Valle de los Caídos. II. Intervir no monumento ou a cadratura do círculo

O informe de 2011 reivindica a memoria de todas as vítimas como un acto de xustiza, en contraste coa actual e excluínte memoria de parte. Disto derívase o imperativo moral de “resignificar” o monumento explicando o seu relato simbólico nacionalcatólico

O informe de 2011 reivindica a memoria de todas as vítimas como un acto de xustiza, en contraste coa actual e excluínte memoria de parte. Disto derívase o imperativo moral de “resignificar” o monumento explicando o seu relato simbólico nacionalcatólico, o contexto, o papel dos presos republicanos na construción, os máis de 33.000 enterrados (incluídos moitos republicanos, así como, en lugares destacados, Franco e José Antonio Primo de Rivera). O Estado ten a competencia en todo o conxunto monumental, agás  na basílica. Ademais, a Fundación de la Santa Cruz del Valle de los Caídos funciona como un real padroado, o cal significa que o Goberno de España ten, a través do Patrimonio Nacional, unha ampla capacidade de disposición sobre o conxunto. A basílica é un lugar sagrado e está, en virtude dos acordos concordatarios de 1979 –cousas do noso Estado “aconfesional”–, baixo a autoridade dunha comunidade beneditina (hoxe liderada por un prior falanxista). E precisamente na basílica están os restos de Franco, que non é un caído, conque non debería estar alí. Ademais, co ditador no monumento é moi difícil levar a cabo esta proposta.

En definitiva, a comisión recomenda, en primeiro lugar, unha “resignificación” ética do conxunto monumental, é dicir, a súa conversión nun lugar para a memoria de todas as vítimas da guerra de 1936-1939. A praza dianteira podería servir para erixir un símbolo potente de recoñecemento das vítimas e da pluralidade das memorias compartidas, destinado a fomentar a convivencia democrática. Debería haber, en segundo lugar, un espazo para a meditación e mais un centro de interpretación que inclúa unha exposición permanente. En terceiro lugar, no interior da basílica non pode haber actos políticos, a igrexa católica debe autorizar o traslado dos restos de Franco fóra da basílica e cómpre que os restos de José Antonio Primo de Rivera non ocupen un lugar preeminente, porque a dignidade de todos os enterrados é a mesma.

O informe de 2011 entende que o monumento non debe destruírse porque alberga un sufrimento merecedor de respecto e explicación. Así que a demolición queda descartada. Que tal a clausura e o abandono no medio da natureza?

Pero se o Valle de los Caídos é o símbolo franquista máis colosal, pode realmente ser “resignificado”? E por que, daquela, ninguén defende a terceira intervención (c)? Sabemos que os lugares da memoria nos invitan a valorar a liberdade fronte ao extremismo e serven para coñecermos e superarmos acontecementos gravísimos, para mantermos viva a memoria e para reflexionarmos, e que constitúen instrumentos pedagóxicos esenciais para a formación histórico-política e para a educación nos valores democráticos. Non conviría, en consecuencia, que a mole de Cuelgamuros documentase a persecución dos que se opuxeron á rebelión militar contra a República? Rexeitadas as opcións primeira e terceira (a e c), e se finalmente non fose posíbel implementar tampouco a segunda (b), quedaría por ver que dá de si a cuarta (d). Un museo sobre o totalitarismo? Un lugar de interacción cidadá? Unha intervención artística? En todo caso, o informe de 2011 entende que o monumento non debe destruírse porque alberga un sufrimento merecedor de respecto e explicación. Así que a demolición queda descartada. Que tal a clausura e o abandono no medio da natureza?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.