O libro Vivenda. La nueva división de clase (2023)¹ propón unha tese central: na sociedade actual, o acceso á vivenda e á propiedade inmobiliaria está a converterse no principal determinante da desigualdade social, por riba do salario ou do tipo de ocupación. “Nunha economía orientada á acumulación de activos, a liña divisoria fundamental xa non é entre patróns e asalariados, senón entre quen posúe bens inmobles e quen non.”
No seu limiar titulado “Un país salvaje”, Javier Gil adapta esta tese ao contexto español. Sinala como, desde os anos 70, as políticas neoliberais substituíron o Estado de benestar pola promoción da propiedade como símbolo de seguridade e éxito persoal. Esta lóxica rompe coa crise de 2008, cando se fai evidente unha nova brecha: herdar unha vivenda marca a diferenza entre estabilidade e precariedade.
Na súa introdución, Gil afonda en como o neoliberalismo transformou a vivenda dun dereito social nun ben financeiro. Desde os anos 70 ata a crise de 2008, promoveuse a propiedade como símbolo de éxito individual, substituíndo ao salario e ao Estado de benestar como instrumentos de mobilidade social. Porén, tras o colapso financeiro, este modelo mostrou a súa fenda: quen herda propiedades consolida vantaxes interxeracionais, mentres quen depende do alugueiro enfróntase á precariedade e á exclusión. En España, cuestións vitais como formar unha familia ou planificar a xubilación dependen máis da riqueza herdada que do esforzo persoal.
Gil desmonta así o mito meritocrático e sitúa a vivenda no centro dunha nova loita de clases, onde o conflito entre rendistas e inquilinos redefine os enfrontamentos políticos e xeracionais.
Segundo Gil, este cambio redefine a estrutura de clases: quen herda accede á estabilidade, mentres quen depende do alugueiro afronta inseguridade e dependencia económica. Esta realidade está a crear unha nova loita de clases centrada na vivenda.
Aspectos clave do limiar:
• A vivenda como eixo da división social: o acceso á propiedade determina as posibilidades vitais.
• A herdanza funciona como mecanismo de reprodución interxeracional da desigualdade
• O alugueiro implica precariedade: mobilidade forzada, falta de autonomía e inseguridade.
• A resposta institucional e mediática adoita centrarse en discursos alarmistas sobre a “okupación”, desviando a atención do problema real: a concentración da propiedade.
O limiar tamén aborda cuestións cotiás: a dificultade da mocidade para emanciparse, formar unha familia, ou escoller libremente onde vivir. Todo isto reflicte como a vivenda condiciona rutinas, expectativas e oportunidades.
Críticas ao enfoque de Javier Gil
A pesar do interese do seu argumento, varios puntos son criticables
•Eurocentrismo e referencias Estatais : O libro aplica conclusións propias do mundo anglosaxón e estatal a contextos que poden ter dinámicas diferentes, sen unha análise suficientemente comparativa . En Galicia, o 96% das vivendas alugadas pertencen a particulares, e hai unha porcentaxe relevante de multipropietarios que concentran varias vivendas e reciben ingresos regulares polo alugueiro., mentres que os inquilinos dedican unha parte crecente do seu salario á vivenda, sobre todo nas áreas urbanas, onde o alugueiro pode superar o 30% ou 40% dos ingresos.
• Escasa base empírica galega e española: A maioría das referencias proceden de estudos internacionais. A falta de investigacións locais limita a forza do argumento para o contexto de Galicia.
•Conflito xeracional e herdanza: A importancia que se lle dá á herdanza é discutida. Hai casos nos que a mobilidade social ou a educación tamén condicionan o acceso á vivenda, e iso non sempre queda ben matizado (1).
Clase SOCIAL e VIVENDA
A idea de que a vivenda é o novo factor central na división de clases, como defende Javier Gil, resulta potente pero tamén discutible. Tradicionalmente, a posición social dunha persoa definíase polo seu papel no sistema económico: quen posúe empresas ou capitais, e quen só pode vivir do seu traballo. Neste marco, a vivenda, sobre todo cando se trata dunha propiedade para uso propio, non é por si soa un indicador determinante de clase.
Con todo, os cambios económicos recentes fixeron que a propiedade inmobiliaria adquirise un peso crecente na distribución da riqueza, especialmente en contextos urbanos. Isto explica por que o feito de herdar ou non unha vivenda, ou de depender do alugueiro, ten un impacto importante nas oportunidades vitais das persoas.
Poren a posesión dunha vivenda non determina de forma directa a posición de clase, mais pode influír significativamente no estatus económico e nas relacións sociais. O seu impacto varía segundo o uso da propiedade (residencial ou como fonte de renda), así como polas dinámicas que xera, como o endebedamento, o alugueiro ou a especulación.
En resumo, a vivenda pode actuar como un elemento mediador na estratificación social contemporánea, sen substituír os outros criterios :
• Ter unha vivenda en propiedade para vivir non implica ter poder económico.
• En cambio, quen posúe varias propiedades e vive das rendas pode situarse nunha posición social moi distinta, máis próxima aos sectores con capacidade de acumular riqueza.
Ademais, factores como a débeda hipotecaria, a precariedade laboral ou o acceso a servizos básicos tamén condicionan o benestar e a posición social das persoas, e non poden quedar fóra da análise.
A proposta de Javier Gil sobre a vivenda como eixo da loita de clases é valiosa, pero cómpre entendela en diálogo con outras dimensións estruturais. Como lembran autoras como Gramsci ou Fraser, a ideoloxía non se deriva só da economía, senón que se constrúe a través da cultura, a experiencia social e os vínculos colectivos.
