Vindeira estación: Pazo do Hórreo

CC-BY-SA Praza Pública

Constitúe un lugar común afirmar que unha determinada campaña electoral comeza a mesma noite na que remata a precedente. Seguindo esa lóxica xa estariamos involucrados nos preparativos da consulta para elixir os futuros representantes no Parlamento galego.

Alberto Núñez só ten dúas opcións: ou recuncar como candidato o ano que ven ou abandonar a vida política. A presión dos cadros dirixentes do partido para que continúe xa son ben visíbeis

Neste sentido, os comicios do pasado 26 de Maio conteñen dados suficientes para tirar algunhas conclusións a respecto do futuro político de Núñez Feijóo.

Os resultados acadados polo PP no conxunto do Estado foron moi mediocres pero non deixaron totalmente queimado a Pablo Casado. Se consegue manter a presidencia da Comunidade de Madrid e dirixir o concello da capital do Estado, poderá neutralizar as propostas de substitución que terían xurdido de non obter esa marxe de poder territorial. Xa que logo, Feijóo non ten a saída que se manexaba en distintas análises durante os últimos meses: a hipótese de optar á presidencia dun PP sen Casado fica aprazada “sine die”.

Por outra banda, as cifras do PPdG nesta última cita electoral son moi preocupantes para o actual presidente da Xunta. Despois de asumir en primeira persoa a realización dunha intensa campaña nos núcleos mais urbanos do País, o balance é demoledor: o seu partido non foi quen de asegurar a posibilidade de gobernar en ningunha das sete cidades e perdeu a única maioría absoluta que conservaba na deputación de Ourense.

Nestas circunstancias, Alberto Núñez só ten dúas opcións: ou recuncar como candidato o ano que ven ou abandonar a vida política. A presión dos cadros dirixentes do partido para que continúe xa son ben visíbeis. E unha eventual retirada requiriría un certo tempo para organizar unha transición que, hoxe por hoxe, semella chea de incertidumes e temores. É ben coñecida aquela máxima de que en “tempos de treboada, mellor non facer mudanzas”: velaquí o desexo que moitos persoeiros vinculados aos poderes realmente existentes lle poden trasladar nas vindeiras semanas ao político dos Peares. O conservadorismo no sentido mais literal do termo: mais vale o problemático coñecido que unha insegura bondade por descubrir.

Existe un segmento do electorado que vai esixir probas prácticas de cooperación entre esas organizacións para outorgar crédito nas urnas a un goberno alternativo

Tal e como sucedeu no 2012 e no 2016, o éxito ou fracaso dunha eventual candidatura de Feijóo vai depender, nunha medida relevante, do comportamento das forzas políticas que integran agora a oposición no pazo do Hórreo. Existe un segmento do electorado que vai esixir probas prácticas de cooperación entre esas organizacións para outorgar crédito nas urnas a un goberno alternativo. O espello dos concellos vai ter importancia: se dominan os episodios de tensión e confrontación entre aquelas formacións que están chamadas a construír unha nova maioría nas institucións de autogoberno non existirán incentivos para reverter nas urnas a longa hexemonía do PP.

E no ámbito dos grupos que se moven á marxe do PSdG, debería existir unha reflexión adicional sobre o nivel de cooperación que require o común obxectivo de facer realidade a derrota de Feijóo. Existen fórmulas políticas e xurídicas para facer compatíbeis as identidades singulares de cada quen coa desexábel rendibilidade dos votos emitidos (lembrese o límite provincial do 5% fixado no seu momento por Manuel Fraga). Se hai vontade, hai tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.