Xs desafiuzadx sociais nacen ou fanse?

Quero dar a coñecer este vídeo da miña amiga Eva Nion e partillar a pregunta que sempre me fago:

que podemos facer nós, poboación infantilizada desprovista de soberanía persoal, cos recursos máis básicos xusto ao límite imprescindíbel para que poidamos seguir contando os días que restan para que se nos neguen. Cada vez coñezo máis casos similares e cada vez máis casos que superan os anteriores en gravidade e urxencia; tamén sinto que existe moi pouca solidariedade alén do apoio moral nas redes sociais, talvez acaso esmola e misericordia, mais solidariedade ben pouca.

Nin sequera a realidade nos fai dubidar das condicións en que controlamos e administramos o alicerce máis profundo na nosa existencia en sociedade, a nosa propiedade privada. É que temos bancos de alimentos mais nin sequera alimentamos caixas de resistencia como facían xs vellxs cenetistas. Non coñezo máis que organizacións de xente á que lle sobra, que axuda xente á que lle falta, como se fosen de dúas tribos diferentes a viver distintas realidades a ambas marxes dun mesmo río. Non é esa a mesma mentalidade da xente que manda sobre xente que obedece? A dx amx sobre x escravx? En ningún momento se cuestionan, revisan ou modifican os procedementos que nos levan a tal disparate: eu cheguei antes, cando había traballo, teño dereitos adquiridos, ti chegaches despois, tes menos dereitos adquiridos e menos traballos, sentímolo pero o mundo é así. E sempre hai máis dxs que chegaron antes que dxs que chegaron depois, claro, e así seguimos, claro.

Con frecuencia as mulleres que acoden ás oficinas de servizos sociais dos concellos teñen que aturar interrogatorios indecentes con paciencia tamén indecente para saír cunha esmola no peto, ou para evitar que os seus expedientes acaben no grupo deses aos que nunca se dá chegado.

Moitxs desafiuzadxs sociais teñen a grandísima sorte de contar coa axuda das súas familias, si, e tamén acaban infantilizadxs. Porque nun mundo en que todo se move con diñeiro, reducilo ao mínimo e condicionalo a fins puramente lexítimos e de subsistencia básica, elimina unha mínima autonomía local e fai que pasen a estar en débeda permanente, a ter o deber de dar contas de todo, a sentir a culpa permanente e a pedir permiso para todo.

Desafiuzadx social, nácese ou faise? Ou meréceo en certa medida a xente que non quere tragar con calquera cousa, e tenta deixar isto un pouco mellor para xs seguintes? Non é o que estamos a asumir no fondo? Así nolo agradecedes? É a inxusta fábula fábula da cigarra e a formiga?

Pois tal vez si, mais a nós dixéronnos que iamos para formigas e cando chegamos non ficaban prazas máis que de cigarras, que lle imos facer. As formigas chegaron antes, e non se preguntan por que, nin a como cotiza hoxe o seu confort. As nosas formigas desexan que remate a crise o antes posíbel, que haxa paz no mundo, que baixe o paro, opinan que todxs xs políticxs son iguais, que isto non o arranxa ninguén e que hai que ter paciencia. Mais nunca se preguntaron por que lles tocou ser formigas.

E ao final do noso conto as formigas morren de paciencia e as cigarras de lenta violencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.