XXV anos de Xacobeos: Retornan os tempos de contar 'merluzos' nos concertos

Tras semanas de rumores varios, a directora de Turismo de Galicia anunciaba que este verán volven ao Monte do Gozo os macrofestivais musicais macroalternativos, macrodivertidos e cos macrocabezas de cartel que “se poñan a tiro”. Cando se cumpren vinte cinco anos do primeiro xacobeo, un dos fenómenos da autonomía por antonomasia, os inquilinos de San Caetano xa comezan a poñer en funcionamento ese xigantesco botafumeiro propagandístico co que a través do autobombo e a espectacularización cultural buscan perpetuarse no poder. Pese a que os conservadores agarraron en Galicia máis forte que o eucalipto, en novembro do 2016 e durante a primeira xornada do debate de investidura, Núñez Feijóo xa aseveraba que tocaba comezar a preparación do Ano Santo de 2021 para que sexa “o mellor da historia” e que a Xunta traballaría niso dende “o primeiro minuto.

Hai 25 anos do primeiro Xacobeo, os inquilinos de San Caetano xa comezan a poñer en funcionamento ese xigantesco botafumeiro propagandístico co que a través do autobombo e a espectacularización cultural buscan perpetuarse no poder

Durante as catro lexislaturas no poder de Fraga Iribarne, principal impulsor dese fenómeno cultural convertido en propaganda franquista que foron os XXV Anos de Paz, os rexional-populistas gañaron a través dos xacobeos unha das grandes batallas na loita pola hexemonía cultural. Unha vitoria lograda con grandes sumas de diñeiro público e que en ningún caso estiveron destinadas a vertebrar o sector, no que certas empresas ligadas á música e a loxística si conseguiron profesionalizarse, pero que tivo un efecto moi negativo no que representa o relato cultural; e é que dende os anos oitenta as altas esferas sospeitan de calquera escena cultural construída dende abaixo, mentres se apoia a industrialización e estandarización do pracer.

Segundo a Unión Estatal de Sindicatos de Músicos, Intérpretes y Compositoras, no 2017 celebráronse no Estado español un total de 851 festivais apoiados por todo tipo de administracións; o que semella unha segunda idade de ouro dos mesmos, indica coma o negocio imponse a un ecosistema cultural precario no que o Estatuto do Artista non chega a súa aprobación pese as múltiples xuntanzas e subcomisión no Congreso dos Deputados. Situación que no caso galego, agravarase aínda máis cunha futura e progresiva entrada en vigor da Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que entre outros aspectos: poñerá en perigo a espazos intermedios tan necesarios para que moitas persoas que se queren dedicar á cultura nos seus múltiples variantes poidan dar os seus primeiros pasos, ou carrexará máis dificultades de cara a que as diferentes localidades dispoñan de programacións estables ao longo de todo o ano e non caer en que a celebración de eventos culturais sexa algo extraordinario e puntual. Ao longo da historia recente, todas as escenas musicais e os movementos culturais, tiveron a súa orixe ou foco nos barrios ou cidades. Que clase de movemento ou escena vai nacer dun deses grandes vórtices do capitalismo cultural que é un macrofestival, onde o escenario convértense nun inmenso photocall?

Tampouco semella que estes eventos vendidos como experiencias que son os festivais musicais, sexan a panacea polo que se refire as condicións laborais de técnicas e traballadoras, xa que cada tempada estival saltan aos titulares as condicións abusivas que sofren con xornadas interminables e unha remuneración moi escasa. A estas condicións de infra-remuneración, sumarlle a endémica e enorme brecha en termos de paridade e representación de xénero que presentan os carteis, tal e como se ven denunciando, ou que o pasado verán morreran dous traballadores en festivais estatais.

O noso desarticulado tecido cultural continúa sustentando por multitude de: bolseiras sen soldo, solitarias autónomas, camareiras, colaboradoras culturais polivalentes e figuras diversas a tempo parcial para a xestión de redes

Mentres coñecemos que novamente se malgastará diñeiro público nesa industria do entretemento revestida de cultura que son os macrofestivais, e continúanse dilapidando cantidades inxentes dos orzamentos de cultura da Xunta nun elefante branco próximo ao Monte do Gozo, o noso desarticulado tecido cultural orientado a mínima inversión e máxima rendibilidade duns poucos, continúa sustentando por multitude de: bolseiras sen soldo, solitarias autónomas, camareiras, colaboradoras culturais polivalentes e figuras diversas a tempo parcial para a xestión de redes. Non son poucos os informes e estudos de recente aparición que mostran coma a precariedade define e caracteriza a cultura, convertendo en imposible a estabilidade laboral e vital. Todo isto, nun marco de competencia feroz no que os tempos destinados a creación e investigación son fagocitados por infinitas burocracias nas que xerar memorias e informes, realizar avaliacións, e colocar cadeiras mentres se difunden actos en toda canta rede social existe coas que demostrar o tan manido impacto; un esforzo de horas e horas para xustificar ínfimas axudas.

Núñez Feijóo demostrou estar máis interesado no turismo que na cultura, e o argumento de que esta actividade centra o 11% do PIB galego serve para xustificalo todo

No paradigma actual, os criterios culturais xa non veñen marcados pola cultura, senón por aspectos coma o mercado, no noso caso, polo mercado turístico. Nos seus case nove anos de presidencia, Núñez Feijóo demostrou estar máis interesado no turismo que na cultura, e o argumento de que esta actividade centra o 11% do PIB galego serve para xustificalo todo; incluído, destinar das arcas públicas diñeiro para un videoclip de Enrique Iglesias polo cal a súa produtora californiana ingresou 302.500 euros a cambio de 45 segundos de imaxes de Galicia, o argumento, que as descargas en Internet ían supoñer un incremento do turismo grazas a “colocar a Galicia no mapa”. Un argumento, para o que seguro non foi necesario xerar memorias e informes, nin realizar ningún tipo de avaliación coma si é o caso dos niveis máis baixos de contratación.

Moitos actores do ecosistema cultural galego vense na obriga de manter unha relación crítica e dinámica coa non política cultural en xeral, e en particular, con esa macabra mestura entre turismo, espectacularización cultural e propaganda que son os xacobeos

Nun contexto, no que prima máis que un turista de Motilla del Palancar pernocte tres noites nun establecemento hoteleiro, a realizar unha aposta pola descentralización no plano artístico e territorial, moitos actores do ecosistema cultural galego vense na obriga de manter unha relación crítica e dinámica coa non política cultural en xeral, e en particular, con esa macabra mestura entre turismo, espectacularización cultural e propaganda que son os xacobeos. Desafiar frontalmente o discurso hexemónico non é doado, e supón renunciar a privilexios e asumir os riscos que implica ser ignorado ou censurado, xa que a hexemonía cultural, en parte, consiste en decretar a quen se indulta e a quen non. Entre tanto a maquinaria continuará funcionando e intentarán convencernos de que o Xacobeo 2021 e os seus prefacios nos salvarán a todas, dende as precarias a aquelas persoas que agardan que, un día por fin, a súa afección se converta en oficio.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.