Vou de paquete na bici de Martiño

Diferentes agrupacións de unidade popular triunfaron nas pasadas eleccións municipais celebradas na Comunidade Autónoma Galega grazas á repolitización da sociedade e á conformación de novos consensos. Santiago de Compostela foi un dos lugares onde xerminaron esas propostas populares coa vitoria dunha agrupación chamada Compostela Aberta, encabezada e coordinada polo, agora alcalde, Martiño Noriega. Con ese triunfo, poñíase fin a unha lexislatura gobernada polo Partido Popular e atropelada por constantes casos de corrupción, interrompidos por unha última etapa xestionada brillantemente por Agustín Hernández. Compostela Aberta recollía no seu argumentario moitas das cuestións que se discutiron nunha actividade organizada por Anticapitalistas de Galicia uns meses antes das eleccións e que contou co profesor Jaime Pastor como invitado especial. Nese foro debatéronse algunhas ideas que logo puidemos ver no programa de Compostela Aberta, a saber: a) discurso performativo; b) novo cosido para zurcir o nacionalismo cos novos movementos sociais de esquerda; c) consensos en torno a políticas de esquerda (rescate cidadán, novas hexemonías culturais, etc.).

Os diarios capitalinos veñen criticando algúns aspectos da xestión de Noriega, e eleváronse entrámbolos dous algunhas trincheiras escavadas coa dialéctica do “nós” e o “eles”

Dende o inicio do seu mandato, Compostela Aberta veu gobernando con algúns desaxustes propios da actividade política diaria, derivados de: a) a métrica dos asentos consistoriais acadados tralas eleccións, e b) un entendemento difícil coa prensa. Os diarios capitalinos veñen criticando algúns aspectos da xestión de Noriega, e eleváronse entrámbolos dous algunhas trincheiras escavadas coa dialéctica do “nós” e o “eles”. Construíuse unha distancia que se inflamou de forma pouco construtiva nas redes sociais, onde algúns concelleiros afean o labor dos diarios ata con nomes e apelidos de xornalistas, nun exercicio de non buscar lugares de entendemento e encontro.

Ademais, e con estas cuestións, Compostela Aberta tróuxonos o debate de ideas ao municipio. Seguramente para algúns isto era o esperado, pero parémonos aquí e describamos a que nos estamos referindo. Dende a súa chegada, Martiño Noriega foi moi criticado pola súa postura respecto ao papel da relixión no ámbito civil. Fundamentalmente, abriu dúas frontes. A primeira estivo vinculada á súa asistencia aos actos do 25 de xullo e outros acontecementos relixiosos; a segunda, está relacionada coa xestión do Consistorio en relación ás festas de Nadal. Respecto a estes dous feitos, Noriega explicouse de forma clara e sen ambaxes. El e o seu grupo de traballo consideran que o Alcalde non debe formar parte activa en determinados actos relixiosos. Ademais, aposta porque o Concello teña unha posición mais neutra en relación ás celebracións de Nadal. As afirmacións están realizadas dende un contexto de produción que busca unha ruptura ou unha readaptación das hexemonías existentes no espazo público en conexión coas crenzas. Esa intencionalidade leva a unha performatividade e a buscar unha recolocación das posturas para crear un espazo público máis neutro que faga posible unha maior pluralidade e polifonía.

Compostela Aberta tróuxonos o debate de ideas ao municipio

Unha vez exposto o problema, analicemos o encaixe do relixioso no espazo público nos planos de: a) as crenzas; b) o económico; c) o humano; e d) o ideolóxico.

Comezando polo primeiro, as crenzas, hai tempo que a relixión arrombouse a lugares periféricos no espazo público. Por unha banda, a propia Igrexa católica construíu importantes hiatos entre o seu ideario, os seus crentes e as súas xerarquías. E noutro sentido, reposicionáronse conviccións como o ateísmo, o laicismo e outras relixións. Martiño Noriega recolle ese escenario e intenta dotar ao espazo público dunha neutralidade que facilite a libre elección de crenzas. Para iso, en opinión do alcalde compostelán, o goberno local tense que inhibir de certas manifestacións nas que viña tomando partido. Así, Noriega mostra intención de cambio ao introducir o argumento de a onde ten que ir e que postura ten que mostrar o goberno municipal que representa aos cidadáns.

Martiño Noriega intenta dotar ao espazo público dunha neutralidade que facilite a libre elección de crenzas. Para iso, en opinión do alcalde compostelán, o goberno local tense que inhibir de certas manifestacións nas que viña tomando partido.

A segunda esfera á que nos referimos é a cuestión económica. Está claro que a economía non pode ser algo voraz e invasivo que determine a acción política en relación ás festividades ou posicionamentos relixiosos. A coerción económica foi interpelada por moitos dirixentes para todo tipo de accións e decisións. De tal forma, o turismo ou o Nadal non poden ser escusas para xustificar unha hexemonía cultural ou de crenzas.

En canto ao “humano”, as do Nadal non son datas amable para moita xente. Uns ódianas, outros non creen nelas, algúns móstranse indiferentes e moitos gozan destas datas con emoción. Debemos de respectar todas as posturas, e, sobre todo aquelas máis minoritarias, que representan a aqueles que sofren e aos que non poden ou non queren celebralas.

Ata agora existía a dominación dunha crenza sobre o resto, resultado dunha imposición. Agora trátase de cambiar a imposición pola procura dunha hexemonía na que a neutralidade e a liberdade teñan un carácter esencial

Para rematar, o ámbito ideolóxico está relacionado coa ruptura da hexemonía e a dominación das crenzas no espazo público. Ata agora existía a dominación dunha crenza sobre o resto, resultado dunha imposición. Agora trátase de cambiar a imposición pola procura dunha hexemonía na que a neutralidade e a liberdade teñan un carácter esencial.

A cuestión ideolóxica non pode supoñer en ningún caso unha substitución de hexemonías, é dicir, a substitución do suposto consenso católico por outro programa equivalente, como o laicista (como quixeron ver algúns dende dentro e dende fóra do Concello). Non se trata de permutar, senón de construír unha nova hexemonía para que caibamos todos. Se é así, quero ir de paquete na bici de Martiño, se é outra cousa prefiro quedarme aquí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.