Vintetantos metros de futuro

Na película de Frank Capa “It´s a wonderful live” (Que Belo é vivir) cando os clientes se dirixían ao banco para retirar os fondos. James Stewart contestáballes un a un, algo así como: “Aquí non está o diñeiro! o diñeiro está na casa de Joe, no negocio de…” E pouco a pouco os clientes entendían que os seus aforros estaban investidos neles mesmos, na súa vila, no seu futuro.

Pola contra, os nosos aforros están investidos en “ladrillo”. En miles de hectáreas de pedregais onde se pretendía especular. Dicían investir en progreso e vese que só se investía en fume, en proxectos inmobiliarios que pouco tiñan que ver con nós e que, en moitos dos casos, estaban a centos de quilómetros de quen deposita nunha Caixa de Aforros o seu presente para ter un mellor futuro.

Un feito como foi no seu día a liberalización do solo polo goberno Aznar, desprotexendoo e convertíndoo de facto en urbanizable independentemente da súa natureza sementou o agravamento cando non o inicio da burbulla inmobiliaria. E hoxe, no medio das medidas de recurte, colleita daquel fracasado crecemento descontrolado, aparece diante nosa outra semente: o borrador da reforma da Lei de Costas.

Calquera ría galega ten máis potencialidade económica por sí mesma que a actividade inmobiliaria que se poda xerar arredor dela

Sorprende a idea de que a protección no perímetro das rías poida pasar de 100 a 20 metros. Medida que pode solucionar os evidentes problemas legais de numerosos núcleos de población en Galicia, pero facer norma xeral do que debera ser unha excepcionalidade non semella boa idea polas consecuencias que dela se poden derivar. Fálase xa que esta medida vén reforzar os intereses económicos por riba dos medioambientais, outra vez coa desculpa do progreso. Porén calquera ría galega ten máis potencialidade económica por sí mesma que a actividade inmobiliaria que se poda xerar arredor dela. Ten máis forza económica a paixase protexida da ribeira das rías, o turismo que se move arredor dela, e a súa potencial riqueza marisqueira e pesqueira que calquera ctividade relacionada co ladrillo.

É necesaria unha proteción da paisaxe, do territorio e das augas que chegan á ría para protexer a nosa riqueza, e faltan sobre todo ideas para explotala sen danar para sempre os nosos recursos.

Sorprende tamén que se lle outorgue o poder ao Delegado do Goberno para suspender planeamentos municipais cando se estime que non se cumpre a Lei, xa que é sabido que a materia en Urbanismo e Ordeación do Terrirtorio é competencia autonómica; aínda máis despois da sentenza do Tribunal Constitucional de 1997. Ábrense aquí as portas a unha recentralización das mesmas baixo unha arbitraxe unipersoal dependente do Goberno central.

Nas renovacións das concesións en 75 anos prorrogables e a súa posible venda ou herdanza créase de feito tamén unha amnistía que vai en contra do espírito da actual lei e das directivas europeas de protección do litoral. As industrias que xa tiveran o seu traslado previsto internamente, nas directrices de Ordenación do Territorio ou no Plan de Ordenación do Litoral deberan facelo sen acollerse a este ‘indulto’. Porén, malia que moitos negocios e empresas se estableceron ou ampliaron nos últimos anos no dominio público, enténdese que agora mesmo plantexar o seu traslado sería sentencialos ao peche definitivo. Así e todo entendendo esta situación de excepcionalidade e urxencia a prórroga para eles non debera supoñer tal cantidade de anos.

Coa desculpa da crise afloran novas ideas sobre crecemento, urbanismo sostible, ordeación do territorio, rehabilitación urbana e das edificacións. Ideas que deben enfrontarse ás que coa mesma desculpa, a crise e o progreso pretenden desprotexer o territorio, a paixase e o medioambiente. Non debemos caer no mesmo erro.  Apostemos dunha vez por todas polo crecemento productivo e sustentable enfrontándoo á especulación do territorio. Así, algún día, os nosos aforros volverán a estar na casa dun tal Joe, no master do fillo dalguén e nos negocios de todos nós; e non en pedregáis de fume agardando que alguén especule con eles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.