Xuventude, infernal condena

Ultimamente hai unha noticia que se repite con sospeitosa frecuencia. Trátase da negociación dunha empresa que para asegurar a súa viabilidade lle propón ao seu cadro de persoal un novo marco salarial, de horarios e condicións laborais. A proposta é de entrada salvaxe: baixada xeneralizada de salarios, redución de vacacións e complementos, etc. Trala conseguinte indignación primeiro, e pánico despois, a dirección da empresa reúnese cunha representación dos traballadores e traballadoras e estes saen do despacho cunha oferta menos brutal: por exemplo de conxelación de suplementos e reestruturación e flexibilización de xornada para o cadro de persoal actual e redución considerábel do salario en todos os conceptos para as novas incorporacións.

Trala conseguinte indignación primeiro, e pánico despois, a dirección da empresa reúnese cunha representación dos traballadores e traballadoras e estes saen do despacho cunha oferta menos brutal

Así pasou, por citar dous casos, en Citroën, onde o sindicato amarelo tragou. Pasa agora en Abanca, onde é de temer que vaia ocorrer outro tanto. Dúas empresas que suman 10.000 traballadores e, polo seu tamaño e a súa influencia directa ou indirecta no conxunto do tecido empresarial galego, van arrastrar a moitas outras empresas a tomar idéntico camiño. Como van todas as auxiliares de PSA, os concesionarios de coches, transportistas, gasolineiras, e por extensión todo o metal, pedir máis que a propia Citroën? Como vai o cadro de persoal de ningunha compañía esixir que se lles manteñan as condicións laborais cando a entidade que as financia non o fai? Que van facer o resto de entidades financeiras se ven que unha competidora consegue vantaxe?

Como vai o cadro de persoal de ningunha compañía esixir que se lles manteñan as condicións laborais cando a entidade que as financia non o fai?

A chantaxe e a ameaza empresarial é de tal calibre que un non se atreve a dicirlle aos sindicatos o que teñen que facer. Porén, é desesperante comprobar como a corda rompe sempre polos máis novos. Os gobernos lexislan para que os xubilados actuais manteñan nominalmente intactas as súas pensións, incluídas as máximas, mentres aos traballadores que as pagan lles din que vaian buscando un complemento porque as pensións futuras... a ver quen as vai pagar. E para animalos a caer na rede dos fondos de pensións van baleirando o Fondo de Reserva, un peto do que levan fuxido 30.000 millóns de euros nos tres últimos anos mentres se anuncian rebaixas de impostos para as rendas altas.

Os gobernos lexislan para que os xubilados actuais manteñan nominalmente intactas as súas pensións, incluídas as máximas, mentres aos traballadores que as pagan lles din que vaian buscando un complemento

Ao tempo lexíslase para que os novos contratos non acaden nin o salario mínimo interprofesional, fomentando a contratación por horas e legalizando a escravitude na formación, nas horas extras e nas condicións de despedimento. Persoalmente e por motivos profesionais coñezo unha chea de mozos e mozas que traballan sen contrato de ningún tipo, ou ben fan 45 horas durante meses a cambio do salario de media xornada, ou están en prácticas e pola puta cara, por suposto moito máis formados e produtivos que ningún outro grupo de idade. A explicación que se lles dá é que naceron en mala época, que o primeiro é o primeiro e, como eles non negocian, os que negocian por eles antepoñen aos que xa están.

Esta crise merdeira debía ternos convencido de que cando un cre zafar a base de foder a outros, só atrasa a súa condena. Pensan os votantes do sindicato amarelo de Citroën que cortando pola mocidade se van salvar eles? O que conseguen é ir desbrozando o terreo para que avancen as gadañas. Por outra banda, a quen beneficia que a xente nova teña que seguir vivindo coa familia ata os trinta ou corenta anos? Benefícialle á dirección de Citroën que non poidan mercar nin un coche dos que eles fabrican porque apenas xuntan para comida e roupa e enriba o día seguinte poden quedar sen traballo? Xa non falemos de mercar unha casa ou de ter fillos.  

Por todo isto é polo que a urxencia máis inaprazábel na nosa sociedade é a de que tomen o control as xeracións máis novas, porque os vellos van toleralo todo mentres zafen eles

Por todo isto é polo que a urxencia máis inaprazábel na nosa sociedade é a de que tomen o control as xeracións máis novas, porque os vellos van toleralo todo mentres zafen eles, ademais de estaren acovardados polo que posúen e polo que teñen que perder. A mesquindade e a insolidariedade colonizaron o corpo social ata a cerna e ese mal xa ten pouca cura. É imprescindíbel que a mocidade os arrombe, ou nos arrombe, e tome o control, porque vai ser máis forte e máis libre para esixir, porque desde o control eles non van aturar seren sacrificados coma peóns mentres os reis do mambo se enrocan no seu castelo, non van aturar que se lles venda un futuro de subsistencia, humillación e escravitude e, por enriba de todo, porque o van facer infinitamente mellor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.