unha bolsa Erasmus).

Erasmus é máis que un símbolo, é unha das iniciativas de maior suceso da Europa que podería ser, unha realidade que realmente comunicou sociedades e persoas

Porque Erasmus é máis que un símbolo, é unha das iniciativas de maior suceso da Europa que podería ser, unha realidade que realmente comunicou sociedades e persoas. Para moitos de nós, representou unha posibilidade inimaxinable de aprender, convivir e respeitar e no meu caso, non podo negar que son, para ben e para mal, a suma dunha iniciática andaina o que abreu esta bolsa. Ir ao extranxeiro, hai uns anos, e agora máis coa crise, era para moitas familias un imposible e estaba reservado a uns cantos, que por posibilidades ou mesmo por mentalidade, podían permitirse esa experiencia. Erasmus democratizou ese acceso a outra educación europea e partillando outras realidades posibilitando que moita xente de familias que na súa vida soñarían poder dar a seus fillos e fillas un ano no extranxeiro, poideran ir a Londres, a Bolonia, a Passau, a Lund, a Lyon, a Varsovia, ….Pola axuda económica e tamén polo recoñecemento dos estudos.

Erasmus democratizou ese acceso a outra educación europea e partillando outras realidades posibilitando que moita xente de familias que na súa vida soñarían poder dar a seus fillos e fillas un ano no extranxeiro

Por iso, cómpre lembrar a función social educadora que tivo e ten este programa, baseado fundamentalmente na tolerancia. O Ministro Wert, caracterizado pola intolerancia, alardeaba onte no seu twitter que voltaba dunhas xornadas no extranxeiro e xustificaba a orde aprobada en ligar a supresión da contribución do Ministerio para centrarse nas rendas máis baixas, unha excusa inxustificable. Mentras, a rede quencía co #ErasmusRIP, perante o anuncio feito, con carácter retroactivo, de retirar axudas complementarias do Ministerio para este presente curso académico. Por fin rectificou, presionado pola xente, e tamén porque a propia Comisión Europea, considerou hoxe inaceitable un anuncio retroactivo. Esto coincidía coa aprobación hoxe na Comisión de Educación e Cultura da Eurocámara co novo marco do programa Erasmus+, que vai contemplar por fin a situación das rendas máis baixas, vai ter maior orzamento e ampliarse non só aos estudos universitarios, e grazas á nosa emendas contemplar tamén as línguas das nacións sen Estado. Un anuncio que era todo o contrario da insólita e aillada decisión do Ministro.

Por fin rectificou, presionado pola xente, e tamén porque a propia Comisión Europea, considerou hoxe inaceitable un anuncio retroactivo

Hai moitas cousas criticables da actual Unión Europea, en especial no que afecta aos nosos sectores productivos, no enfoque cara a política da competencia e a visión monetarista que nos impón serias restriccións, recortes e roubo da soberanía, máis entre as cousas boas como pode ser este programa, ou a política medio ambiental, ou outras, non deben ser enfeblecidas. Como o novo programa Erasmus + previsto para o período 2014-2020 contempla tamén intercambio entre as administracións, propoño que manden a Wert para fóra, a un deses países europeos que invirte en educación como instrumento de creación de emprego e contra a crise, para que aprenda, e de paso, a ver se a cidadanía reaxe contra este goteo de desvaríos múltiples del e do Goberno que sofremos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.