“Antes tiñamos unha Consellaría de Cultura, pero non solucionaba nada. Agora todo seguirá igual, igual de abandonado”. Estas palabras de Antonio Durán Morris, presidente da Asociación de Actores, poden resumir a percepción que hai no seo do sector trala supresión do departamento que dirixía Roberto Varela. A decisión de Feijóo de disolver a Consellería de Cultura, e que Educación fagocitase as súas competencias, foi vista como un paso atrás e recibida con preocupación por parte do sector. “A eliminación supón un claro retroceso. As competencias plenas que a comunidade ten en patrimonio e en creación cultura xustifican que haxa un departamento propio”, sinala Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. No “retroceso” ao que se refire Bragado hai mesmo quen, cun pouco de ironía, ve o máis destacado da xestión cultural dende que o PP chegou a Xunta. “Parece que a decisión máis importante en materia cultural deste Goberno foi basicamente eliminar a consellaría”, explica Morris para resumir a xestión dos últimos tres anos.
As tesoiradas nos investimentos seguirán a estar presentes despois de varios anos de recortes e un Gaiás improvisado apañará gran cantidade dos orzamentos dedicados a cultura
Máis alá da preocupación e das críticas, ao sector non lle queda máis remedio que adaptarse a uns interlocutores diferentes e afrontar un novo escenario. Non obstante, ese escenario quizais non sexa tan novo, xa que hai varios síntomas que indican que, en moitos casos, a continuidade será a liña para seguir. As tesoiradas nos investimentos seguirán a estar presentes despois de varios anos de recortes e un Gaiás improvisado apañará gran cantidade dos orzamentos dedicados a cultura. Ademais, o máis que previsible adianto electoral limitaría a marxe de manobra dos novos responsables -Anxo Lorenzo como secretario xeral e Jesús Vázquez, como Conselleiro de Cultura e Educación- para acometer grandes cambios de futuro. “A sensación que dá é que as políticas da administración dependen demasiado da lóxica electoral e que se paralizan constantemente ante os comicios”, sinala o cineasta Jorge Coira, presidente de CREA, asociación de directores e realizadores galegos.
O conselleiro adiantou esta semana no Parlamento a súa intención de eliminar o Consorcio e de que Agadic se encargase das competencias audiovisuais
Precisamente, Coira traballa nun ámbito no que se coñece dende hai tempo o que é a parálise e a lóxica electoral. Na campaña de 2009, Feijóo comprometérase a crear un organismo único para a xestión audiovisual e eliminar así a duplicidade posta en marcha no bipartito con dous entes diferentes: a Axencia e o Consorcio. Non obstante, a promesa electoral quedou niso e a Xunta mantivo até agora unha bicefalia entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Consorcio. A xanela única para o audiovisual seguiu a ser unha quimera até que chegou o único anuncio destacable do conselleiro Vázquez dende que asumiu Cultura. O conselleiro adiantou esta semana no Parlamento a súa intención de eliminar o Consorcio e de que Agadic se encargase das competencias audiovisuais. Toca agora ver en que prazos se materializa a unificación. “É unha boa noticia que se centralice a política audiovisual. Agora hai que esperar a ver se funciona ben ou non”, admite Coira.