A desigualdade habitacional non se limita á relación entre propietarios e inquilinos. Tamén afecta a sectores da clase media hipotecada, afogados por préstamos impagables e sen seguridade vital, así como a persoas migrantes ou en exclusión que viven en infravivendas, ocupacións ou situacións informais que non encaixan no modelo clásico de inquilinato. A realidade da vivenda é moito máis diversa e precaria do que reflicte esa dicotomía simplificada. Sen integrar estes elementos, o diagnóstico da crise habitacional corre o risco de ser parcial e insuficiente.
En síntese, o acceso á vivenda contribúe á reconfiguración das clases sociais e ao malestar contemporáneo, pero a súa análise require unha visión máis complexa e interdisciplinar que integre elementos materiais, ideolóxicos e políticos.
A banca como axente ausente no relato
A banca representa un actor fundamental —a miúdo invisibilizado— na crise do acceso á vivenda e na escalada dos prezos do alugueiro. A afirmación de que “a banca é a man invisible detrás das subas do alugueiro” non é unha esaxeración, senón unha realidade documentada. Un exemplo é a SAREB (Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria), creada para sanear os balances da banca tras a crise de 2008. Esta socialización das perdas contrasta coa privatización dos beneficios, deixando en evidencia o papel determinante da banca na crise habitacional. Un papel que, por desgraza, está ausente no prólogo de Javier Gil.
A súa análise céntrase na tensión entre propietarios e inquilinos, esquecendo o papel estruturante das entidades financeiras no ciclo completo da vivenda . Fican fóra as persoas hipotecadas, atrapadas en préstamos con xuros variables e índices como o euríbor, cuxo impacto a banca non compartiu. Moitas, aínda sendo formalmente propietarias, viven baixo unha presión económica similar á dos inquilinos máis vulnerables.
É necesario, pois, completar a análise de Gil cunha crítica estrutural ao papel da banca na conformación do mercado da vivenda, e promover medidas como:
Entre os anos da crise financeira e a actualidade, a banca española protagonizou un dos episodios máis traumáticos da historia recente en materia de vivenda. Un total de 684.385 desafiuzamentos e máis de 1.400.000 persoas afectadas representan non só unha estatística, senón un trauma colectivo, unha dor terrible que segue aberta.
Aínda en 2025, lonxe de estar resolto, o problema continúa: no primeiro trimestre do ano iniciáronse 2.426 execucións hipotecarias sobre vivendas habituais, o que supón un incremento do 2,4% respecto ao mesmo período de 2024. Estes datos evidencian que a banca non só non asumiu responsabilidades
Neste contexto, resulta chamativo —e politicamente significativo— que nas últimas convocatorias estatais dos sindicatos de inquilinas, como o 13-O “Se acabou: baixemos os alugueiros” ou o 5 de abril “Acabemos co negocio da vivenda” , non se incluíse nin unha soa mención explícita á banca como axente responsable da situación actual. A análise ideolóxica que defende Javier Gil, figura de referencia nestes espazos, peca así de incompleta: centra toda a tensión no eixe rentista-inquilino, ignorando o papel central do sistema financeiro na produción de desigualdade habitacional.
Calquera movemento social que loite polo dereito á vivenda debe incorporar a todos os sectores con escasa marxe de manobra e cun horizonte de inseguridade moi semellante ao das persoas inquilinas, e á Banca, como peza central do problema. Por tanto Sindicato de Vivenda- Sindicato de Inqulinas
Notas
1 A Herdanza :En Galicia, está a medrar o número de persoas que renuncian ás herdanzas, especialmente cando estas inclúen vivendas con débedas, hipotecas ou outras cargas. No ano 2024, arredor do 16% das herdanzas foron rexeitadas no conxunto do Estado, e Galicia situouse entre as comunidades con maior taxa de renuncias, marcando un novo récord.
Referencias
1. Aalbers, M. B. (2020). The Financialization of Housing: A Political Economy Approach. Routledge.
2. Gil, J. (2023). Vivenda. La nueva división de clase. Madrid: Traficantes de Sueños.
3. Rolnik, R. (2019). La guerra de los lugares. La colonización de la tierra y la vivienda en la era de las finanzas. Descontrol Editorial.
4. Hochstenbach, C. (2022). Housing and the Rise of Social Inequality. Routledge.
5. Observatori DESC (2020). Emergència habitacional i criminalització de la pobresa: el cas de les okupacions. Barcelona.
6. García-Lamarca, M. (2022). The Right to Housing: From Ideals to Practice. Palgrave Macmillan.
7. Piketty, T. (2014). Capital in the Twenty-First Century. Harvard University Press.
8. Fraser, N. (2016). Contradicciones del capital y cuidados. Traficantes de Sueños.
9. Colau, A. & Alemany, A. (2012). Vidas hipotecadas. Barcelona: Cuadrilátero de Libros.
10. Pareja-Eastaway, M. & Sánchez-Martínez, T. (2019). Housing and Social Change in Southern Europe. Urban Studies Journal.
11. Mundo Obrero, nº 340 (2023). “La vivienda como clave de la nueva desigualdad”.
12. INE (2021). Encuesta Financiera de las Familias. Banco de España.
13. Lipset, S. M. (1960). Political Man: The Social Bases of Politics. Doubleday.
14 Referencia recomendada: Plataforma de Afectadas pola Hipoteca (PAH), informes anuais sobre execucións hipotecarias e desafiuzamentos en colaboración co Observatorio DESC.
15. ¿Por qué no nos atrevemos a hablar de rentismo popular? Cuando ... https://www.elsaltodiario.com/galicia/no-nos-atrevemos-hablar-rentismo-popular-cuando-casero-no-es-un-fondo-buitre