“Ter no país unha figura como a de Vidal Bolaño e mirar cara a outro lado é unha inxustiza”. Está é unha das conclusións que transmite Xosé Manuel Fernández Castro (Santiago, 1963). A finais do ano pasado este profesor publicou en Laiovento A Obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, libro que fura na traxectoria vital e profesional do dramaturgo. Praza aproveita a campaña que promove as Letras Galegas para Vidal Bolaño para recuperar o libro e falar con Fernández Castro.
Cales son os motivos polos cales as Letras Galegas homenaxee a Vidal Bolaño?
Pois é que algún ano haberá que lle dedicar o 17 de Maio a un autor dramático, porque non queda outra que recoñecer o importante papel do teatro na normalización da nosa cultura. Esa homenaxe ao teatro é necesaria e, seguramente, hai que recoñecer a súa relevancia a través dunha persoa moi significativa e, realmente, non hai ninguén máis significativo que Roberto Vidal Bolaño. Algunhas veces cométese un erro enorme ao deixar nun segundo termo formas de creación que vaian por outras canles que non sexan as estritamente editoriais. A experiencia literaria que hai detrás das obras dramáticas non teñan unha presenza tan clara nas librerías, mais non por iso son menos importantes ca outras formas literarias. Hai moito tempo que non vemos un dramaturgo homenaxeado coas Letras Galegas...
Realmente nunca se lle dedicou esa celebración a un autor estritamente concibido como dramaturgo. Por exemplo, Cunqueiro escribiu teatro, mais todos pensamos nel primeiro como poeta ou como narrador antes que como dramaturgo...
En moi poucas horas recibíronse unha morea de adhesións. Por que? Porque Vidal Bolaño é representación, símbolo e bandeira de enganche de centos de persoas
Efectivamente. En calquera caso, resulta evidente que Roberto é un símbolo do teatro profesional. Recoñecer a Roberto Vidal Bolaño é recoñecer a importancia do teatro na normalización cultural do noso país. De feito, estudar a Roberto é estudar un fío condutor de toda a experiencia teatral do derradeiro cuarto do século XX. Temos agora esta campaña para promover as Letras Galegas para Vidal Bolaño. En moi poucas horas recibíronse unha morea de adhesións. Por que? Porque Vidal Bolaño é representación, símbolo e bandeira de enganche de centos de persoas. Dende actores e actrices até iluminadores, pasando por técnicos, compañías e, por supostos, espectadores. Merece Roberto as Letras Galegas? Pois mira, sen dúbida o teatro merece que se recoñeza o seu papel na normalización cultural e Roberto é a persoa indicada para canalizar ese tributo.
Se falamos de Vidal Bolaño, falamos dunha peza clave da profesionalización do teatro. Pero tamén foi unha persoa que formou parte dos primeiros pasos dun audiovisual primitivo. É unha figura fundacional?
Dende logo! Agora ben, hai que ter claro unha serie de cousas neste sentido. Moitas veces métense na mesma liña a Manuel Lourenzo, a Euloxio Ruibal e a Roberto. Aparecen como unha única unidade en moitas ocasións, pero coido que non forman parte do mesmo segmento xeracional. Roberto tivo unha estreita relación con Euloxio, que comezou co equipo Lupa. Ruibal coñeceuno, interesouse polo seu traballo e acabou entrando en Lupa, pero non era o fundador. Incorporouse despois... Simplemente porque era máis novo. Era un rapaz brillante e con moito interese polas artes escénicas, pero máis novo. El apareceu en escena primeiro como espectador. O seu interese levouno a conseguir un pase con El Ideal Gallego e fíxose crítico. Asistía a todo porque el, primeiramente, foi un espectador.
