O transfondo estrutural desta intervención é a crise do liderado estadounidense no sistema mundial. Non se trata dun colapso inmediato, senón dun declive relativo, característico dos finais de ciclo hexemónico. A potencia dominante conserva unha superioridade militar abafadora, pero ve erosionada a súa capacidade de organizar consensos duradeiros, de soster regras compartidas e de garantir estabilidade sistémica
A intervención militar directa de Estados Unidos en Venezuela e o secuestro do presidente Nicolás Maduro e da súa compañeira Cilia Flores non constitúen un episodio illado nin unha anomalía conxuntural, senón un acontecemento-síntese. Nel converxen, como nun punto de condensación histórica, as tensións acumuladas dun sistema mundial en crise estrutural, o esgotamento dun ciclo hexemónico, a aceleración da rivalidade entre grandes potencias e a incapacidade da orde internacional vixente para procesar as súas propias contradicións sen recorrer á violencia aberta. O ocorrido en Caracas e outras moitas cidades do territorio da República Bolivariana de Venezuela non é só unha operación política ou militar, tamén é unha mensaxe sistémica global.
A lectura dominante dos acontecementos venezolanos apóiase nunha inversión ideolóxica da realidade material, ao presentar a Venezuela como un problema democrático e a Estados Unidos como garante de liberdades, cando os feitos apuntan exactamente en sentido contrario. Venezuela constitúe hoxe unha das democracias máis avanzadas e garantistas, tanto pola intensidade da participación electoral como polo recoñecemento constitucional de dereitos sociais, o control soberano dos recursos estratéxicos e a afirmación da autonomía política fronte ao capital transnacional. En contraste, Estados Unidos atravesa unha deriva acelerada cara a unha autocracia personalista con fachada liberal, caracterizada pola concentración extrema do poder executivo, a militarización estrutural da política exterior, a suspensión sistemática do dereito internacional e a normalización da violencia como instrumento ordinario de goberno, trazos que evidencian un proceso avanzado de fascistización do Estado imperial. A agresión contra Venezuela non constitúe, por tanto, unha anomalía nin un exceso conxuntural, senón a expresión coherente dun imperialismo en crise orgánica que, incapaz de soster a súa dominación por medios consensuais, recorre abertamente a prácticas totalitarias para impoñer pola forza a reprodución do capital, disciplinar á periferia e bloquear calquera experiencia democrática que soborde o seu control estrutural.
Vivimos un tempo marcado pola ansiedade cognitiva, a esixencia social de explicacións totais e inmediatas nun mundo cuxa complexidade soborda calquera esquema simple. Con todo, a análise rigorosa esixe lentitude conceptual e unha mirada de longa duración. A intervención en Venezuela non se improvisa en días nin semanas; é o resultado dun proceso estratéxico acumulado durante anos, no que conflúen intereses económicos, doutrinas de seguridade, disputas monetarias, fracturas internas do Estado venezolano e unha lectura estadounidense do continente americano como espazo vital exclusivo nunha fase de repregamento agresivo.
O golpe non foi en absoluto limpo nin limitado, como demostra o saldo de centos de mortos e unha violencia que golpeou directamente á poboación civil. A clave para comprender o sucedido reside, con todo, na modalidade concreta da operación, xa que non se produciu unha invasión clásica con ocupación territorial masiva nin un despregamento prolongado de tropas, senón unha intervención coercitiva concentrada orientada á decapitación do liderado político mediante o secuestro do presidente lexítimo, xunto co establecemento forzado de canles de interlocución con sectores do aparello estatal e militar venezolano e a imposición dunha posíbel transición política futura tutelada desde o exterior. Esta forma de intervención revela unha racionalidade estratéxica definida que busca evitar os custos políticos, militares e económicos dunha guerra prolongada nun país extenso, de xeografía complexa e con alta capacidade de resistencia social, substituíndo a ocupación aberta por unha combinación de violencia, intelixencia militar e presión política exercida desde unha posición de supremacía imperial.
