Os altos tribunais españois teiman en vulnerar o dereito ao xuíz ordinario predeterminado pola lei, conculcando a ecuanimidade
Abraiantes resultan os silencios da fauna política e mediática que, desde Madrid, non cesa de marcarnos a axenda dos temas que realmente importan. E os ridículos internacionais que acumula a marca España non teñen cabida no unanimismo patrio, sempre á espreita contra rebeldes e sediciosos, pronto a omitir, obviar e travestir enunciados pouco acaídos coa sacrosanta doutrina da nación oficial. Quen non querería ser español e ousaría atacar á bandeira? Acaso non temos a Nadal, Gasol e a mellor liga de fútbol? Que hai de intelectuais da talla de Bertín Osborne e Pablo Motos? Hai dúbidas de que se come coma en ningún outro lugar do planeta Terra? E como esquecer que España fixo unha sobranceira transición política pasando páxina daquel “período de división entre españois”, como dixo o fillo do Emérito, que non tivo a ben facer énfase no carácter ditatorial do momento, quizais por aquelo de non remexer antigas historias. Para que evocar eivas democráticas? Ou desigualdades? Ou a corrupción cando esta afecta a un ex xefe de Estado en vacacións, que non fugado? Anecdótico que os corpos armados estean ateigados de fascistas. E tampouco é relevante a carga ideolóxica e parcialidade da alta xustiza.
Alén do “Estado bendito” tales banalidades non pasan desapercibidas, minando paseniño a súa reputación e acrecentando o descrédito. No que respecta ao eido xudicial, na capital comunitaria o teñen claro. A recente sentenza dun tribunal belga sobre a orde de extradición contra Lluis Puig, antigo Conseller de Cultura da Generalitat de Cataluña exiliado en Bruxelas, non deixa marxe á dúbida. A corte de xustiza alude claramente á persecución da que é obxecto Puig por mor das súas conviccións políticas: “os feitos polos que se está a procesar sitúanse no contexto da aspiración dalgúns partidos e os seus representantes á independencia do goberno de Cataluña con respecto ao resto do territorio español”. Unha deriva tutelada que conduce á instrumentalización da mesma xustiza, para o cal fórzanse e altéranse os límites da lei de xeito que o asunto caia en mans dunha xurisdición ben identificada, a do Tribunal Supremo (TS), a pesares de que non existen fundamentos para tal cousa. Sempre segundo os maxistrados belgas, o TS non pode ser xuíz de primeira e única instancia para atender a conducta do outrora Conseller e, en consecuencia, a orde de detención e entrega emitida non pode ser tomada en consideración.
A resolución chama a atención sobre o siso ideolóxico dos xuíces españois, enxergando os seus manexos para que o caso recaia nos órganos centrais de Madrid: TS e Audiencia Nacional (AN). Doutra banda, alertado polos indicios que chegan do “Estado elixido”, o tribunal de Bruxelas estudiou polo miúdo as conclusións do estudio emitido polo Grupo de Traballo sobre Dereitos Humanos da ONU para poñer en tea de xuízo a independencia e imparcialidade dos tribunais españois, concluíndo que Puig non tería un proceso xusto en España. Na resolución cítanse nomeadamente as “declaracións políticas realizadas polos maxistrados”, que socavan a presunción de inocencia. Porque unha cousa é a liberdade de expresión e outra que aos maxistrados se lles permita dicir o que lles pete no que atinxe a asuntos sobre os que se deben pronunciar. Ás súas señorías, “muy españoles y mucho españoles”, deberíaselle caer a cara de vergonza de que os de fóra lles teñan que lembrar cousas tan primordiais, inherentes ao oficio de impartir unha certa xustiza. A sentenza termina enumerando unha pléiade de “riscos graves de violación dos dereitos fundamentais” de Puig no caso de terminar diante do TS.
Condenados por parcialidade no caso Bateragune, os altos tribunais españois teiman en vulnerar o dereito ao xuíz ordinario predeterminado pola lei, conculcando a ecuanimidade. Hai pouco regresou a casa outro exiliado catalán en Bélxica, Adriá Carrasco, membro dos CDR acusado de terrorismo pola AN, instancia que rematou por inhibirse, pasando o caso a mans dun tribunal ordinario que dirimiu a non existencia de delito. Antes xa fora Tamara Carrasco, imputada por terrorismo e desordes públicas pola AN, cuxa causa foi desestimada en canto caeu en mans dunha xurisdición ordinaria. Coa sentenza de Puig mediante, evidenciándose o cariz ideolóxico da xustiza española, desbotados os argumentos da rebeldía e sedición, o suplicatorio de Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí pode converterse nun problema para o Parlamento Europeo (PE), empurrado a xogar un rol protagonista na persecución dun movemento democrático. Coa certeza de que o seguinte paso é acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que previsiblemente ratificará os argumentos da sentenza belga, o PE pasará a converterse en vítima do mangoneo dos tribunais españois a prol da ideoloxía. Todo un orgullo patrio. Xustiza marca España.