É Vidal Bolaño un fundador? A verdade é que dentro da profesionalización é a persoa máis importante e relevante, pero forma parte dunha segunda xeración
O seu papel no teatro foi collendo forma e gañou unha moi boa imaxe dentro da escena, mesmo antes de facer nada. E por iso ao crear Teatro de Antroido houbo moitísimas expectativas pero, insisto, o seu teatro estaba aínda por chegar. Roberto realmente aparece cando os outros xa brillaban en Abrente. E el chegou cando Abrente xa estaba a morrer. É Vidal Bolaño un fundador? A verdade é que dentro da profesionalización é a persoa máis importante e relevante, pero forma parte dunha segunda xeración. Na primeira estaba Lourenzo e na seguinte, Roberto. Realmente coincidiron nun determinado momento, pero as sensibilidades e os seus textos son moi diferentes.
Camilo Franco, un dos promotores da campaña, dixérame hai unha semana que se Vidal Bolaño fose un narrador e as súas obras fosen novelas, sería un escritor moi considerado e que sería un imprescindible das nosas letras. Está de acordo?
Roberto está perfectamente canonizado, outra cousa é o papel que ten a literatura dramática no canon literario
Eu considero que, dende o punto de vista académico, está ben valorado. Hai un acordo total en recoñecerlle os seus méritos e a súa traxectoria, que comezou cando sendo un rapaz de 12 anos ten que deixar de estudar e poñerse a traballar. Foi un autodidacta que se converteu nun autor de referencia das nosas letras. Especular coa posibilidade de que se os textos fosen narrativos ou líricos terían outra repercusión... É algo que está fóra do meu interese. Roberto está perfectamente canonizado, outra cousa é o papel que ten a literatura dramática no canon literario. Probablemente non ten o papel merecido nos estudos literarios. Seguramente ten que ver coa situación do teatro na estrutura académica. É dicir... Quen estuda teatro no ensino secundario? Aquí ninguén, noutros países si. E neses países a escena goza doutro prestixio. Todo iso ten que ver con prexuízos da nosa contorna cultural.
Revalorizouse ou prestixiouse a súa figura trala súa desaparición?
A súa repercusión é evidente en moitos textos e autores. O caso máis claro é o de Rubén Ruibal e o seu premio nacional. Rubén é un discípulo declarado de Vidal Bolaño
No momento en que morreu, os medios deron cumprida conta da súa desaparición e moita xente falou del moi positivamente. A tendencia que temos de revalorizar as persoas que xa non poden falar pois, a verdade, cumpriuse. E houbo un feixe de homenaxes nos meses seguintes. Imos ver, a súa pegada foi moi grande e a súa repercusión seguiu alí moito despois de morrer. Mónica Caamaño dixo por aquel entón que Roberto Vidal Bolaño fora a verdadeira escola do teatro en Galicia. Iso, por poñer un exemplo. Despois, a compañía Teatro do Aquí continuou adiante até 2006 co pulo de Vidal Bolaño despois da súa morte. E a súa repercusión é evidente en moitos textos e autores. O caso máis claro é o de Rubén Ruibal e o seu premio nacional. Rubén é un discípulo declarado de Vidal Bolaño. É dicir, deixounos moitas cousas e mesmo houbo un goteo constante de reposicións dos seus textos que culminou hai dous anos coa representación brillante d'As actas escuras, dirixida por Xúlio Lago. Deixou moitas cousas e, por iso, ao saír esta iniciativa, de forma unánime, a xente do teatro respondeu cos seus correos para sumarse...
Lembro que Morris dixera en Praza non hai moito que botaba de menos a Vidal Bolaño. “O sector bótao de menos”, insistía.
Vidal Bolaño realmente era un medicamento contra a realidade, un tratamento... Tiña un valor terapéutico
E non me estraña! Todo o que está sucedendo dende que el morreu, coa realidade política e os movementos sociais... É que botamos de menos aquela xenialidade súa para transformar a realidade nun espectáculo e permitirnos a todos ter unha visión nova do que sucedía. Normal que se note a ausencia, tanto profesional como humanamente. Vidal Bolaño realmente era un medicamento contra a realidade, un tratamento... Tiña un valor terapéutico.