Venezuela ocupa un lugar estratéxico nesta conxuntura por varias razóns. É un dos principais reservorios enerxéticos do planeta, atópase no espazo xeográfico que Estados Unidos considera historicamente a súa retagarda estratéxica e, sobre todo, convertérase nun laboratorio de prácticas económicas que ameazaban un piar central do poder estadounidense, a centralidade do dólar no mercado global de hidrocarburos
Este método non expresa debilidade, senón conciencia dos límites. Estados Unidos sabe que xa non pode permitirse “Vietnams caribeños”. A memoria histórica de Iraq e Afganistán pesa, pero non no sentido dunha renuncia ao uso da forza, senón na procura de formas máis eficientes de impoñer resultados políticos sen asumir unha ocupación total. A violencia non desaparece; racionalízase.
O transfondo estrutural desta intervención é a crise do liderado estadounidense no sistema mundial. Non se trata dun colapso inmediato, senón dun declive relativo, característico dos finais de ciclo hexemónico. A potencia dominante conserva unha superioridade militar abafadora, pero ve erosionada a súa capacidade de organizar consensos duradeiros, de soster regras compartidas e de garantir estabilidade sistémica. Neste contexto, a coerción substitúe progresivamente á hexemonía, e o dereito internacional subordínase á doutrina da excepción permanente.
Venezuela ocupa un lugar estratéxico nesta conxuntura por varias razóns. É un dos principais reservorios enerxéticos do planeta, atópase no espazo xeográfico que Estados Unidos considera historicamente a súa retagarda estratéxica e, sobre todo, convertérase nun laboratorio de prácticas económicas que ameazaban un piar central do poder estadounidense, a centralidade do dólar no mercado global de hidrocarburos. O uso de mecanismos de pagamento alternativos, combinando moedas non occidentais e tecnoloxías financeiras opacas, non era só unha solución pragmática fronte ás sancións; era un precedente potencialmente contaxioso. A iso súmase a posesión de vastas riquezas minerais aínda subexplotadas, entre elas ouro, coltán, bauxita, ferro e un conxunto de terras raras imprescindíbeis para as cadeas de valor da alta tecnoloxía contemporánea, desde a industria aeroespacial e militar até a fabricación de semiconductores, baterías e dispositivos dixitais. Nun contexto de transición tecnolóxica acelerada e de crecente competencia entre grandes potencias polo control de insumos críticos, estes recursos converten ao territorio venezolano nun activo xeoestratégico de primeira orde, cuxa soberanía resulta incompatíbel cun capitalismo global cada vez máis dependente da extracción intensiva e do aseguramento coercitivo de materias primas estratéxicas.
O sistema do petrodólar non é un detalle técnico, senón un eixo estrutural da orde económica global posterior aos anos setenta. Garante unha demanda constante de dólares, sostén a capacidade de endebedamento estadounidense e permite financiar déficits crónicos sen sufrir crises cambiarias equivalentes ás doutras economías. Calquera fenda significativa nese circuíto é percibida como unha ameaza existencial. Por iso, os intentos de comerciar petróleo fóra do dólar foron historicamente respondidos cunha violencia desproporcionada.
A relación de Venezuela con China debe lerse neste marco. China non actúa como potencia ideolóxica, senón como potencia sistémica emerxente, interesada en asegurar fluxos estábeis de materias primas, diversificar roteiros comerciais e reducir a súa exposición ao sistema financeiro dominado por Estados Unidos. A súa presenza en América Latina é fundamentalmente económica, porén ten implicacións xeopolíticas inevitábeis. Desde a perspectiva estadounidense, non se trata só de investimentos ou comercio, senón da posibilidade de que o continente deixe de ser un espazo monetariamente homoxéneo baixo a súa influencia.
A doutrina estratéxica estadounidense actual é explícita neste punto, o continente americano non debe ser plataforma de potencias extrahemisféricas. Esta formulación reactualiza unha vella lóxica imperial baixo condicións novas. Non é unha declaración retórica; é unha guía de acción. A intervención en Venezuela é a súa aplicación práctica máis contundente até a data. E a súa mensaxe é inequívoco, calquera intento de alterar os equilibrios monetarios, enerxéticos ou loxísticos na rexión será respondido con forza.
Este movemento non pode entenderse sen considerar simultaneamente a relación entre Estados Unidos e Rusia. Lonxe dunha confrontación total, o que se perfila é unha relación ambivalente, de competencia e acordo selectivo. Existen indicios claros dunha disposición estadounidense a aceptar zonas de influencia rusas a cambio de neutralidade ou cooperación noutras frontes estratéxicas. O Ártico emerxe aquí como un espazo esencial, reserva enerxética, corredor loxístico e escenario do cambio climático acelerado. O silencio ruso ante as ambicións estadounidenses sobre Groenlandia non é casual; suxire unha negociación implícita sobre reparticións futuras.
