1. A pedra de escándalo. A sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Navarra, do 20 de marzo de 2018 (publicada o 26 de abril), que xulga uns actos cometidos por un grupo de cinco homes coñecido como la manada, suscitou unha indignada resposta cidadá (e tamén algunhas reaccións políticas imprudentes, oportunistas e populistas) que tivo un amplo eco mediático.
2. Os feitos. A sentenza considera probado que os homes introduciron sen violencia unha muller de dezaoito anos nun reducido habitáculo a través dun portal. Debido á súa profunda alteración emocional, a muller quedou bloqueada e non puido reaccionar –adoptando, en consecuencia, unha actitude de sometemento e pasividade– cando os cinco homes que a tiñan rodeada e oprimida, máis fortes e maiores ca ela, a espiron e realizaron con ela prácticas sexuais por vía oral, vaxinal e anal.
3. A falta de consentimento. A sentenza afirma que os cinco homes abusaron da súa superioridade manifesta, de maneira que as prácticas sexuais tiveron lugar sen a aquiescencia da muller, que ficou rendida á vontade dos homes e foi utilizada como un mero obxecto. En efecto, adoitamos pensar que ante unha agresión só cabe fuxir ou loitar, pero o que acontece moi a miúdo (probabelmente a maior parte das veces) é que a vítima fica paralizada por mor do pánico. Pode ser pois un grave erro de apreciación confundir esta petrificación intuitiva co consentimento. A sentenza non comete este erro.
4. Unha sentenza meditada. E incorrecta. Da sentenza dedúcese unha auténtica preocupación da maioría do tribunal por describir fielmente os feitos e por valoralos con fundamento legal e xurisprudencial. Os xuíces estudaron este difícil caso durante meses e con moito tino, e ditaron unha sentenza razoada. Unha sentenza que impón unha pena severa para un delito grave. Unha sentenza, porén, incorrecta. En efecto, a maioría do tribunal cualifica os feitos xulgados de abuso sexual (artigo 181 do Código penal) porque non aprecia a concorrencia dos medios que integran o concepto normativo da agresión sexual (artigo 178): a violencia (forza física) ou a intimidación (constrinximento psicolóxico).
5. Un grave erro xudicial. O detallado relato dos feitos probados non dá lugar á conclusión de que houbo intimidación e, polo tanto, unha agresión sexual. Porén, é dificilmente imaxinábel que, no contexto tan ben descrito na sentenza, unha muller acurralada por cinco homes nun espazo illado non se sinta obxectivamente intimidada, non se sinta, dun xeito implícito pero claro e suficiente, ameazada cun mal grave. A sentenza é incoherente e ilóxica porque narra perfectamente unha agresión (unha violación, de feito, é dicir: unha agresión sexual agravada) pero castiga un abuso. É, polo tanto, inxusta.
6. A perspectiva machista. Por que é unha sentenza inxusta se houbo un xuízo xusto, respectuoso coas garantías procesuais? Non é porque a maioría do tribunal desconfiase da vítima –foi mesmo empática con ela–, senón porque, inserta na nosa tradición xudicial patriarcal, non soubo meterse na pel da muller agredida, non enfocou os feitos desde o marco conceptual da perspectiva de xénero, que capta a experiencia da violencia sexual desde un ángulo que os homes descoñecen.
7. As tres leccións aprendidas. Esta sentenza ofrécenos a oportunidade de reflexionar racional, cautelosa e construtivamente sobre: (a) A formación dos operadores xurídicos en materia de xénero. Os xuíces, por exemplo, non poden abordar os delitos contra as mulleres con estereotipos sexistas. O sexismo é inxusto. (b) A reforma do Código penal. Poden estudarse basicamente dúas opcións: unha diferenciación mellor entre o abuso e a agresión, para que un tocamento non poida subsumirse no mesmo tipo que os feitos descritos nesta sentenza; ou ben un único tipo de agresión sexual con circunstancias agravantes. En todo caso, parece chegado o momento de descartar a esixencia de violencia ou intimidación para que o sexo non consentido sexa considerado unha agresión. (c) A valoración colectiva do machismo como ingrediente tóxico da nosa cultura. Cómpre desmontarmos a estrutura androcéntrica –da cal forma parte a cultura da violación– que aterroriza as mulleres, degrada os homes, empequenece a sociedade e dinamita a confianza na xustiza e na democracia, e cómpre implementarmos un modelo afectivo e sexual igualitario. Os homes deben implicarse na construción dunha nova masculinidade desvinculada do privilexio, incluído o sexual.
Publicidade