Tertúlia revisitada (II)

Capa da 'Tertúlia revisitada' Dominio Público Praza Pública

Revisión de Tertúlia, de Xoán Castro, editada por Xavier Alcalá a partir dos documentos orixinais do autor

MEMORIA DOS SOÑOS IDOS é a novela con que Alberto Mourín nos mostra, definitivamente, o seu talento narrador.
Nesta obra ponse de manifesto o oficio do autor, a súa mestría, o dominio das técnicas narrativas que abren camiños novos na nosa Literatura.
Mourín é un pioneiro; cargado dunha vasta bagaxe de coñecementos literarios, diríxese cara a un horizonte afastado de fórmulas resesas entre as que se debatía a nosa novelística. A partir de agora todo vai ser diferente, MEMORIA DOS SOÑOS IDOS marca o fito inicial dunha renovación: a maneira de narrar –técnica– e o xeito de suxerir –estilo– lévannos cara á esixencia dunha nova forma de clasicismo que o mozo Mourín inaugura. Congratulémonos.

     Xermán F. Barros


MEMORIA DOS SOÑOS IDOS

     A Marie e André
    
Châtillon-sur-Seine,
primavera-outono 1975
     
     
      ...baleiro de esperanza
      diante desta noite cargada de presaxios
      e estrelas, abrinme por primeira vez
      á tenra indiferenza do mundo.

        ALBERT CAMUS

 

1

A PRIMA CHUCHI

So, so, soberano san roque noso divino señor, pasaba toda a procesión pola rúa abaixo e vai a Chuchi e diche Manolo déixame mirar a min tamén. A Chuchi levaba lazos brancos recolléndolle a melena negra cun cheiriño a lavanda que daba xenio e insistía que me deixes Manolo que eu tamén quero ver desde o balcón, e métese aló e empezas a sentir a perna súa contra a túa perna, pecado mortal, advertencia plena de pecado... Diante da procesión viña don Pedro Eiras, don Pedro matou moitos rojos durante a guerra, que era o jefe da falange, impasible el ademán, e agora a Chuchi susúrrache Manolo para quieto que llo digo á túa nai, canto máis prima máis se che arrima, soberano san roque noso divino señor.

O noso país produce trescentas romarías de san roque ao ano, o libro veu da Venezuela e o pai da Chuchi di que o Celso Emilio non pode volver porque se lle botan as gadoupas chímpano na cadea e velaí tes un máis aferrollado, mi madriña que desastre, trinta anos así aturando estes fillos de puta... Don Arturo usté que opina, Que non acaba máis, que imos todos para a cova antes de que morra o vello, Ten razón, ho, que isto é xa de máis e os curas sempre con eles, lignum crucis, cruz y espada, sotana e charreteiras, uniformes e o copón, e nos acolloados coma carneiros, Manoliño vaite de aí, vai xogar coas túas primas.
Chuchi imos xogar ao faiado, dille á Carlota que non veña; pero a Carlota vén; cheira a mazás no faiado e ti sobes para alí cunha cousa pesada no baixo ventre, sabes que vas pecar; nun recuncho do faiado está o madureiro, mazás para todo o inverno, entra a luz polo xinelo e polos buracos das tellas, vense niños de andoriñas que chían a entrar e saír e a prima Chuchi repite Manolo non se poden matar as andoriñas porque elas foron as que lle tiraron as espiñas da coroa ao Señor pero dislle cala a boca Chuchi e dille á Carlota que se largue que van botar os foguetes.

A Chuchi leva xustillo e ten pelo nese sitio e pelos nos sobacos e peliños suaves no bigote... Dáme un bico, así non, boba, dámo na boca, chían as andoriñas, non peques máis, cada pecado mortal que fas é crucificares de novo a Cristo que morreu por nos salvar.

Manolo... Cala a boca Chamelos... Manolo, eu córrome pola noite, Cala a boca Chamelos que estamos na misa, credo in unum deum pater omnipotens aeterne deus, replicábaslle cun golpe de cóbado nas costelas e el seguíache con que eu xa me corro, ¿e ti nunca te corriches?... Vaste ir Manolo, xa non aguantas máis, vas manchar o colzoncillo, vaiche pasar ao pantalón e a vella vaino saber porque as vellas non son parvas, que así é como lles fan os fillos... Chuchi imos parar que xa se acabaron os foguetes e van vir cear todos. Non Manoliño, un pouco máis... Vaste co..., vai ser un desas..., alá vai, que desastre (Ave maria purísima, cuánto tiempo hace que no te confiesas, vamos luego repasar eses mandamientos...)

