A media tarde do martes 26 de agosto de 1919 Celia Brañas avanzou cara a mesa que presidía a sala nobre do Instituto Eusebio da Guarda. Sentou, ordenou os papeis que levaba e ollou cara ao público presente, sentado nos bancos tapizados de terciopelo vermello e baixo os frescos pintados por Román Navarro no teito do magnífico paraninfo do centro educativo. Neses instantes previos ao inicio da súa intervención a profesora de Ciencias da Escola Normal da Coruña probablemente lembrou o seu paso polo Instituto quince anos atrás, e como ela e outras compañeiras pioneiras fixeron visible na cidade a presenza das mulleres na educación secundaria. A voz do presidente da sesión cortou os recordos, “cando queiras, Celia”, e ela deu comezo á lectura do seu relatorio, que formaba parte da Sección de Ciencia do “I Congreso de Estudios Gallegos”.
O “Instituto de Estudios Gallegos” e o seu Congreso
En xaneiro de 1918 Manuel Casás promoveu, desde a presidencia da “Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos” (o Circo de Artesáns) a creación dun “Instituto de Estudios Gallegos”, organismo constituído co obxectivo de promocionar os estudos “de carácter regional”. Manuel Casás Fernández, un personaxe de grande incidencia na vida coruñesa durante décadas, resultou elixido presidente do novo Instituto e Fernando Martínez Morás designado secretario xeral.
O Primer Congreso de Estudios Gallegos tivo lugar na Coruña en agosto de 1919, entre os domingos 24 e 31. A intención dos organizadores era contar coa intervención de persoas coñecedoras de Galicia, para tratar “la solución de algunos urgentes problemas regionales”, pois “ha pasado el tiempo de que Galicia llore, y toca ahora laborar eficaz e intensamente en su regeneración”. As sesións transcurriron no Instituto Eusebio da Guarda, espazo que durante décadas xogou o papel de foro cidadán para significados eventos.
Desde a Irmandade da Fala coruñesa viuse a creación da nova institución como unha resposta política desde posicións de centro-dereita e centralistas para contrarrestar o éxito dos irmandiños
O nome tiña como precedente a revista quincenal, Estudios Gallegos, que empezara a publicar en 1915 un grupo de galegos residentes en Madrid. E a Irmandade da Fala coruñesa, creada en maio de 1916, creara unha sección de estudos e pretendía constituír no futuro un Instituto de Estudos Galegos. O de Casás tiña outro perfil, ben explícito na súa definición: “(…) afirma su absoluta independencia de todo móvil político y la imperiosa necesidad del vínculo que una Galicia con las demás regiones que contribuyen a formar la gloriosa nación hispánica”. De feito, desde a Irmandade da Fala coruñesa viuse a creación da nova institución como unha resposta política desde posicións de centro-dereita e centralistas para contrarrestar o éxito dos irmandiños. Canto o evento, que cualificaron como “Congresiño picoreteiro”, en alusión ao nome de Picorete que lle puñan a Casás, porque posuía un verbo doado e falso, considerárono un fracaso do “regionalismo bien entendido”, subliñando que, como en todas as iniciativas de Casás, non se usaba o idioma propio do país. O enfrontamento formaba parte das dificultades que a Irmandade coruñesa atopou no seu desenvolvemento entre certos sectores da cidade. Se nun momento fundacional contou cun amplo apoio, ao abandonar o carácter culturalista e indefinido e manifestar o seu compromiso republicano e galeguista tivo diversas desercións de membros conservadores e enfrontamentos con varios medios locais (como La Voz de Galicia, El Ideal Gallego ou El Noroeste).
O Congreso, alén do mínimo impacto das conclusións aprobadas e do ton bastante localista, tivo certa entidade, tratáronse temas de interese, algúns dos relatores eran especialistas ben cualificados e mesmo participaron nel persoas próximas ás Irmandades. E tamén coidamos como un elemento positivo a atención á Ciencia, unha temática con escaso protagonismo nos debates da época.
Os relatorios da Sección de Ciencias
Na mañá do martes 26 de agosto Gonzalo Brañas Fernández abriu as sesións de Ciencias do Congreso. O catedrático de Física e Química do Instituto fíxoo en calidade de presidente da sección de Ciencia da entidade organizadora. O secretario da mesma, Fermín Bescansa Casares, catedrático de Historia Natural do Instituto, leu a o relatorio do enxeñeiro Ramón del Cueto, xefe do distrito mineiro da Coruña e Lugo, que trataba da riqueza mineira de Galicia e o xeito de desenvolvela.
