"Non hai industria da banda deseñada en Galicia, seguimos a ser catro francotiradores"

Imaxe de Monsieur Hulot, de David Merveille, que publicará Faktoría K © Faktoría K

"A banda deseñada sempre estivo en crise, estamos afeitos a que nunca haxa cartos. Coa crise, seguimos aguantando como estabamos a nivel empresarial". Así define a situación da banda deseñada galega o debuxante Kiko da Silva, un dos membros de BD Banda e director da revista Retranca, neste tempo de crise no que as industrias culturais afogan entre débedas, atrasos nos pagamentos da Xunta e tesoiradas que producen vertixe.

Esas circunstancias tamén afectan os editores de cómic pero, quizais, as características do propio sector fan que a situación non sexa tan desoladora como noutras disciplinas. A dimensión do negocio en Galicia (un número limitado de editoriais que publican banda deseñada, unha situación que -como di Da Silva- roza a crise constante e un público fiel) fan que a enxurrada de paus económicos se note menos. Loxicamente a crise está presente e o sector sufriuna, principalmente, como un forte atranco cara ao crecemento. "Hai uns anos falouse dun florecemento do sector a nivel de autores e de editores de banda deseñada. Cando todo iso estaba florecendo, chegou a crise e parou. Aínda así, estamos aguantando. A ver se conseguimos manternos", explica Manel Cráneo, de Demo Editorial.

A nivel estatal, o cómic demostra que é o único apartado do mundo editorial que resiste o impacto da crise

A nivel estatal, o cómic demostra que é o único apartado do mundo editorial que resiste o impacto da crise. Segundo o Estudio de Comercio Interior do Libro en España 2010, presentado en xullo do pasado ano pola Federación de Gremios de Editores de España, o cómic facturou en 2010 máis de 85 millóns de euros, superando as cifras de 2009 e mesmo as de 2008. As vendas aumentaron un 7,5% con respecto ao ano anterior e superaron ao 85 millóns de euros. No sector editorial xeral, a caída na facturación foi dun 7%.

"Hai moita xente de aquí que le cómic en castelán e que directamente non sabe o que hai en galego"

Esas cifras de éxito en plena crise, amosan que a banda deseñada resiste mellor as circunstancias económicas, mais o sector galego ten unha eiva que observan os propios editores. "Os últimos informes din que as vendas subiron, que hai boas cifras. Pero aquí as vendas caeron en xeral. En banda deseñada en galego nótase bastante, en castelán a incidencia é moito menos. Vender en galego 1.000 exemplares é difícil, e en España non. Realmente, o que pasa é que hai moita xente de aquí que le cómic en castelán e que directamente non sabe o que hai en galego", explica cun certo grao de autocrítica Gemma Sesar, de El Patito Editorial.

Quizais, esa falta de coñecemento, débese a que o sector aínda non está maduro e que queda moito camiño que percorrer para poder falar dunha verdadeira consolidación. "Falouse moito de banda deseñada galega, pero aquí non se constituíu unha industria real. Non se fixo unha aposta clara. Son unhas poucas editoriais as que publican de forma regular, que tratan de absorber todo o traballo de moitos autores. En Galicia, seguimos a ser catro francotiradores", admite Sesar.

 

O esquecemento institucional

Eses catro "francotiradores" levan varios anos disparando e sobrevivindo no fogo cruzado da crise. Fano en solitario e,segundo o sector, sen apoio da administración. "A nivel institucional atopámonos como estábamos cando non se facía nada. A administración non fala de nós e non se lle deu continuidade a todo o que se propuxo na época do bipartito. Agora mesmo estamos nunha situación de resistencia en todo o eido artístico. Parece que cando se trata de cultura, estase a falar de algo prescindible", explica Kiko da Silva.

No reparto das axudas institucionais, a banda deseñada é unha das grandes esquecidas

Esa ausencia das administración tradúcese en que no reparto das axudas institucionais, a banda deseñada é unha das grandes esquecidas. "As subvención son necesarias para consolidar un sector. Non estamos a falar de que o cómic queira vivir das subvencións, nada diso. Pero para fornecer unha industria, as axudas son necesarias e xa se empregaron noutros ámbitos", opina Sesar quen, tamén, lembra que a "cultura xera cartos e que o copyright, tamén", xa que cando “Emma Ríos é traducida ao francés xérase riqueza". "E iso ten que entendelo a administración e a xente", sentencia Gemma Sesar.

 

O público e os tópicos

A banda deseñada conta cunha masa lectora moi concreta e consolidada, mais reducida. Unha das prioridades para o sector galego a longo prazo é ampliar os lectores e darse a coñecer entre ese público que, como dicía Sesar, le cómic en castelán, pero non coñece a produción na lingua propia. Neste mesmo senso, as editoriais e os autores deberán seguir coa consolidación do prestixio gañado nos últimos anos. Prestixio que serviu para borrar en gran parte os prexuízos que sempre rodearon o xénero. "O mercado cambiou moitísimo nestes anos, non só pola novas tecnoloxías, senón tamén polas características do público e o funcionamento da novela gráfica, que abriu moito o mercado en España. O cómic, cando comezamos con BD Banda hai dez anos, era como un gueto para frikis", explica Kiko da Silva.

"O mercado cambiou polas características do público e o funcionamento da novela gráfica, que abriu moito o mercado en España"

Nesa importancia da novela gráfica á hora de abrir o mercado e eliminar tópicos coinciden outros. "Aínda non está consolidado o sector, pero pode que con libros como de Arrugas, a situación cambie. Hai moitos centros de ensinos que o recomendar ler e iso pode mudar as cousas", subliña Gemma Sesar, en referencia a obra de Paco Roca, Premio Nacional de Cómic, cuxa adaptación cinematográfica vén de recibir varios premios Goya.

Viñetas desde o Atlántico, na Coruña Dominio Público Praza Pública
Páxina 59 de Ed, o Riseiro, que será publicado por Rinoceronte © Rinoceronte Editora

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.