De todos e todas é sabido que a moda muda a un ritmo vertixinoso. O que hoxe e do mais cool pasa a estar out sen apenas transición, de xeito que ata o mais avezado cazatendencias ten que estar en constante alerta para non quedar fóra de xogo.
Observo con crecente preocupación e indignación como cada certo tempo semella poñerse de moda apoiar certa causa. Agora parece tocarlle a quenda aos dedicados á violencia de xénero e á integración laboral e social da muller
Algo moi similar está a suceder con determinados movementos sociais. Observo con crecente preocupación e indignación como cada certo tempo semella poñerse de moda apoiar certa causa. Agora parece tocarlle a quenda aos dedicados á violencia de xénero e á integración laboral e social da muller.
Cunha total impudicia e esquecendo totalmente o desgarro e a dor que deixa tras de si cada vítima de violencia de xénero, as vidas e as familias que quedan destrozadas para sempre, determinados persoeiros eríxense en abandeirados contra esta lacra e con tal indigna escusa, e revestidos dunha pátina de falsa solidariedade promoven actos nos que, a cambio de aparecer ao carón da persoa co cargo que máis interese nese momento, se obteñen determinadas prebendas, ben sexan económicas, ben en forma de chiringuito onde celebrar os seus sisudos debates ou mesmo simplemente aparecendo na foto con quen sexa mais conveniente..., que nunca vén mal que se vexa que un está ben relacionado.
"Pregaríalles a todos eles que non insulten máis a quen está a pasar un inferno, que deixen de engordar o seu ego a base das desgrazas de tantas e tantas vítimas... Xa abonda!"
Curiosamente, cando algunha das rara avis que optamos por traballar dun xeito real e máis resolutivo, cruzamos as portas dun xulgado ou dunha comisaria acompañando a unha vítima que acode a nós totalmente destrozada e perdida, nunca nos cruzamos con ningún destes solidarios personaxes.... A quen se lle ocorre? Bastante teñen con ocupar os seus despachos e con preocuparse de estar sempre en condicións impecables, que nunca se sabe cando nos van sacar outra foto! Iso si, nas contadísimas ocasións que temos de toparnos con eles sempre nos din o mesmo: “Non sigades por aí, estades a deixarnos en evidencia e querédesnos pisar!".
Xa non como membro dun colectivo, senón como muller, como vítima que fun, como ser humano, en definitiva, pregaríalles a todos eles que non insulten máis a quen está a pasar un inferno, que deixen de engordar o seu ego a base das desgrazas de tantas e tantas vítimas... Xa abonda!.