Unha bacteria galega para o Día Nacional de Galicia

Gordonia jacobaea CC-BY-SA Praza Pública

Hoxe vou falar de min. Xa volo digo de entrada para que despois non vos chamedes a enganos, nin digades que non vos avisei. Avisados considérovos. Tamén podedes chamarme chouvinista, ou calquera sinónimo que teñades a ben.

Realmente, non vou estenderme nas miñas múltiples virtudes, ou aínda mellor na escaseza delas. Non. Tampouco vou comezar unhas memorias por capítulos, nin por fascículos nin en cómodos volumes. E agora dicides: De que raios irá a falar?. Dunha bacteria, de que se non? Dunha bacteria que odiei e amei a partes iguais, porque foi a que me deron para facer a tese, e mal raio a parta! Que case logra que non a faga!; que bicho máis pouco agradecido cando quería! Ó final na derradeira curva, e sen que ela se dese conta, conseguín adiantarlle e dina rematado!

O porqué falamos hoxe eiquí dela non é porque me amolara a vida durante 4 anos, senón porque como rapidamente entenderedes cando vos diga como se chama é porque ela é cen por cen galega. Galiza

Calidade! A rapariga en cuestión chamase Gordonia jacobaea. Si, tamén está de santo o día 25 porque como xa supuxestes jacobaea ven de Iacobus, que a raíz latina de Santiago; e, si, a bacteria foi illada por primeira vez nun laboratorio da Universidade de Compostela. Non vos podo confirmar se tamén está de aniversario en Xullo, porque eu herdei a bacteria, non estaba cando naceu. Parece ser que un día que no laboratorio andaban a buscar microbios e alí estaba ela disposta a ser descuberta e caracterizada, se cadra coma América cando chegou Colón, vaite ti a saber! Pero alí que estaba. O porqué do interese descubriuse cedo, era capaz de producir carotenos.

E que son os carotenos? pois os carotenos son uns pigmentos que son responsables de que o tomate teña o color que ten, grazas o licopeno, que é un caroteno, ou as cenouras, que teñen un que se chama beta-caroteno, que seica é moi bo para poñerse moreno no verán. Gordonia jacobaea ten un que se chama cantaxantina que ten moito interese en aplicacións na acuicultura para que os peixes de piscifactoría teñan un color máis salmón; ou tamén na industria avícola para que as xemas dos ovos ou a carne do polo teña un color máis amarelo, coma se o único que comesen fose millo e máis millo. Tamén teñen unha importante aplicación en cosmética e son usados en moitas cremas bronceadoras e tamén nas que teñen axentes anti-oxidantes. Os carotenos tamén son axentes capaces de atrapa-los radicais libres, eses responsables do estado na nosa pel por culpa do sol, das agresión do clima, do tabaco, dos excesos, … pero tamén da idade, e creo que iso non ten remedio…

Continúa a ler no Circo de Bacterias

Gordonia jacobaea CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.