Nos derradeiros días –e non é casualidade-, atopámonos con novas que relacionan a mocidade con diversas prácticas violentas entre iguais, así como de consumo excesivo de alcohol. As pelexas en Lugo, a morte dunha cativa de 12 anos por mor dun excesivo consumo de bebidas alcohólicas una noite “de festa”, os magostos en Ourense… Que pasou? De súpeto atopámonos que a mocidade perdeu “o norte” e son auténticos individuos antisociais. Nin moito menos. Neste caso, ademais dos actos puntuais (e graves), o perigo podería repartirse entre una prensa totalmente sensacionalista, unhas políticas non preventivas e si sancionadoras, e a excesiva condescendencia coa que tratamos á xuventude.
Primeiro, en todas estas novas publicadas … de que número de xente estamos a falar? Que porcentaxe das persoas mozas son as que quedan para consumir alcohol ou ben “zurrarse” fóra do horario lectivo? É a maioría? Para nada. Pero gostamos moito máis de xeneralizar situacións minoritarias, que de analizar e entender que as dinámicas son contextuais e non afectan a todas as mozas e mozos. Fan algo que non fixéramos nós á súa idade? Non son froito da nosa educación? Coidado, porque entón, aviso que no caso de visualizar unha serie televisiva como Física o Química pensando que isto acontece nos Institutos, non deixaríamos que ningunha rapaza e rapaz fose a clase.
O alarmante de todo este asunto, como é habitual, é non contar coa opinión do grupo social que estamos a criminalizar. Cando nos sentamos con elas e con eles para escoitalos (que non é o mesmo que OÍR o que nos queren dicir) pretendemos impoñer o noso criterio sen entender que non somos nós, que a sociedade cambia, e que o seu xeito de relacionarse é completamente distinto, así como os seus intereses e inquedanzas.
E, para axudar neste proceso complexo, dende as “autoridades” o discurso tamén é de medo, e lamentablemente non de posibilidades. E hainas, moitas. Coñecen a figura da educadora social? Coñecen as experiencias existentes e a proposta educativa e de prevención que defendemos nos contextos escolares?
As charlas sobre leis, sancións ou multas non son prevención, ou polo menos no aspecto educativo. Repetimos, e non nos cansaremos de facelo, que se queremos reverter a situación, hai que actuar. E non será un troco inmediato, será una aposta de futuro para que dentro de dez/quince/vinte anos, podamos estar traballando xa situacións que serán completamente distintas. Por que cando falamos de grupos de expertos/as, non hai xente moza? Por que soamente hai xestores, policía, ou políticos/as? E as profesións orientadas cara á prevención?
Fágano! Aposten! Que teñen que perder? De feito, o partido polo de agora estase a desperdiciar, e mozos e mozas pasan de cativas a adultas, nun proceso de conflito constante con outros “estamentos” da sociedade. A UNESCO xa no ano 1968, xa nos explicaba coma o tratamento das persoas adultas cara a xuventude, era a de un grupo “ás portas da sociedade”1, e nunca de suxeitos de pleno dereito.
Non quitemos ferro nunca a estas situacións, pero formulemos solucións dende un punto de vista distinto. Se cadra, podemos conseguir a motivación que agora precisamos para escoitarnos e entendernos ;-)
Notas
1- UNESCO, “La juventud en el mundo. A la greña con la sociedad”, El Correo (Abril 1969: 8).