O 16 de setembro de 2022, Mahsa Amini, unha rapaza de vinte e dous anos do Kurdistán iraniano, morre nun hospital de Teherán a consecuencia dos brutais golpes recibidos pola policía iraniana tres días antes
“Zan, Zendeguí, Azadí” (“Muller, Vida, Liberdade”) é un slogan que ten a súa orixe no movemento de independencia kurdo de finais do século XX que centraba a liberdade e o autogoberno das mulleres como un dos piares da súa estrutura social. O slogan foi utilizado por primeira vez polas mulleres kurdas que formaban parte dese movemento de liberación e independencia.
Indo ao tema do artigo, o 16 de setembro de 2022, Mahsa Amini, unha rapaza de vinte e dous anos do Kurdistán iraniano, morre nun hospital de Teherán a consecuencia dos brutais golpes recibidos pola policía iraniana tres días antes. Fora detida o 13 de setembro pola “policía da moral” que a golpeou violentamente por non levar ben colocado o veo (‘hiyab’). Horas máis tarde é trasladada en coma a un hospital e tres días despois perdeu a vida.
Fora detida o 13 de setembro pola “policía da moral” que a golpeou violentamente por non levar ben colocado o veo (‘hiyab’)
Moitas foron as mulleres que se manifestaron diante do hospital para esixiren responsabilidades sobre a súa morte. O 17 de setembro, no seu funeral, moitas sacaron o veo berrando “morte ao ditador” e cantando o slogan “Muller, Vida, Liberdade”. Este tamén se convertería no berro-protesta das constantes manifestacións protagonizadas maioritariamente por mulleres en todo o país, nas que moitas mulleres quitarían e queimarían os seus veos, obrigatorio dende os nove anos, ao igual que fixeron nas redes sociais. Moitas tamén cortarían o pelo. Elas tomaron as rúas de forma incansable para esixiren xustiza e liberdades. As súas manifestacións foron reprimidas de forma moi cruenta e dura. A día de hoxe organizacións de dereitos humanos como Amnistía Internacional falan de que polo menos 500 persoas perderon a vida a mans das forzas de seguridade, de máis de 22.000 persoas detidas, moitas delas mulleres e de 7 persoas que foron executadas en relación coas protestas.
O 17 de setembro, no seu funeral, moitas sacaron o veo berrando “morte ao ditador” e cantando o slogan “Muller, Vida, Liberdade”
O diario francés Liberation a raíz das protestas imprimiu este slogan en persa e francés, xunto con imaxes de iranianas protestando sen veo. Así o slogan acabaría estendéndose por todo o mundo e converténdose tamén no lema das manifestacións de protesta e solidariedade coas mulleres iranianas.
Este verán, despois do anuncio oficial da volta da policía moral ás rúas, elas responderon enchendo as redes sociais con fotografías de mulleres iranianas amosando o seu cabelo rebelde e con este lema: “non volveremos atrás”. É unha das formas de resistencia e rebelión destas mulleres contra a persecución baseada no xénero, contra as violacións graves dos dereitos humanos e contra o sistema do seu país. De nada serviron nin as ameazas de identificaren e procesaren a aquelas que non levaran veo, nin as penas de cárcere. Un ano despois son moitas as mulleres valentes que continúan protestando en silencio, sen poñeren o veo, a pesar das raras ameazas de castigo que pesan sobre elas, como lavar cadáveres e custear elas, obrigatoriamente, terapias psicolóxicas.
O que facemos nosoutras as mulleres de Occidente, as feministas, por elas, ao igual que a comunidade internacional, é menos que pouco, é dicir, NADA!
Este 16 de setembro, Mahsa, símbolo de protesta e sororirade entre as mulleres iranianas, cumpríndose un ano do seu brutal asasinato, ben merecía concentracións diante das embaixadas iranianas do mundo para lembrármola, para non ser esquecida e para solidarizármonos coas súas irmas de Irán. Porque o que facemos nosoutras as mulleres de Occidente, as feministas, por elas, ao igual que a comunidade internacional, é menos que pouco, é dicir, NADA!