Vigo e A Coruña son a mesma cidade!

Vigo é A Coruña son a mesma cidade. Esta é visión que defendo na novela A Gran Travesía de Chiruca Macallás. E que ilustrarei en vindeiras datas cun roteiro intermitente que inclúe Urzaiz, Rúa da Torre, Teis e mais Labañou. Visión como mínimo chocante, seino. Xusto o contrario do que afirma un mesmo localismo nos barrios do norte e do sur.

Diante dos ollos do océano, Vigo-Coruña son dous puntos de atraque, dunha mesma recalada, no medio da ruta marítima máis importante do Mundo

Achego un argumento extenso: todo o mar. Diante dos ollos do océano, Vigo-Coruña son dous puntos de atraque, dunha mesma recalada, no medio da ruta marítima máis importante do Mundo. Por terra nada sabemos desta perspectiva, precisamente porque é un gran negocio a propia incomunicación.

Un amigo, Pablo Gallego profesor na Escola de Arquitectura da UdC, comeza cada ano as clases deste xeito: A carón do mapa de Galiza, un plano do metro de Tokyo. Ambos os dous coinciden en extensión. A principal diferenza: O que por aquí é unha tortura de peaxes, convértese nun billete de metro pola banda de Xapón.

As persoas que viven no Calvario, en Coia ou Teis, son as mesmas persoas que viven nos Castros, Monelos e Labañou

As persoas que viven no Calvario, en Coia ou Teis, son as mesmas persoas que viven nos Castros, Monelos e Labañou. Familias obreiras, de todas as aldeas, que viñeron buscar traballo á beira do mar. Pero ninguén lle di á xente dos Mallos onde está Coia, nin aos de Teis onde queda Labañou.

Un gran negocio, si, a incomunicación. Sobre todo para as elites dominantes que, dende sempre, procuraron que estas familias esquecesen as orixes  para convertelas en dúctil masa popular, sempre disposta a seguir as arengas dos seus intereses localistas (intereses das elites, non dos obreiros).

A Coruña é Vigo son a mesma cidade. E velaí a proba definitiva: Abel Caballero quere ser como Paco Vázquez.

Xa no terreo da curiosidade, acudo ao aval da toponimia. Onde queda a Falperra? Reposta correcta é en Vigo e na Coruña. O Berbés en Vigo, mais a Berberiana (praia) na Coruña. Riazor no norte e tamén Riazó no sur -así o lembra aínda a xente maior- moi perto precisamente do estadio de Balaídos.

A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Este aserto é en si mesmo unha provocación. Mais tamén unha proclama de futuro.

Que acontecería se a dúas urbes con maior número de habitantes de Galiza superasen os negocietes localistas e comezasen a colaborar? Pois que non existiría poder portuario maior que o noso (pobre Rotterdam pequeniña e os seus oitenta quilómetros de peiraos). E comezariamos por fin a lle quitar rendemento a ese inmenso negocio que flúe diante dos nosos fociños… cara outros portos.

Que acontecería se a dúas urbes con maior número de habitantes de Galiza superasen os negocietes localistas e comezasen a colaborar? Pois que non existiría poder portuario maior que o noso

Este país deixaría de ser periferia, para nos converter -centro do mar- nunha verdadeira talasocracia.

Por certo, mesmo contribuiriamos a mellorar a propiedade da linguaxe. Porque o día no que A Coruña e Vigo comezasen a colaborar de verdade, ninguén podería impedir que, honrando o seu nome, o Corredor Atlántico -grande eixo de comunicación trans-europeo-  chegase por fin Galiza.

Eu non o verei. Entre outras razóns porque sobre os portos da Coruña e Vigo non deciden os habitantes da Coruña e nin  os de Vigo. Dependen –tíralle do aire- directamente de Madrid. Eu non o verei. Arega de futuro. Quizá a miñas fillas si.

Vigo e A Coruña son a mesma cidade…despois está Bouzas.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.