Xornalismo idólatra para o papa Francisco

Unha gaivota pousada na cheminea do Vaticano foi o agoiro da sorpresa do papa Paco. A ancestral mensaxe do fume branco precedeu á resurrección da conta de Pontifex en Twitter para anunciar o comezo dun novo papado na vella lingua latina da igrexa. Sorpresa. Máis de 130.000 tuiteos por minuto saudaron o pontífice. Só un adianto no diario arxentino La Nación previu a elección do cardeal Jorge Mario Bergoglio. A primeira elección dun papa vista polo seu predecesor por televisión, onde a cobertura da resolución do conclave o alagou todo. O papa emérito Benedito XVI contemplou o seu sucesor desde o seu retiro de Castel Gandolfo. O pioneiro en apostolar desde as redes sociais quizáis se sorprendeu ao ver os perfís falsos que se abrían co nome do unxido.

Cando a presión da información en tempo real mergulla medios dixitais e convencionais dunha cobertura que evidencia as debilidades dun xornalismo a miúdo baleiro, insubstancial e afastado do interese real do seu público

Francisco é o primeiro papa elixido na era de internet móbil. Cando gran parte dos católicos usan as redes sociais. Cando os faladoiros e os talk shows impoñen nas televisións do mundo a súa ladaíña. Cando a presión da información en tempo real mergulla medios dixitais e convencionais dunha cobertura que evidencia as debilidades dun xornalismo a miúdo baleiro, insubstancial e afastado do interese real do seu público.

Joseph Ratzinger, elixido en 2005, foi o único pontífice cuxa elección se someteu ao ciclo da información e o entretemento en tempo real. Xoán Paulo II, o papa máis mediático, afixo os medios á súa presenza e ás súas palabras, pero cando o conclave o elixiu a CNN non nacera e faltaban moitos anos para a hiperrealidade acelerada das redes sociais.

Está xustificada a enorme cobertura mediática do conclave? Foi adecuada? Responde o perfil de cada medio?

Está xustificada a enorme cobertura mediática do conclave? Foi adecuada? Responde o perfil de cada medio? Moitos conservadores quéixanse da frivolidade da maioría dos medios e acusan o xornalismo progre con bastante razón. O abuso da opinión sen suficiente fundamento, a insoportable banalidade dos faladoiros e o esquecemento da información transmutada en espectáculo dominaron páxinas, horas de radio e televisión e o fluxo incesante dixital.

A elección do papa encheu os medios de todo o mundo desde a dimisión de Ratzinger, quizais o maior acto de humanización e desacralización do poder espiritual de Roma que se lembra

A elección do papa encheu os medios de todo o mundo desde a dimisión de Ratzinger, quizais o maior acto de humanización e desacralización do poder espiritual de Roma que se lembra. Bergoglio presentouse onte ante os fieis pedindo a súa bendición antes de outorgar a súa. Saudou cun simple boas tardes e anunciou co seu nome de Francisco unha vocación de modestia asentada na súa preferencia polo colectivo (autobús) e o subte (metro) do seu Buenos Aires natal.

A Igrexa é mestra en sinais e xestos. O papa Francisco revestiuse deles: do seu nome ás súas palabras e á elección da súa primeira vestimenta como vicario de Cristo. Os cardeais elixiron con extremo cálculo un home sinxelo, latinoamericano pero con profundas raíces europeas pola súa dobre condición de arxentino e italiano. O primeiro papa xesuíta, ortodoxo no doutrinal e defensor dos desfavorecidos na vella tradición da doutrina social da igrexa.

Até a faladora Cristina Kirchner enmudeceu e tardou máis dunha hora en responder en Twitter á elección dunha figura coa que espera problemas. E fíxoo coa gran contradición e o inequívoco sinal dun frío papel oficial incrustado na corrente dixital.

Lemos páxinas e páxinas insubstanciais en diarios que esqueceron pronto o informe secreto de Benedito XVI sobre os abusos, encubrimentos e corrupcións dunha igrexa con moitos talos podrecidos

Lemos páxinas e páxinas insubstanciais en diarios que esqueceron pronto o informe secreto de Benedito XVI sobre os abusos, encubrimentos e corrupcións dunha igrexa con moitos talos podrecidos. As apostas papais volveron equivocarse e o boato vaticano encheu os púlpitos mediáticos en todas as súas plataformas con moi pouco que dicir.

Só unha présa de medios en todo o mundo cubriu con profundidade a substitución no trono de Pedro. Os maiores especialistas en catolicismo, algúns habitualmente serios e outros que non esqueceron a piadosa mirada do seu público ou a visión laicista dos seus.

Moitos medios parecen predemocráticos coa súa renuncia á intelixencia e á modestia do xornalismo fronte ao enorme ego catódico e dixital

As batallas doutrinais, sociais e relixiosas da igrexa desapareceron. A ausencia de especialistas sepultouse con cháchara e copia e pega. Unha vez máis, moitos sentiron a facilidade de opinar cando non saben e o xornalismo esquece que a súa misión é informar, non saber; pescudar, non sancionar.

A democracia moderna naceu coa separación de relixión e Estado, e a creación dun espazo público onde os medios de comunicación axudaron a crear un público suficientemente informado para gobernarse a si mesmo. Agora a miúdo moitos medios parecen predemocráticos coa súa renuncia á intelixencia e á modestia do xornalismo fronte ao enorme ego catódico e dixital. Un insulto á súa audiencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.