Xavier Vence, Alba de Gloria

Logo da fumeira branca e o seguinte repenique das campás de todo o Reino, o protodiácono asomou no balcón da avenida de Lugo, abaneando de xeito preocupante o corpo e maila cabeza, coma se fora escangallar dun momento a outro, e dixo con voz de tiple asustado: Annuntio vobis gaudium magnum: habemus voceirum , Eminetissimum ac Reverendissimum Dominum, Dominum Bloquem Nationalistem Gallaeciam cardinalem Xaverius Vence. Media hora despois, a Garda Civil de Rodeiro foi avisada de que os dous veciños do Carballo de Álceme botaran porta fóra e andaban berrando vivas e estoupando estalotes polas congostras adiante. Esas foron as novas que escoitastes e agora ides saber a verdade do que aconteceu.

Reunida en conclave a cúpula sagrada do BNG para escoller o sucesor do dimisionario voceiro nacional, cardeal Guillermus Vázquez, na primeira votación o espírito santo andou esparexido de mais e catro purpurados partillaron os apoios dos colegas: os de toda a vida Aymerich e Jorquera; e os conversos Adán e Sucasas. Despois dun primeiro apaixonado debate encol das semellanzas físicas dos prelados Jorquera e Sucasas, e tendo en conta que iso podía levar á confusión dos fieis, e ademais, o feito de ter dous cromos repetidos era un luxo na actual situación da igrexa, decidiuse por maioría cualificada que o candidato Jorquera non entrara na segunda votación. E así se fixo, e os que na primeira o votaron, agora puxeron na papeleta o nome dalgún dos outros tres.

Porén, e fóra de que diminuíra o número de candidatos, os resultados da segunda votación non clarearon nada a situación. Voto arriba voto abaixo, os tres tiñan similar número de apoios. Pero entón aconteceu que o cardeal Aymerich empezou a arrandear o rabo, queixándose de que eran dous dezaos (Adán e Sucasas) contra un vigués, que 2 contra 1 sempre fora falta e que el así non xogaba mais. O conclave, acostumado xa ás espantadas do cardeal mais galego, abriulle a porta e púxolle ponte de prata para a fuxida. E así foi que para a terceira votación xa só quedaba decantarse por dúas opcións: os purpurados dezaos Adán e Sucasas. Pero o reconto da terceira votación deixou as cousas como estaban: cada un deles acadou por onda a metade dos votos. A cousa non variou nunha cuarta votación, e as posturas a favor dun e mais do outro radicalizáronse e respirábase un ar espeso que non presaxiaba nada bo.

Adán e Sucasas eran altos, guapos e discípulos de Stiglitz. E ámbolos dous tiñan toda a pinta de poder lucir con donaire a sotana branca. A igualdade era tal que, sendo Adán mais feminina, tampouco se podía asegurar que Sucasas fora masculino cen por cen. Sen moitas esperanzas de éxito, fíxose unha quinta votación e volveuse dar o empate. Despois, alguén fixo circular no conclave que o de Cadrón era platónico, fronte ó declarado aristotelismo da donicela de Botos; e como o BNG sempre pecou dunha deriva platónica, parecía que por fin o desempate tiña as horas contadas e o lobby sucasiano xa cantaba vitoria e cuspía cara arriba. Entón, e sen saber como e por que, a nai de Sucasas entrou por videoconferencia na sede da avenida de Lugo, contando que o fillo non valía para nada e menos para voceiro, “que se supón que é aquel que dá voces, e o meu fillo de vocear nada, que tornaba as vacas a pedradas no canto de berrarlles. Pero se nin sabe asubiar o pobre!” Ala! Aló ía toda a vantaxe!

Mais ben por vicio, votouse unha sexta vez, pero nin perderon tempo en contar os votos: deron o empate por resultado. Daquela, o senlleiro filólogo Fernando Pío de Ana arrandeou con violencia as guedellas e levantou a man, pedindo a palabra. “Isto é un sen vivir! Estes dous son dúas rectas paralelas e non teñen punto de encontro. Propoño unha terceira vía: Non é tan alto nin tan guapo nin tan listo coma eles, pero tampouco é feo nin retaco nin parvo. Chámase Xavier Vence. É dezao e miope, coma eles os dous.” Recoiro! Por que non falaches antes!, exclamaron todos, agás un que xa o vencera o sono e a desesperación.  Así foi como Xavier Vence chegou a voceiro nacional, pola angustiosa igualdade de Adán e Sucasas e maila brillantez sen par de Fernando Pío de Ana . Así foi. Ou mais ou menos así, que nunca se sabe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.