XuntAs

Ricardo, sabes que aquí no puedes jugar. ¿Qué quieres saber de las cosas de los mayores? A jugar fuera, a la calle. Mucho ojo con quien te mezclas. Los hombres de verdad saben escoger.

Cando nos expulsaron do paraíso, tan só quedamos nós coas nosas escasas posibilidades no medio dun escenario circundante digno do Ballard máis distópico

Cando nos expulsaron do paraíso, cando nos fixeron saber de todos os xeitos posíbeis que aquilo sería a partir de xa un couto reservado a unha minoría privilexiada escollida por unha serie de afinidades arbitrarias, tan só quedamos nós coas nosas escasas posibilidades no medio dun escenario circundante digno do Ballard máis distópico. SÓS. Unha saída cara adiante fóra do sumidoiro en expansión que abrolla como un epicentro posíbel nun lugar outrora emblemático. Cando o desvarío vén de lonxe e supón unha herdanza recibida na interxeracional velenosa non se atende a usos lóxicos. O abandono comeza paradoxicamente polo alicerce do propio, como quen reinventa o bucle da ignominia no mesmo corpo tras esgotar os esforzos dedicados a estragar todo o externo. Nas ruínas da vivenda modelo, do luxo artellado sobre o odio á diferenza, o monumento de complacencia construído sobre a intransixencia, queda aínda en pé unha casa onde se reprimía ao diferente ao tempo que se finxía unha apracíbel vida familiar agochando a oportunidade para as reunións sempre secretas dos mandos intermedios da Falange Española. Falamos de Vigo.

Nas ruínas da vivenda modelo, do luxo artellado sobre o odio á diferenza, o monumento de complacencia construído sobre a intransixencia, queda aínda en pé unha casa onde se reprimía ao diferente ao tempo que se finxía unha apracíbel vida familiar

Poderían ser, seguen a ser aínda, moitos outros os espazos.

Se as imaxes cara a galería falaban de bonitos usos costumistas de apertura cara ao sur, (non, malia as similitudes non falamos do presente) circunscribindo o amor á terriña nai a un localismo folclorista con humoradas de carácter estrañamente macabro e caciquil, era nas adegas onde se soterraba en vida o verdadeiro espíritu reaccionario do movemento. As máis que probábeis torturas a disidentes ou sospeitosos (até catro azulexos con frases intimidatorias do estilo Piensa mal y acertarás, Hay gustos que merecen palos, No es tan fiero el león como le pintan) apuntan á existencia dun zulo, un lugar de represión clandestino. Abstéñanse as mentes que procuren calquera tipo de relación coa familia Soriano, a fundadora de Porcelanosa visto o arsenal de revestimento azulexado atopado; entre a lista de propietarios do inmóbel tan só figura, ademais de diversas entidades financeiras que estamos a rescatar entre todas, entre todos, o cineasta vigués afín ao réxime Cesáreo González.

Existe un lugar para todo o mundo no Centro Social Okupado Autoxestionado XuntAs. Despois de meses de traballo e dificultades varias, a casa comeza a querer tomar corpo

Cantos anos medidos en cascallos pode durar o esquecemento? Canta maleza pode pechar a entrada ao xardín? Canto lixo poden ir acumulando as presenzas ocasionais dos habitantes sen teito ao longo dos últimos anos? Por que tanto desleixamento das diferentes persoas e entidades mencionadas nos documentos que dan dereito legal á propiedade? Abofé, esta casa semella exemplificar o movemento Aquí podería vivir alguén que se espalla, como mínimo, por todo o sur europeo.

E niso andamos. Existe un lugar para todo o mundo no Centro Social Okupado Autoxestionado XuntAs. Despois de meses de traballo e dificultades varias, a casa comeza a querer tomar corpo. Na cociña, na sala de proxección, no obradoiro Lazarus Hack de reciclaxe de ordenadores, na zona de bar – sala de concertos dende onde se emiten en aberto por streaming todos as actuacións, na pequena biblioteca, na horta ecolóxica que agora comeza a andar e nas actividades que se están a desenvolver (obradoiro de reparación de bicicletas, oficina da muller, oficina da vivenda, venda -intercambio de produtos comestíbeis e obxectos de segunda man no furancho, próximos obradoiros de artesanía e carpintaría, etc.) Unha casa aberta dende o pobo e para o pobo, receptiva a calquera persoa que se queira pasar polos arredores da piscina das Travesas a botar unha man, facer algunha doazón, intercambiar calquera servizo a través do banco de tempo, ver un concerto ou un documental, asistir a un obradoiro, facer Tai-Chi, actuar, quedar para botar un anaco, suxerir actividades e iniciativas ou mesmo xogar. En efecto, os nenos están volvendo por fin a xogar dentro da casa.

Ricardo medrou. Xa non é aquel rapaz asustadizo a quen mandaban a enredar á rúa. No máis íntimo, Ricardo, é dicir, eu, sei que en realidade son maricón perdido, desempregada de longa duración, síndrome de Down, científico, puta, condenado a pagar de por vida o meu desafiuzamento, máis negra ca un chamizo, discapacitado, bipolar, actriz, coxo, mexericas, gordo, magrebí, gandeiro, lesbiana, dependente, ateo, afectado polas preferentes filoterroristas, filósofa, xubilado, ex-clase media, escritor en lingua galega, anoréxica, vello, nixeriano vítima das mafias, membro activo da esquerda incitado á violencia incapaz de pensar por min mesmo, artista, poeta, marisqueira, enfermo progresivamente máis desasistido, cineasta, muller, nena nun sistema escolar público máis e máis deteriorado. Apenas me consola a modernidade cercana do recentemente nomeado Papa do corazón.

No máis íntimo, Ricardo, é dicir, eu, sei que en realidade son maricón perdido, desempregada de longa duración, síndrome de Down, científico, puta, condenado a pagar de por vida o meu desafiuzamento, máis negra ca un chamizo

No máis íntimo, Ricardo, é dicir, eu, síntome completamente desprotexido porque antonte me obrigaron a riscar a palabra cidadán do meu billete de identidade.

Cada vez somos máis os expulsados.

Por máis que nos digan o contrario sabemos que o horizonte nunca será vertical.

Comezamos a autoxestionarnos.

SÓS.

XuntAs.

 

Este artigo conta coa aprobación asemblearia do centro social okupado autoxestionado XuntAs e foi elaborado a partir de información proporcionada polos seus integrantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.