Dar exemplo e manter unha ética intachable é un dos puntos característicos do que moitos/as entendemos debe primar no espazo político de En Marea. Cando a xente co seu voto lle permitiu conseguir a Paula Quinteiro a acta de deputada, non o fixo para que a usase como medio para sacarlles as castañas do lume aos seus amigos. Por esta acción, por interpelar á súa condición de parlamentar nun asunto persoal, a aínda deputada é a antítese do que para moitos/as de nós representa o proxecto de En Marea. Por iso debera dimitir, pero como a Paula Quinteiro o proxecto non lle importa o máis mínimo, prefire quedar e desgastar as compañeiras que si se deixan a pel polo espazo.
Porque non nos enganemos; facerlle o discurso ao PP non é pedir lexitimamente responsabilidades a quen comete un erro. Non facelo, non asumir responsabilidades, defender a alguén só “porque é dos nosos”, poñer o particular por riba do interese xeral... Iso si é facerlle o discurso ao PP. Actitudes como as de Paula Quinteiro reforzan ese discurso de clase, de clase política, ese “todos son iguais”, no que tan cómoda se sente a dereita.
Paula Quinteiro pensa que polos 348 votos polos que saíu elixida nas primarias de En Marea ten carta branca mesmo para deslexitimar as persoas inscritas coa súa insistencia en afirmar que non aceptará o resultado da consulta, sendo as inscritas quen a puxeron onde está, o que dá razón dunha pauta por parte da deputada de non querer aceptar ningún mandato das inscritas. Porque a Paula Quinteiro as inscritas, o proxecto... Non lle importan NADA.
Ela afirma que non foi ao último plenario de En Marea por razóns políticas. Tódolos/as deputados/as, por mandato estatutario, deben acudir a eles. Eis a primeira mostra de que a Paula Quinteiro impórtalle máis estar de “comilona” bebendo cos colegas, ríndose de insultos machistas proferidos contra compañeiros/as e inscritos/as que estar traballando por sacar adiante o proxecto e botar o PP das institucións. Afirman ser as que practican a ética dos coidados, do apoio mutuo e a confianza, da solidaridade... En concreto, a solidaridade Paula Quinteiro débea aplicar noutros espazos, xa que, ao contrario doutros/as deputados/as, do seu soldo, a En Marea non doa nada.
Paula Quinteiro fártase de denunciar indefensión nos medios, de por trabas a unha consulta que a Comisión de Garantías dá por lexítima, de manifestar que non vai dimitir, que fará caso omiso ao resultado da consulta…. O que resulta moi curioso.
Paula Quinteiro foi escoitada polo Consello. A minoría dos afíns á deputada trataron de parar a consulta, sementando dúbidas sobre ela en todo momento. Resulta curioso porque esas mesmas persoas teñen voz e voto nos órganos colexiados de En Marea aos que pertencen. Neses órganos, tomadas as decisións polas maiorías, deben respectarse, niso consiste a democracia, pero hai quen aínda non o ten claro.
Resulta moi curioso como para algunhas persoas, os regulamentos de En Marea teñen validez e hai que cumprilos (ou non) en función dos seus intereses.
Agora, nun novo intento de facer ruído e desgastar, falan da consulta como un “revogatorio encuberto”, curioso tamén, xa que o revogatorio sería decidido polas bases, polas mesmas persoas que van votar na consulta, esa consulta que non considera lexítima para solicitar a súa dimisión.
É acaido aquí sinalar que En Marea é un espazo que nace da mobilización social, dese 15M indignado cuns/has políticos/as que toman decisións sen consultar coa cidadanía. Resulta cando menos paradoxal que agora unha minoría (contrastada varias veces nas votacións das inscritas), diga que a opinión dos políticos está por riba da das bases que din defender.
Por iso, na consulta que se propón, as bases xogámonos perder a esencia e o sentido do espazo, xogámonos acabar sendo como un partido tradicional máis, no que os “xefes”, os que “manexan o barco” mandan e as bases acatan; e con iso, xogámonos a viabilidade de todo o proxecto político de cambio social co que nace o propio espazo.