Este tipo de acordos parciais reflicte unha lóxica de equilibrio inestábel entre potencias en declive e potencias emerxentes. Non estamos ante unha nova orde estábel, senón ante unha fase de transición marcada pola fragmentación, o aumento do gasto militar e a proliferación de conflitos rexionais. A guerra deixa de ser unha anomalía e convértese nun instrumento normalizado de xestión da crise sistémica.
Europa, neste escenario, aparece como actor debilitado. Non é obxectivo de invasións militases, senón dunha erosión política interna. O apoio explícito ou implícito a forzas ultranacionalistas, chovinistas, euroescépticas, autoritarias ou neofascistas busca desarticular a capacidade da Unión Europea para actuar como bloque autónomo. A fragmentación europea é funcional a unha estratexia estadounidense que prefire negociar bilateralmente con Estados débiles que enfrontarse a un actor colectivo con capacidade regulatoria e monetaria.
Os BRICS representan unha contradición central do momento histórico. Non constitúen un bloque homoxéneo nin unha alternativa sistémica coherente, pero encarnan a vontade de amplos sectores do Sur Global de escapar á disciplina unilateral da orde occidental
Entrementres, os BRICS representan unha contradición central do momento histórico. Non constitúen un bloque homoxéneo nin unha alternativa sistémica coherente, pero encarnan a vontade de amplos sectores do Sur Global de escapar á disciplina unilateral da orde occidental. A súa expansión, os seus intentos de crear mecanismos financeiros propios e a súa coordinación parcial en foros internacionais son síntomas dunha transición inacabada. Con todo, a súa heteroxeneidade interna e os seus conflitos latentes limitan a súa capacidade de actuar como contrapeso efectivo a curto prazo.
Todo este armazón xeopolítico desenvólvese baixo a sombra dunha crise ecolóxica que redefine o valor estratéxico de territorios, recursos e roteiros. O esgotamento de combustíbeis fósiles convencionais, a competencia por minerais críticos e a apertura de novas zonas explotábeis por mor do desxeo aceleran a militarización do planeta. A guerra e a destrución ambiental non son procesos separados; aliméntanse mutuamente.
A intervención en Venezuela, neste sentido, non só procura asegurar petróleo, senón controlar o ritmo e as condicións da súa explotación futura nun mundo que transita caóticamente cara a unha matriz enerxética distinta. O capitalismo fósil non morre sen resistirse, e esa resistencia adopta formas cada vez máis violentas.
Desde unha perspectiva estrutural, o ocorrido en Caracas confirma que o sistema mundial entrou nunha fase de bifurcación histórica. As regras do xogo xa non son claras nin compartidas. A legalidade internacional aplícase de forma selectiva. A soberanía vólvese condicional. E a democracia, invocada retóricamente, subordínase a imperativos de seguridade e acumulación.
A intervención en Venezuela non só procura asegurar petróleo, senón controlar o ritmo e as condicións da súa explotación futura nun mundo que transita caóticamente cara a unha matriz enerxética distinta. O capitalismo fósil non morre sen resistirse, e esa resistencia adopta formas cada vez máis violentas
O secuestro dun xefe de Estado en exercicio por unha potencia estranxeira, sen declaración formal de guerra, marca un limiar simbólico. Normaliza prácticas que até hai pouco considerábanse extremas. E, ao facelo, redefine os límites do posíbel. Se isto pode ocorrer en Venezuela, pode ocorrer en calquera outro lugar onde converxan recursos estratéxicos, fraxilidade institucional e disputas ou confrontacións xeoestratégicas entre grandes potencias.
O mundo que emerxe deste episodio é máis perigoso, máis desigual e máis incerto. Pero tamén é un mundo no que as vellas narrativas xa non chegan. Comprendelo esixe recuperar ferramentas teóricas capaces de pensar a totalidade, as estruturas de longa duración e as loitas que atravesan simultaneamente economía, política, ecoloxía e cultura. Só desde esa ollada poliédrica é posíbel non só interpretar o que ocorre, senón imaxinar saídas que non reproduzan indefinidamente a lóxica da forza.