A continuación interveu o director do Observatorio meteorolóxico local, Rafael Marín, quen falou sobre necesidade de ampliar servizos do Observatorio por medio da radiotelegrafía. A sesión continuou pola tarde, na que o farmacéutico e profesor mercantil Luis Bescansa Casares expresou a conveniencia de intensificar a explotación dos lignitos das Pontes de García Rodríguez.
Intervención sobre a Estación de Bioloxía Mariña
Cando Celia Brañas colleu a palabra falou da “Importancia que para la región gallega tendría la creación de una estación de biología marina en La Coruña. Medios prácticos para establecerla”
Cando Celia Brañas colleu a palabra falou da “Importancia que para la región gallega tendría la creación de una estación de biología marina en La Coruña. Medios prácticos para establecerla”. Sobre esa proposta interviron varias persoas do público asistente, entre eles Juan Rof Codina, Fernando Martínez Morás e Ramón Sobrino. Ramón Sobrino Buhigas era catedrático de Historia Natural no Instituto de Pontevedra e a persoa máis cualificada entre os presentes no tema debatido, pois fora bolseiro no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid e na Estación de Bioloxía Mariña de Santander.
Despois, como relator, Sobrino falou sobre un microorganismo mariño que coñecía ben, o Lingulodinium (=Gonyaulax) polyedra, un dinoflaxelado (compoñente básico do plancto, alimento mariño) ao que o biólogo galego identificara como causante das mareas vermellas. Para facilitar a explicación do tema Sobrino proxectou microfotografías cun epidiáscopio facilitado polo propietario do establecemento herculino “El Capricho”. Este aparello, precedente do proxector diapositivas, tiña un grande rendimiento luminoso, funcionaba cunha potente lámpada interior e tres espellos contrapostos que concentraban toda a luz producida.
No coloquio sobre a intervención de Celia tamén participou Juana Fernández Alonso, profesora da Escola Normal da Coruña, quen propuxo a creación de viveiros “para divulgar os coñecementos biolóxicos e nos que se impartan cursos para pescadores”. Estaba interesada na fisioloxía do alumnado no proceso do estudo, de feito ese mesmo ano, presentou un traballo no Sétimo Congreso da “Asociación Española para el Progreso de las Ciencias” (Bilbao): “Algunas observaciones sobre el modo de estudiar y la fatiga en las alumnas de la Escuela Normal de Maestras de La Coruña”. Esta profesora formou parte da Sociedad Española de Historia Natural (SEHN) desde 1911 a 1936 e seguira diversos cursos da “Junta para Ampliación de Estudios” (JAE) sobre Bioloxía, Botánica e Química.
O crecente protagonismo das mulleres, dúas homenaxes e conclusións
Como vemos, a presenza das mulleres no evento, que incluíu a intervención de María Barbeito noutras seccións, evidenciaba o cambio que se estaba a producir canto á súa incorporación á vida cultural e científica; a presión que exerceran e as modificacións lexislativas dos inicios do século estaban a dar os seus froitos. Como acontecía na coetánea Irmandade da Fala coruñesa, onde por esas datas unhas cen mulleres constituíron a Irmandade Feminina.
A presenza das mulleres no evento evidenciaba o cambio que se estaba a producir canto á súa incorporación á vida cultural e científica;
No Congreso foron obxecto de homenaxe dous recoñecidos científicos galegos, José Goyanes Capdevila, nese tempo o cirurxián de maior sona de Madrid, e Xosé Rodríguez Carracido, catedrático de Química biolóxica e Reitor da Universidade de Madrid.
Na área de Ciencias as conclusións do Congreso incidiron en dous puntos. No primeiro acordouse solicitar que se impartira un cursiño sobre Bioloxía mariña na Coruña, entendido como paso previo á petición do establecemento dun Laboratorio ou Estación de Bioloxía mariña na cidade. A segunda cuestión tivo que ver co Observatorio meteorolóxico local, para o que se demandou a ampliación dos servizos e a construción dun novo edificio.
Futuro ilustrativo
A vida do Instituto de Estudios Gallegos practicamente rematou co Congreso e o estudo da realidade galega foi asumido por institucións ben diferentes, relacionadas coas Irmandades, como o Seminario de Estudos Galegos, creado en Santiago en 1923. Malia, Casás, que ingresara como membro numerario da Real Academia Galega o 13 de marzo de 1936, ocupou a presidencia da mesma ata a súa morte en 1960, e nese gris período estivo acompañado dalgúns dos seus antigos compañeiros na aventura do Instituto. En un tempo no que bastantes membros do Seminario e das Irmandades foron perseguidos polo Réxime franquista, algúns dos partidarios do “regionalismo bien entendido” gozaron, durante décadas, dun confortable poder institucional e social.