Xestión cultural e bibliotecas

Interior dunha biblioteca © Universidade da Coruña

Hai xa moitos anos que as bibliotecas e os centros de documentación abandonaron aquela secular misión de almacenaxe e mero depósito de libros e documentos. Incluso, por fortuna, na actualidade a base erudita e de elite social que primaba sobre as bibliotecas desapareceu para dar paso a unhas instalacións abertas, concibidas por e para a sociedade. A democratización do Estado, por un lado, así como a irrupción das novas tecnoloxías da información e a chegada de Internet e a globalización, por outro, propiciaron unha nova sociedade sedenta de información e consumidora de cultura nunha medida tal que as actividades culturais convertéronse nunha industria máis do entretemento.

A democratización do Estado e a irrupción das novas tecnoloxías da información e a chegada de Internet e a globalización propiciaron unha nova sociedade sedenta de información e consumidora de cultura nunha medida tal que as actividades culturais convertéronse nunha industria máis do entretemento

Se atendemos a Declaración Universal da UNESCO de 2001, onde se define á cultura como o conxunto de feitos distintivos materiais, intelectuais e afectivos que dan forma a unha sociedade en base a un sistema de valores e crenzas, coincidiremos na afirmación de que o feito cultural representa, a través das súas diferentes manifestacións, a identidade colectiva dun pobo, materializada no seu patrimonio material e inmaterial. Ese patrimonio como desenvolvemento intelectual ou artístico non é máis que a civilización mesma.

A necesidade de atopar as nosas raíces afianzando unha identidade colectiva que nos identifique cun grupo de convivencia é a razón que nos leva a crear, practicar, consumir e compartir cultura. Deste xeito, o acceso ás actividades culturais vén propiciado por profundas transformacións descentralizadoras que traballan contra a exclusividade dunhas elites intelectuais na propiedade e no acceso culturais. A expansión xeral da cultura a toda a sociedade representa unha ferramenta apta para a transformación dunha sociedade que persiga melloras individuais e colectivas.

Así, moitas institucións entenderon como un feito prioritario achegar a cultura á sociedade, tentando converter o feito cultural nun ben ao alcance de toda a poboación, expandindo o seu acceso sen atrancos e abandonando a antiga idea que identificaba a cultura como un luxo reservado ás clases dominantes. Para acadar aquel fin (que ben podería denominarse ‘democratización da cultura’), naceu un concepto que ven sendo manexado por colexios, institutos, universidades, museos, fundacións e, por suposto, bibliotecas: a xestión cultural. Mais, a pregunta salientábel podería ser: que entendemos por xestión cultural?

Na década dos anos 80 do século pasado, coa democratización e a expansión do feito cultural, xurdiu a figura do “animador cultural”, elemento aínda non profesional que actuaba como simple intermediario entre os produtores de cultura e os usuarios que demandaban actividades culturais

Na década dos anos 80 do século pasado, coa democratización e a expansión do feito cultural, xurdiu a figura do “animador cultural”, elemento aínda non profesional que actuaba como simple intermediario entre os produtores de cultura (escritores, músicos, ilustradores, actores...) e os usuarios que demandaban actividades culturais. Como xestor, a súa figura foi evolucionando até alcanzar a profesionalidade. A súa misión foi, nun principio, avaliar as necesidades culturais dos cidadáns e atopar solucións satisfactorias para eles. Mais o camiño non se detivo aí.

Deste xeito, a xestión cultural percorreu a súa andaina até chegar á planificación de programas e actividades que axudaran na consecución de estratexias en política cultural. É dicir, xestionar tecnoloxías e administrar recursos para dar pulo ao desenvolvemento cultural individual e colectivo. Isto implica posuír unha visión ampla e estratéxica tanto do lugar como da sociedade na procura do desenvolvemento social e particular.

O feito de que as bibliotecas adoptaran como eixo prioritario do seu traballo a asunción da xestión cultural responde, en boa medida e como xa adiantamos anteriormente, á irrupción das novas tecnoloxías da información, creadoras de novos xeitos de producir, compartir e comunicar coñecemento. Esta afirmación está sustentada nas novas e diferentes demandas que os usuarios das bibliotecas requiren na actualidade; os visitantes das bibliotecas, cada vez máis, son actores principais e personaxes activos, unha actitude froito dos estímulos creativos que aquelas novas tecnoloxías lles proporcionan. En definitiva, unha nova posta en escena que transformou a cultura xeral facéndoa máis accesíbel e próxima á cidadanía.

A xestión cultural percorreu a súa andaina até chegar á planificación de programas e actividades que axudaran na consecución de estratexias en política cultural

En canto ás bibliotecas universitarias, resulta obvio que dende hai moito tempo asumiron que, xunto ao apoio á docencia e a investigación e a carón da formación dos seus usuarios naturais (de acordo ao Espazo Europeo de Ensino Superior), resulta fundamental traballar como instrumento de transmisión e difusión cultural. Así, os centros bibliotecarios de ensino superior teñen tamén como obxectivo propiciar e fornecer o crecemento da cultura así como a súa expansión por todo o seu ámbito de actuación.

Nun seguinte artigo trataremos da importancia e os obxectivos da xestión cultural nas bibliotecas universitarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.