Violencia doméstica, esta si

A miña filla de 6 anos, como corresponde á súa idade, contrasta o que vive na súa casa coas nenas que coñece e logo me comenta como lle contan que viven nas casas das demais. Estas conversas fanme ver o esvaradío do terreo no que nos movemos cando educamos as nosas crianzas para desenvolverse como persoas autónomas e independentes no espazo privado. Non abondan os discursos, non chegan as leccións, aprenden sobre todo imitando o que ven, e ven bastante máis do que imaxinamos porque ven bastante máis do que vemos nós. A naturalización e automatización de determinados comportamentos fai que non só non reflexionemos sobre eles, sobre o seu sentido e o seu significado, senón que deixamos de velos, directamente. Pero as nosas crianzas veno todo e absorben como esponxas. Logo conversan, preguntan, mesmo discuten entre elas sacando a relucir os vimbios cos que organizamos a nosa sociedade e os roles que asignamos a homes e mulleres.

Quedoume claro que para aquelas nenas as nais somos, entre outras cousas, as que facemos as cousas noxentas que non quere facer máis ninguén na casa, entre elas meter a man no váter

Contábame a miña pequena que cando lles dixo ás súas amigas que fregara o baño na casa elas dixéronlle “que asco!” por meter a man no inodoro para fregalo e preguntáronlle que por que esa cousa tan noxenta non lla facía a súa nai. Quedoume claro que para aquelas nenas as nais somos, entre outras cousas, as que facemos as cousas noxentas que non quere facer máis ninguén na casa, entre elas meter a man no váter. No reparto das tarefas do fogar está moi claro como os roles de xénero seguen colocándonos ás mulleres, ás nais, ás coidadoras, no papel máis desvalorizado de todos os posibles. Non deixa de ser curioso que ocuparse da alimentación e da hixiene corporal e do contorno no que vives se considere unha ocupación desprezable, a min paréceme fundamental para a autonomía persoal, pero o certo é que seguen a ser tarefas consideradas desprezables, pesadas, noxentas das que se encargan as mulleres ocupándolles o tempo que poderían dedicar, como fan os homes, á realización persoal a través da carreira profesional, das afeccións culturais ou deportivas ou do simple lecer absolutamente improdutivo con outros conxéneres.

Na inauguración de Conxemar había 24 persoas no escenario, 22 homes e 2 mulleres, por certo as dúas cargos públicos, por iso das cotas, pero ningunha empresaria

Sería enganarnos pensar que esta situación do espazo privado non ten nada que ver coa situación no espazo público. Lembrei os últimos actos públicos de distinto tipo nos que participei e cal era a presenza das mulleres neles. A verdade é que o contraste foi brutal pero moi gráfico. Na inauguración de Conxemar había 24 persoas no escenario, 22 homes e 2 mulleres, por certo as dúas cargos públicos, por iso das cotas, pero ningunha empresaria. No acto de toma de posesión do reitor da Universidade de Vigo había na mesa 7 homes, sorprendente quizais nunha institución que, a priori, debería estar por riba da discriminación de xénero pois alí díxose primar o esforzo, o mérito, a capacidade, o talento e a innovación e non parece existir explicación algunha para que todo iso estea só presente na metade masculina da poboación, pero creo que me quedou algo máis claro cos agradecementos feitos polo reitor reelixido: “A familia sempre está aí perdoando todas as horas que os meus anhelos persoais lles rouban”. Algo que podería dicir calquera home cun cargo de responsabilidade como o seu e seguro que calquera muller que chegase a ocupalo pero igual é precisamente iso o que explica que en España só o 8% das persoas que dirixen as universidades sexan mulleres, en Galiza os homes fan pleno, 3 de 3. As familias nin o resto da sociedade está aí para perdoarnos ás mulleres as horas que lles poderían roubar os nosos anhelos persoais.

Para rematar pensei nunha concentración reivindicativa, a do persoal da concesionaria municipal dos servizos de limpeza. Aí si, aí si que si. Todas mulleres. Para limpar a nosa merda todas mulleres

Para rematar pensei nunha concentración reivindicativa, a do persoal da concesionaria municipal dos servizos de limpeza, as persoas que limpan nos edificios municipais, no concello, nos coles dos nosos fillos e fillas... protestan porque a empresa, que cobra puntualmente do concello de Vigo polo contrato, non lles paga as súas nóminas, persoas que traballan en moitas ocasión dúas, tres ou catro horas diarias e cobran soldos moi baixos. Aí si, aí si que si. Todas mulleres. Para limpar a nosa merda todas mulleres. É un traballo moi digno, tan digno e tan pouco noxento como meter a man no váter para fregalo, algo que eu fago con frecuencia, pero non hai apenas homes que o fagan. Naquela concentración só vin un que, por certo e manda truco, falou con varios medios de comunicación. O nexo de unión entre o que pasa no espazo público e no espazo privado pareceume evidente. O que segue funcionando de marabilla para manter e reforzar o sistema son as categorías nas que encaixamos cada quen, as que aprenden as nosas nenas, as que nos seguen dividindo e constrinxindo nos nosos papeis. Nena, que queres ser de maior? Puta ou submisa? (Segundo datos da policía local de Vigo das 28 mulleres que incorporou ao seu programa de protección entre xullo e setembro deste ano a metade non fixera os 30 anos).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.