A sala de xuntas da Facultade de Económicas de Santiago acolleu o acto de apoio público ao Encontro Cidadán por unha Marea Galega. Cinco mulleres e catro homes de diferentes procedencias xeográficas e de recoñecido prestixio nos seus ámbitos profesionais, expuxeron as cuestións que os levaron a dar o seu apoio a esta iniciativa.
O doutor de Economía Aplicada, Gonzalo Rodríguez presentou o encontro. Rodríguez sostivo que "a cidadanía indentificou a canle para o cambio, a das candidaturas cívicas". O economista afirmou que o "non nos representan naceu en Galicia, co Nunca Máis". "Galicia, moitas veces é vangarda", engadiu ao fío disto, "e as mareas son unha nova mostra".
O "non nos representan naceu en Galicia, co Nunca Máis"
"O proceso está en marcha", sentenciou Rodríguez, "o obxectivo é que ninguén poña paus na roda". "O Encontro Cidadán por unha Marea Galega responde a esa demanda formulada con voz propia polos propios cidadáns", ampliou. Segundo o economista, os tres puntos claves da plataforma son a participación, porque sen ela "non existe proceso cidadán", a colaboración nas eleccións estatais e autonómicas porque "debe haber unha lóxica común para ambas citas" e a pluralidade, coa procedencia de "nacionalistas e non nacionalistas, para poñer en común puntos clave". "A cidadanía non quere oír falar de pluralidade, o que quere é probas dela", sentenciou Rodríguez.
O primeiro en falar foi o filósofo e ensaísta Antón Baamonde que salientou a necesidade de que "os intereses espirituais e materiais de Galicia teñan voz propia no Parlamento no actual contexto da crise europea e española". Pola súa banda o portavoz da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, Quique Costas, apelou "á unión de todos e todas os que queremos saír desta situación desde a desesperación".
A presidenta da Nova Escola Galega, Mariló Candedo, incidiou na necesidade de que "o cambio de época nos colla no traballo mancomunado e cun grupo parlamentario propio no Estado Español con esencia galega e que remate coa presenza no Parlamento galego". A blogueira María Yáñez afirmou que "as mareas foi o mellor que lle pasou á política deste país nos últimos anos". Sostivo que ten "problemas para votar e non quero ter que elixir máis a quen votar".
Nesta liña se manifestaron os poñentes restantes, sempre apelando á unidade popular como método para mudar a complexa situación estrutural e económica que atravesa Galicia.
Os poñentes apelaron á unidade popular como método para mudar a complexa situación estrutural e económica de Galicia
Rodríguez pechou o acto explicando que "o primeiro para nós é a cidadanía e falar coas mareas que nos amosan o camiño da confluencia". "O segundo son as organizacións sociais e ambientais e por último os partidos políticos, pero o proceso ten que pasar polo corazón da cidadanía", resumiu.