Vigo, ou como poñer a cultura ao borde da extinción

Rúa do Príncipe, en Vigo CC-BY-SA Kirsi L-M

Tras estudar fóra unha tempada chego a Vigo, miña cidade natal, e atópome cun deserto cultural. Debatimos no grupo de amigues é normal, é unha cidade industrial; que a elite artista está afastada da realidade da comunidade; que a universidade queda lonxe, e que iso non fomenta achegar á xuventude á esfera activa. Que é unha situación excepcional; que a pandemia castiga "por igual" a tódolos sectores. 

Tras estudar fóra unha tempada chego a Vigo, miña cidade natal, e atópome cun deserto cultural

Saen preguntas a debate: ata que punto é prescindible a cultura? En que beneficia ao sector funcionar practicamente de manera online? Pero a cultura é un ben básico? Que tipo de cultura buscamos ter? Que pasa no resto de Galicia? Que pasa no resto do Estado? Pero ti tamén marchas o ano que vén? Ah, pero alí xa levades con concertos, cine e teatro todo este tempo? 

Vigo viviu nos 80 dúas vías de ocio: a explosión cultural da Movida e o consumo excesivo de drogas. En parte ían ligadas no seu momento. Actualmente, nesta situación post-pandémica semella que o segundo medra exponencialmente nas esferas privadas e o primeiro desaparece. Estamos perdendo tempo en escapar da realidade, no canto de transcender dela ou mudala. 

O problema é que a esfera política nos pecha todos os camiños posibles con falta de financiamento, resposta, preocupación e implicación. A audiencia tampouco reflexiona sobre a necesidade da actividade cultural

Ollo, por un lado podemos encontrar que hai centos de portas por abrir nunha situación onde a cultura xa tiña que cambiar radicalmente pola súa precariedade e falta de coidados. O problema é que a esfera política nos pecha todos os camiños posibles con falta de financiamento, resposta, preocupación e implicación. A audiencia tampouco reflexiona sobre a necesidade da actividade cultural. O ocio nocturno mantén certa reivindicación, pero dende unha posición moi afastada da cultural. (Non quero quitarlle peso á loita da hostalaría, que non se me malinterprete, pero temos que comezar a comprender cando estamos consumindo turismo nocturno ou cultura nocturna). 

Moites artistas marchan, a maioría fóra da comunidade galega, outres máis afortunades ao norte de Galicia, que polo menos mantén pequeniños focos de esperanza, inda que non menos desoladores e sempre baixo as mans de Feijóo e dun despilfarrado Gaiás inutilizado. 

Moites artistas marchan, a maioría fóra da comunidade galega, outres máis afortunades ao norte de Galicia, que polo menos mantén pequeniños focos de esperanza

Continuamente perdemos festivais culturais e artísticos, coma se estivesen en perigo de extinción. Normalmente cando algo é vulnerable de desaparecer, protéxese. Aquí silénciase e ignórase. Temos museos, centros veciñais, culturais e teatros baleiros mentres existimos persoas sen espazos onde traballar. Acceder aos recursos económicos ou físicos da institución é tan ineficaz que desistimos de intentalo. Péchannos o único espazo público dispoñible para a xuventude creadora, Vigosónico, cunha escusa que comezou en pandemia e rematou sen explicacións. Asociacións e colectivas desaparecen do mapa cultural ante a inestabilidade. O único cine independente segue sen poder abrir as portas e sen vistas de cando voltará. Contamos con artistas de nivel en tódolos ámbitos que non teñen o posto que merecen na súa cidade, porque tiveron que marchar para formarse ou traballar e xa non teñen opcións para voltar. 

Péchannos o único espazo público dispoñible para a xuventude creadora, Vigosónico, cunha escusa que comezou en pandemia e rematou sen explicacións

Caio na esaxeración? Se ao final ven Pantomima Full e Ignatius. Contamos cun teatro enteiro para monologuistas que xa vivían da pantalla. Tamén vén Sting a Castrelos este verán cun presuposto no que poderíase fomentar moitos concertos locais e menos perigosos en canto a aforo, dando traballo á xente da comarca e, de paso, utilizar un espazo aberto, público dunha maneira máis reiterada e segura en tempos de pandemia. 

Fago ben nomeando directamente aos políticos de correspondentes? Manter o medo a posicionarse é posicionarse a favor da opresión. A nosa oferta cultural sitúase nas peor valoradas de España, situándonos no posto 33 frente 35 cidades analizadas. Contamos nas artes escénicas cun desempleo do 95%. Non contamos con sindicato. Non contamos con espazos nin respaldo. O noso traballo corporal (e presencial) non pode ser dixitalizado e nos obrigan a "adaptarnos á situación, a reinventarnos" (coma se non o fixeramos sempre para subsistir). Dende este pesimismo que se nos presenta, proxéctase que desaparezan as artes vivas na cidade. 

Por suposto, convertémonos en cómplices. Abel continua cunha maioría absoluta, manténdose como o maior asasino cultural que tivo esta cidade. Consumimos produtos online sen pagar un euro. Ignoramos as nosas capacidades de saír á rúa. Mantéñense as solucións alternativas autoxestionadas resistindo unha treboada sen visión de rematar. 

Onde quedou esa cidade atractiva pola música, polo teatro, polas súas exposicións, polos seus festivais e encontros?

A miña pregunta cara o futuro é sobre que clase de poboación seremos e promovemos en Vigo dentro de 5, 10 ou 20 anos. Tomaremos a posición da clásica cidade de clase obreira chea de turistas desculturalizados e voraces consumistas buscando luces de nadal, a famosa droga viguesa e enchendo as praias. Onde quedou esa cidade atractiva pola música, polo teatro, polas súas exposicións, polos seus festivais e encontros? Unha cidade que voltase a ser referencia, e non porque falten artistas, que hainos, a milleiros e de calidade. Unha cidade referente en manter a arte tan viva que nunca, ninguén, encontrase a Vigo "triste, solitaria, aburrida, gris ou abandonada", adxectivos cós que comeza agora cada conversación cando volto a casa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.