Galeusca denuncia a "invisibilización" das literaturas galega, catalá e vasca nos medios

Unha das xuntanzas que se celebraron no encontro © Galeusca

Galeusca, a federación que agrupa as asociacións de escritores en galego, catalán e euskera, entre elas a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), celebrou o seu encontro anual esta fin de semana en Donostia. No evento, que chega á súa vixésimo novena edición e que tratou sobre a Oralidade. O que se escribe para dicir, participaron ducias de autores procedentes dos tres países. Neste caso a literatura galega estivo representada por Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, Mercedes Queixas, Antonio Reigosa, Vanesa Sotelo e Xurxo Souto.

Ao longo dos tres días debates e relatoríos afondaron nas características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados (guións de cinema e teatro, medios de comunicación, poemas, contacontos...). E tamén os modos nos que o escritor/a recrea a oralidade e, en especial, a intencionalidade do escritor/a na recreación da linguaxe falada tendo en conta as características e situación de normalización da lingua na que se escribe.

Denunciouse "que os medios de comunicación de ámbito estatal, como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literarias que se producen nas nosas nacións"

Nas súas conclusións, ademais, denunciouse o proceso de "recentralización regresiva", que "obvia a existencia das literaturas minorizadas do Estado" presente na última reforma educativa levada a cabo polo ministro Wert. De igual xeito denunciouse "que os medios de comunicación de ámbito estatal, como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literarias que se producen nas nosas nacións".

En consecuencia o encontro reclamoulles ás institucións públicas "un esforzo engadido para recuperar a memoria colectiva, moi especialmente aquelas experiencias asociadas ás clases populares que teñen escaso acceso ao espazo público". E convocouse á sociedade "para que se implique activamente neste labor común". Finalmente fixose un chamamento para "fronte aos contidos banais e evasivos xerados polas industrias e medios de comunicación de masas" optar "pola incorporación e potenciación de experiencias culturais auténticas, arraigadas, comprometidas e críticas". Por último fixose un alegato a favor da "normalización das nosas realidades nacionais e, en consecuencia, das nosas culturas e sistemas literarios".

Unha das xuntanzas que se celebraron no encontro © Galeusca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.