A escola é un valioso microcosmos que escenifica extraordinariamente a arelada convivencia harmónica do conxunto da cidadanía. Se un pasea á hora da saída da escola polo barrio barcelonés de El Raval, pola praza madrileña de Lavapiés ou pola freguesía lisboeta de Graça (por citar algúns dos casos máis evidentes e sintomáticos), pode marabillarse e contaxiarse da vitalidade, o entusiasmo, a algueirada e a camaradería desprexuizada de grupos de rapaces e rapazas pertencentes a colectivos de diversa condición étnica, relixiosa, económica ou social. Xogan, enredan, brincan, choran, mófanse, rin, comparten... Enténdense. E un non pode evitar preguntarse: por que carallo é tan inusual semellante afinidade entre adultos? Se os fillos se levan tan ben, por que non o fan os pais?
Moita xente, ao sinalar os nenos como os adultos do futuro, obvia que, antes diso, son os cativos do presente
A institución educativa é un bastión fundamental para identificar, combater e extirpar algúns erros endémicos das diversas sociedades. A escola ten como obxectivo non só prever caer en reincidencias nefastas nas sociedades futuras, senón especialmente atallar os desacertos das sociedades actuais. Moita xente, ao sinalar os nenos como os adultos do futuro, obvia que, antes diso, son os cativos do presente. A escola, como instrumento primordial da avaliación do “estado das cousas”, é certamente un ateneo esencial para a educación, a ensinanza e a socialización, mais tamén un patio de xogos, un proscenio para as ensoñacións. A porta de entrada á democracia e ao pacto social e un decorado onde forxar lembranzas indelébeis: “a escola non debe ser unha preparación para a vida; a escola debe ser a vida mesma”, atinaba o pensador estadounidense Elbert Hubbard.
O ámbito cinematográfico deixounos ata o de agora un bo feixe de magníficos filmes, especialmente dende Francia
É natural, polo tanto, que o marco da escola e a ensinanza sexan unha fonte inesgotable de espléndidas, complexas e reveladoras reflexións sobre tolerancia, integración, igualdade, amizade, manipulación, adoutrinamento... O ámbito cinematográfico deixounos ata o de agora un bo feixe de magníficos filmes, especialmente dende Francia, como títulos tan destacables como Hoxe comeza todo (Ça commence aujourd'hui, Bertrand Tavernier, 1999), Adiós, muchachos (Au revoir les enfants, Louis Malle, 1987), Cero en conduta (Zéro de conduite, Jean Vigo, 1933), Récréations (Claire Simon, 1992), Ser e ter (Être et avoir, Nicolas Philibert, 2002), ou, máis recentemente, A clase (Entre les murs, Laurent Cantet, 2008). Non é casualidade, de feito, que tamén o mellor libro xamais escrito sobre pedagoxía do cinema proceda tamén do país galo: A hipótese do cinema, de Alain Bergala.
Un dos erros máis frecuentes nos que incorren moitas historias sobre escolas, porén, é o de establecer relacións moi desequilibradas entre mestres e alumnos, presentándoos a miúdo como polos ou forzas opostas, cando non mesmo como rivais. Ou, polo contrario, creando profesores excesivamente carismáticos, persuasivos e influentes, como nos casos de O clube dos poetas mortos (Dead Poets Society, Peter Weir, 1989) ou A onda (Die Welle, Dennis Gansel, 2008), en certa medida en Rebelión nas aulas (To Sir, with Love, James Clavell, 1967), dun xeito bastante risíbel na popular Mentes perigosas (Dangerous Minds, John N. Smith, 1995) ou demasiado aparatoso n'O substituto (The Substitute, 1996). Unha boa discriminación entre os diversos tipos de mestres, tanto da realidade como do cinema, ben determinada por unha lúcida reflexión de William Arthur Ward: “O profesor mediocre, di. O bo profesor, explica. O profesor superior, demostra. O gran profesor, inspira”.
Un dos erros máis frecuentes nos que incorren moitas historias sobre escolas, porén, é o de establecer relacións moi desequilibradas entre mestres e alumnos, presentándoos a miúdo como polos ou forzas opostas, cando non mesmo como rivais
Segundo este baremo, podemos afirmar que o mestre protagonista do filme Monsieur Lazhar é un gran profesor, malia que os seus coñecementos son un tanto limitados e os seus métodos antóllanse excesivamente desfasados para o renovado modelo pedagóxico dunha “moderna” escola de Montreal. Un modelo que actualiza, transforma e exclúe normas e temarios (como a nomenclatura de regras sintácticas ou a obsolescencia da obra de Honoré de Balzac, un autor “prehistórico”, segundo un dos alumnos), e un modelo que altera o achegamento entre educador e estudante, desvirtuando os límites entre ensinar e educar, evitando falar cos nenos sobre determinados sentimentos ou prohibindo calquera tipo de contacto físico, por exemplo. Bachir Lazhar, pouco afeito aínda a certas convencións sociais de Canadá (país no que solicita refuxio político logo de fuxir da súa Alxeria natal), infrinxe algunhas desas normas baseándose co seu código ético. Deste xeito, o seu comportamento é considerado reaccionario e subversivo non por ousado, senón, pola contra, por tradicional.
Ademais da integración cultural e social do propio Lazhar, o máis suxestivo do filme son os diferentes enfoques, discursos e argumentos cos que se reflexiona sobre a pertinencia ou non de falar cos cativos sobre a morte
Ademais da integración cultural e social do propio Lazhar, o máis suxestivo do filme son os diferentes enfoques, discursos e argumentos cos que se reflexiona sobre a pertinencia ou non, viabilidade ou non e necesidade ou non de falar cos cativos sobre a morte, unha cuestión presente dende a primeira secuencia da trama por mor do suicidio dunha profesora na mesma aula na que daba (e os pequerrechos deben continuar recibindo) clase. Fronte ao hermetismo, finximento e sobreprotección da maioría de profesores e pais (“todo o mundo pensa que estamos traumatizados, mais son os adultos os que o están”, recrimina unha alumna), Lazhar propón aos nenos e nenas exteriorizar os seus sentimentos, medos, preocupacións ou desacougos a través do diálogo, a confianza e a franqueza, en sintonía coa sentenza do británico de Herbert Spencer na que afirmaba que “educar é formar persoas aptas para gobernarse a si mesmas, e non para ser gobernadas por outros”.
Ficha do filme
Título: Monsieur Lazhar
Director: Philippe Falardeau
Guionista: Philippe Falardeau, baseado na obra de teatro de Evelyne de la Chenelière
Produtor: Luc Déry e Kim McCraw
Música: Martin Léon
Fotografía: Ronald Plante
Montaxe: Stéphane Lafleur