Vicente Ginesta Galán, “o gardián do Museo de Anestesia”

CC-BY-SA Universidade de Cuenca

Este 5 de novembro de 2024, en plena emerxencia sanitaria pola terrible catástrofe natural na súa terra de orixe, coma se de cousa de meigas se tratara, desapareceu un grande da anestesia galega e valenciana. Vicente Ginesta Galán, valenciano de nacemento e formación pero galego de adopción por matrimonio, profesión e vida

Este 5 de Novembro de 2024, en plena emerxencia sanitaria pola terrible catástrofe natural na súa terra de orixe, coma se de cousa de meigas se tratara, desapareceu un grande da Anestesia Galega e Valenciana. Vicente Ginesta Galán, valenciano de nacemento e formación (31/07/1941) pero galego de adopción por matrimonio, profesión e vida.

Foi Xefe Clínico de Anestesia do Hospital Xeral de Galicia e Profesor na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Logo de propoñelo xa en 1978, fundou o Museo Nacional de Anestesia en 1981 sendo o seu Director e organizador ata o final da súa etapa profesional. O seu compromiso e adicación fixeron posible a asistencia, con exposición de valioso material, a congresos e reunións científicas nacionais e internacionais, e a publicación en 2022 do libro “Museo Nacional de Anestesia” (Ed. Bolanda) no que participou activamente. 

Leu a súa Tese Doutoral “Desarrollo y evaluación de sistemas de ventilación a altas frecuencias” en 1994 na Universidade de Santiago de Compostela.

O seu interese por estar á vangarda dos avances científicos e tecnolóxicos ponse de manifesto co deseño e desenvolvemento dun dispositivo de ventilación de alta frecuencia xa nos primeiros anos nos que xurdiu esa alternativa terapéutica.

Xeracións e xeracións de anestesiólogos lembraremos sempre a Vicente Ginesta coma un grande entre os grandes. Sempre discreto nas formas, pero os actos falaban por el

Xeracións e xeracións de anestesiólogos lembraremos sempre a Vicente Ginesta coma un grande entre os grandes. Sempre discreto nas formas, pero os actos falaban por el. Grande como Anestesiólogo pero xigante nos Coidados Intensivos por Anestesia. A Reanimación era o seu fogar e os residentes de anestesia a súa familia. Publicador, avezado lector, e sempre á ultima. O seu despacho desbordaba tanta ciencia que informar ós familiares dos pacientes, ás veces resultaba un arduo labor. O Doutor Ginesta, sempre tan elegante, apartaba discretamente os “papers” cunha man dos asentos mentres coa outra, nun cortés xesto lles dicía ós familiares: “tomen asento, tomen...”, no medio daquela algarabía de libros e papeis.

Ave nocturna da Reanimación, Guadiana que entraba e saía polas portas da Unidades sempre ideando proxectos, aquelando solucións, cambiando tratamentos, sempre pensando por e para o paciente

Ave nocturna da Reanimación, Guadiana que entraba e saía polas portas da Unidades sempre ideando proxectos, aquelando solucións, cambiando tratamentos, sempre pensando por e para o paciente.

Os seus posters de Historia da Medicina empapelaban Congresos Nacionais e Internacionais ano tras ano e os residentes faciamos encaixe de Camariñas para presentar en tres salas á vez tanta ciencia, iso si, orgullosos de que o CHUS, Santiago de Compostela e os Doutores Ginesta, Avelino Franco, Joaquín Cortés e Julián Álvarez estiveran sempre representados alén dos mares, aínda que levaramos exceso de equipaxe ou asento extra nos avións para tanto material científico!

Creou novas técnicas, adaptou outras ó noso medio, e era o rei da ventilación mecánica en Reanimación. Todo anestesiólogo galego de moitas xeracións aprendeu a facer traqueostomías percutáneas contigo, Vicente!!

foi a Alma e Guardián do Museo Nacional de Anestesia, museo único no seu xénero, levando xunto a Avelino Franco e Joaquín Cortés a Historia da Anestesia a lugares insospeitables

Foi profesor e Xefe de Sección, escribiu artigos e libros, ponente en mil congresos pero sempre discreto, calado. Falaba cando tiña algo que dicir. E cando el falaba o resto escoitabamos. Porque era moi sabio, un xenio despistado coma son tódolos xenios. A súa esposa Mª Victoria, anestesióloga sabia coma él pero menos despistada sempre estaba aí para baixar a Vicente á terra e conéctalo co mundo terrenal.

E foi a Alma e Guardián do Museo Nacional de Anestesia, museo único no seu xénero, levando xunto a Avelino Franco e Joaquín Cortés a Historia da Anestesia a lugares insospeitables.

Aló onde esteas, seguro que xa tes un despacho decorado cos teus libros e pósters e inventos que tódolos días te recordara o gran Doutor Cum Laude que es, Gran Vicente Ginesta Galán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.