Vota, hostia!

Cataluña celebra esta semana eleccións en pandemia Dominio Público

 

A serie británica Years and Years, coproducida pola BBC e HBO, foi estreada o ano 2019 pero adquiriu todo o seu sentido o ano 2020. Non querería facer spoilers, pero en só 6 capítulos é capaz de debuxar un futuro distópico que, paradoxalmente, lembra demasiados acontecementos do noso día a día. A relación coa tecnoloxía, a precarización laboral, as migracións ou as crises económicas son cuestións que aparecen na ficción protagonizada por Emma Thompson e Rory Kinnear, entre outros.

A crise das institucións e a incerteza económica poden ser un elemento catalizador para este tipo de alternativas, a pesar de que certamente a maneira de proceder é bastante menos moderna que a dos seus homólogos en Italia, Francia ou o Reino Unido

Nesta serie é clave a aparición dunha política populista que encabeza o Partido das Catro Estrelas, a empresaria Vivienne Rook. A historia xa a coñecedes todos e todas: ofrece solucións simples a problemas complexos -e, coma sempre, ofrece un liderado forte e autoritario, capaz de exporse publicamente pero tamén de utilizar os medios de masas ao seu favor-. Rook, interpretada por Emma Thompson, fala das necesidades da “xente normal”, aproveitándose dos seus medos e dun mundo en crise onde as incertezas cada vez ocupan un espazo máis grande nas preocupacións dos cidadáns. 

Nesta parte de Europa non somos alleos a este xeito de facer política. Na actualidade, VOX conseguiu entrar mesmo á maior parte de Parlamentos autonómicos, cun peso específico en clave de maioría parlamentaria na Comunidade de Madrid e Andalucía. A crise das institucións e a incerteza económica poden ser un elemento catalizador para este tipo de alternativas, a pesar de que certamente a maneira de proceder é bastante menos moderna que a dos seus homólogos en Italia, Francia ou o Reino Unido. Por dicilo doutra maneira, cando Abascal queda sen o abrigo do seu discurso escrito é bastante menos perigoso dialecticamente que Salvini ou Le Pen.

Cataluña celebra esta semana eleccións en pandemia, como as que houbo en Galicia e Euskadi o ano pasado ou as de hai unhas semanas en Portugal. A participación neste tres comicios foi unha das cuestións máis comentadas, xa que en ningún do tres casos se produciu un resultado suficiente claro como para cambiar maiorías políticas. En Galicia a participación minguou un 4,7%, mentres que en Euskadi esta caeu un 9,2%. En ambas as eleccións situouse ao redor dun 50% do electorado; unha mobilización escasa e preocupante. En Portugal, onde as eleccións presidenciais non adoitan conseguir que moita xente saia da súa casa, a abstención foi case 10 puntos máis alta; só un 39% dos electores elixiron co seu voto ao novo xefe de Estado portugués. 

Cataluña celebra esta semana eleccións en pandemia, como as que houbo en Galicia e Euskadi o ano pasado ou as de hai unhas semanas en Portugal. A participación neste tres comicios foi unha das cuestións máis comentadas

A semana pasada José Félix Tezanos, presidente do Centre de Investigacións Sociolóxicas, irrompía na campaña catalá cun barómetro flash, de formato novo e cunhas estimacións un pouco estrañas -máis aló do resultado que prognosticaba-. Non entrarei no repartimento de escanos, interésanme máis dous aspectos especialmente preocupantes. En primeiro lugar, a enquisa do organismo público prognosticaba que un 7% dos cataláns e das catalás optaría por VOX para representalos na cámara autonómica. En segundo lugar, debuxaba un escenario de verdadeira incerteza en relación á emisión do sufraxio o día das eleccións. A pesar de que as solicitudes de voto por correo superaron nun 350% (!) as das eleccións catalás de 2017 -máis de 280.000 este ano- aínda hai moitos cidadáns que non o ven claro.

Cal credes que é a franxa de idade máis convencida de non ir votar? Sen consultar os datos, poderiamos entender que nun contexto de pandemia as persoas maiores -máis vulnerables ante o virus- serían as menos entusiasmadas coa elección do domingo. En cambio, o grupo de idade que afirma con máis contundencia que se absterá é o de entre 25 a 34 anos: un 20,2% dos enquisados afirma que, con toda seguridade, non irá votar o 7 de febreiro. O segundo grupo de idade menos proclive a votar é o de entre 34 e 40 anos (18,2%) e en terceiro lugar atopamos as persoas de entre 18 e 24 anos (14,3%). Un drama.

Non temos que permitir, por acción ou por omisión, que a ultradereita teña un rol importante no próximo Parlamento de Cataluña

Por iso, quero aproveitar esta columna para dirixirme á xente nova. Vota, hostia! Votade masivamente! Con todas as medidas e con todo o dispositivo preparado polo Goberno da Generalitat e os Concellos do país, hai que ir e emitir o voto. A quen máis che guste; tanto se queres castigar a aqueles que gobernan coma se queres votar en clave ideolóxica ou de país. Ademais, sempre é importante ler as propostas, os programas e as ideas que inspiran as campañas dos partidos políticos. Sobre todo, porque entendendo e compartindo a desafección con este mundo cheo de incertezas, son a única ferramenta da que dispomos para cambiar a nosa contorna máis inmediata. A democracia é un fin en si mesmo.

Non temos que permitir, por acción ou por omisión, que a ultradereita teña un rol importante no próximo Parlamento de Cataluña -nin en ningures onde teñamos ocasión de votar e mobilizarnos-. Publicar un chío ou facer un story sobre o moito que nos desagradan certas propostas é absurdo se, despois, cando realmente importa, somos incapaces de minimizar os seus resultados coa forza das nosas ideas. É preciso que a distopía de Years and Years permaneza atrapada nas pantallas e nos domingos chuviosos de sofá, peli e mantiña. Vota, hostia!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.