Vén con nós a gozar

Non, aínda que o nome así o presupón, non vou falar dun prostíbulo, un lugar onde algunhas mulleres son compradas e usadas como cousas, mercadorías, corpos sen identidades persoais. Hai quen paga e goza con iso, e son humanos, din.

Pois non, o estrafalario é que o slogan: Apetéceme. Vén con nós a gozar, é o texto gravado nos uniformes das camareiras do novo hospital de Vigo, Álvaro Cunqueiro, xa famoso. Quen pode gozar nun lugar onde hai pena, dor, sangue, morte. Unicamente Drácula. Mais, de acordo coa efusión das camareiras, nesa cafetería serven alcohol!! Non, non é para matar os fungos, nin os ratos que seica teñen un alimento pladurento recubrindo as paredes que lles rechifla, e que arde mellor que o monte, e rodeado de monte está o edificio.

Nunca se viron tantas expresións de asombro nas caras das persoas da cidade que chegan a coñecer estas e outras excentricidades dese susodito Centro de Saúde. O hospital está no monte. Mal está, pero sobra espazo ao redor para que as persoas doentes que alí acudan poidan deixar os coches. Imposible. A estrada remata nun funil que conduce o vehículo, irremisiblemente, a un aparcadoiro privado de onde xa non pode saír sen pagar. Unha rateira. Claro! Por iso hai tantos ratos.

Non son a xente realista deste país da que se deixa baleirar os petos así como así. Colleulle gusto ao público e, con razón, non está disposta a perder os servizos que tiña nin os xantares que lles ofrecían nos outros hospitais da cidade. 

Por iso, o pasado día 3, saíron en tromba, non en manifestación, que acostuma ser unha demostración de protesta pública ordenada, senón nunha aglomeración que nunca se viu, de masas amoreadas, invadindo rúas, beirarrúas, sen deixar espazo. Non cabía un alfinete.

O feito daba para dimisións. Aquí non hai costume, nunca dimite ninguén. Pero hai certo costume: votar o partido conservador que lles parece o máis adecuado para conservar as propiedades. Agora ben, o peto que non llo toquen. Que isto non é Madrid, eh! Quedan avisados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.