Xa abonda de tanta queixa

Se hai algo que de sempre me ten farto e dende hai ben de anos é esa actitude, tan frecuente entre nós, de nos queixar de todo o malo que nos pasa botándolle sempre a culpa a outros. Ao goberno central. A Feijóo. A La Voz de Galicia. A quen toque segundo a hora do día na que decidamos laiarnos.

Isto é algo absolutamente claro no sector da cultura, e da lingua, e en xeral, nese universo que para entendérmonos e simplificando poderiamos chamar o do galeguismo. Vai todo mal. E é porque van contra nós. Que si. Ou que non. Ou non de todo. Porque, como digo sempre, se os tropecentos mil que nos manifestamos nos Días da Matria, das Letras Galegas, os milleiros que pensamos en clave galega e sentimos o país, a nación, mercasemos os xornais en galego, libros en galego e etcéteras en galego, por exemplo, dando trigo en troques de predicar tanto, traeríanola dabondo frouxa que neste intre un goberno galeguicida mallase en nós canto quixese co fin máis que evidente, incluso descarado, de executar o noso xenocidio por vía urxente.

Mais dito isto, que non é pouco importante (e asumindo as consecuencias politicamente incorrectas de tal afirmación) baixemos ao mundo real e recoñezamos un par de obviedades que nos vaivir moi ben recoñecer.

Os que nos gobernan non nos van dar un peso, non nos van apoiar e deixarán que a inanición acabe con nós

A primeira, a que vimos de sinalar: que quen goberna nos odia, que non lle importaría a desaparición da lingua, que os que escriben neste idioma non publicasen máis, que as editoriais, grupos de música, compañías de teatro, etc., tivesen que se dedicar a calquera outra cousa, por exemplo, á mendicidade. Ou estoutra obviedade: que non nos van dar un peso, que non nos van apoiar, que deixarán que a inanición acabe con nós. Haberá para festivais aéreos e Feiras de Abril yolé, pero non para nós. Ou unha máis: que o seu ataque vai ser duro e imparable. Velaí tendes á derechona ruizgallardona, amparada polo señorito de Sanjenjo, cargándose os avances do pasado, e aos seus colegas de partido e catervas mediáticas madrileñas e bispais, repetindo unha e outra vez que a culpa de todo a teñen as autonomías. O franquismo, que mamaron coma tetorra alimentaria e na que foron felices estes ignorantes, sobrevive e volve máis forte ca nunca abeirada á crise económica e á xestión neocón.

Si.

Atacan.

Atácannos dende todas as frontes porque para eles, si, é a guerra.

Fóra vitimismos, queixas , se me apurades, incluso a xenreira. Eu vou escribir en galego, agora, con máis ganas ca antes

Por iso volvo ao comezo. Agora dependemos por completo de nós. Agora, nesta situación fodida -sen perdón- é necesario dar o mellor de nós. Fóra vitimismos, queixas , se me apurades, incluso a xenreira. Eu vou escribir en galego, agora, con máis ganas ca antes. E onde nos pidan que vaiamos falar, do noso, iremos con ledicia e convencemento porque sabemos que o noso futuro depende só de nós. Con eles non podemos contar. Así que pecharemos filas, loitaremos con más forza e apoiaremos máis aos nosos.

Antes desta desfeita, nos anos 50 do século pasado, os Del Riego, Díaz Pardo e outros afoutos inventaban este país, este mesmo país que outros galegos con poder e pouca cultura atacan, e facíano sen subvencións, sen axudas de ningunha clase, coa incomprensión xeral e baixo dun réxime fascista que os encarcerou, multou e castigou de moitos xeitos crueis. E todos sabemos que era unha situación moito máis dura ca esta. E saíron adiante sen se queixar e levando a ilusión por bandeira.

Tócanos reaccionar. Chorar menos e batallar máis. Somos os bos. Temos a razón da nosa banda

Tócanos reaccionar. Chorar menos e batallar máis. Somos os bos. Temos a razón da nosa banda. E temos ferramentas para mudar as cousas. Comecemos. Está ben darlle ao botón de "gústame" no facebook, pero está mellor dar un donativo, suscribirse ou mercar o disco. É xenial que nos indignemos. Pero non está nada mal ir escoitar un recital e aplaudir aos que queren ser poetas na mesma lingua que Manuel Antonio.
Crítica, toda. Pero a queixa constante, cando hai un país que recuperar, é entregarse en rendición incondicional ao inimigo. E eu non me rendo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.