Ver a viga no ollo alleo e non vela no propio

Os desaforados ataques a Trump polos medios de comunicación ao uso pretenden dar a impresión de que Europa é outra cousa, onde a súa democracia é o espello no que deberían mirarse todos aqueles imperios desnaturalizados ante a súa exemplaridade, imperial tamén que para iso estamos na OTAN.

A desvergoña na ridiculización do Capitán América cando habitamos unha Europa que se deslíza a velocidade de cruceiro pola rampla da extrema dereita, o fascismo, o nazismo, o totalitarismo ou como queiramos chamarlle, resulta dunha hipocrisía abraiante, pero útil para a intención de propagar que agora hai alguén pior do que padecemos aqui, sempre hai alguén pior o mesmo que sempre hai alguen máis pobre que outro pero iso non disimula a pobreza xeral como aquelo non palía a maldade global, non é Europa precisamente un exemplo de atención á inmigración: miles de afogados no mar fronte ás súas costas, campamentos de miseria pretendendo acceder aos seus países, valos de aramados de espiño nas súas fronteiras e represión violenta contra este éxodo migratorio cara Europa, nos contemplan. Europa tamén é un bastión xenófobo, sábeno ben as ONGs que están nos lugares dos feitos.

Este pim pam, trump non pode desfigurar o que  fatalmente tamén temos na nosa propia casa, como unha extrema dereita coexercendo poder amigablemente coa dereita tradicional nos países nórdicos de Noruega, Dinamarca e Finlandia, amizade que incluso exténdese a Suecia aínda que neste país non manden, unha Holanda onde as enquisas prevén que a extrema dereita sexa o partido máis votado nas próximas eleccións, unha  Austria onde a extrema dereita gañou as eleccións na primeira volta, e polo tanto é a primeira forza política dese país e na segunda volta perdeu pola mínima diferencia, unha Polonia na que goberna a extrema dereita que algúns queren suavizar chamándolles ultraconservadores (que palabrexas!), unha Hungria onde afiánzase un poder ditatorial, un Reino Unido baixo un goberno de dereitas que aprobou o Brexit  e polo tanto suponse que como bós anglosaxóns as súas relacións máis normais serán cos seus colegas norteamericanos que ademais falan o mesmo idioma, unha Italia caótica que non se sabe quen manda alí, unhas potencias como Francia e Alemania onde no primeiro caso o próximo enfrontamento electoral ao parecer será entre a dereita e a extrema dereita, miudo dilema, e no segundo a extrema dereita considérase xa como o terceiro partido dese estado, e por último unha España que é un caso aparte, onde  goberna un Partido Popular que provén doutro denominado Alianza Popular dirixido por un ministro da ditadura franquista como Manuel Fraga, o que amosa xa a súa ideoloxia fascista que dalgún xeito transmite ao seu novo partido con persoal incluído, por algo foi o seu primeiro presidente, así confórmase un hibrido entre unha dereita clásica neoliberal e uns importantes retrincos da extrema dereita, sirva como exemplo a súa animadversión á memoria histórica, as continuas oposicións ás súas reivindicación antifranquistas, a lei mordaza como símbolo do incremento represivo cara as liberdades cidadáns, as actitudes inhumanas coa inmigración alcumada ilegal… , non é, polo tanto, casualidade que aquí non xurdise con forza unha extrema dereita pura e dura ao ser subsumida nunha simbiotización que concluiu nunha dereita “borrosa”, recorrendo a ese atinado termo do psiquiatra Santiago Lamas.

Deste xeito, o fascistoide e bárbaro espíritu do trumpismo témolo tamén nas nosas portas europeas, e cruzaralas se as persoas boas non fan nada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.