Oínvolo en Radio París, falaban dun levantamento na cuenca minera di o tío Arturo e a muller venlle co de que non faledes de política e menos nun día santo, Déixanos falar muller, Non diante dos rapaces, ¿Queres máis pescada Manoliño?, Acaba de comer Carlota. O carbón é fundamental, sen ferrocarril non che anda o país, unha huelga general érache a solución a todo, dígocho eu Manuel, que o que pasa é que non temos collóns, ¡Arturo!, Cala muller cago en tal (Tiveches sorte que che deu tempo a meterlle unha enxaboada ao calzoncillo, mira que calada está a Chuchi. Elas tamén se van Manolo, é un visgo diferente, non che é tan pegañento coma a prebada dos homes, é como máis líquido), Su alma revuelta en el fango, el vicio atenázale el alma... Non lle digas nada á túa nai porque non subimos máis ao faiado, ¿oíches Chuchi Chuchiña?


–¡Xoán!
–¡¿Que?!
–¿Que fas?
–¡Estou lendo! –estou lendo; e non lle vou dicir que antes estaba escribindo, un triste diario... Imos para alá. Que tarde é, carallo, e a neuralxia... Non empeza mal a mourinada. Xa veremos que dá: cheira a relato feito porque si, remexendo na infancia... A ver que anda a facer a Ana–: ¿Que fas, Anucha?
–Pensaba... Esquecinme de dicirche que chamou o vello, que xa asinou o aval para a parcela. Díxome que lera A revolta.
–Con cinco anos de atraso...
–Pero leuna, ho; e dixo que eran unhas historias cheas de vida, que non entende como non che publicaron a novela.
–Que me dea el os cartos e verás como aparece logo nas librerías... Hoxe o Pereira contoume que o Barros lle dixera que hai dous tipos de publicacións: as que paga a editorial e as que paga o autor.
–Fino, o don Xermán... ¿Deitámonos?
–¿Insinúa algo a dama?
–Téñoche moito sono, Xoanciño...
“So, so, soberano san roque noso divino señor...”. Ten a súa graza o condenado; vai haber que seguilo lendo, polo menos para poder opinar honradamente. Pero, vindo del, ten que ser un bluff, seguro... Ora que iso da curmá no faiado... Nas nosas vidas sempre hai unha casa grande de alguén, e un faiado, e tardes de verán co sol a caer, dando brillo ás mazás; e primas Chuchis ou Celias que xa levan xustillo e teñen pelo nese sitio...
–Ana, non teño un miserable pixama no armario. Sempre andamos na mesma.
–Pois vai ollar no cesto da prancha, sé bo... ¿Oíches?
–¿Que?
–O da novela nova, ho. Que teñas paciencia. O tempo tenche que facer xustiza. Ti es o único que vale de veras, ninguén escribiu nada tan coherente coma ti. Algo che ten que saír bordado se segues teimando... Ten paciencia.
–Xa... –paciencia. Non lle podía pasar pola cabeciña a esta nada máis fodido. Paciencia:
“Señor Castro, perdóeme que lle insista pero necesito a suba. Non se pode aguantar con trinta e catro mil pesetas, sómoslle catro persoas na casa.”
“Xa imaxino, xa, ho. Pero o señor Escuredo non me dá resposta. Teña paciencia.”
“Paciencia... A miña santa avoa sempre falaba do Pacencias, que por moito esperar morreu queimado.”
En fin... E agora esta colleu un libro, da Lillian Hellman; vai ler as crónicas da Hellman, coma se tal cousa.
–¿E vas ler moito, muller?
–Un pedaciño, ¿e ti?
–Xa lin dabondo.
–¿E que andas a ler tan encerrado?
–Empecei co do Mourín.
–Vaia, ho. Érache ben hora. Despois non te queixes do meu pai...
–Non compares.
–Non te enfades... A min gústame iso dos Soños do super-Mourín, aínda que o tipo sexa un copión.
–¿Copión? ¿E logo?
–Non che sei, lémbrame algo...
–Ala, dáme un bico sen mala intención, que seica queres seguir lendo.
O Mourinciño, tan guapo, co polo e a chaqueta de tweed... O carallo del é capaz de ter plaxiado algo por aí da súa vasta bagaxe de coñecementos literarios.
Non. Non sería tan parvo. Hai moita xente que lla ten xurada por cura das nenas, serían quen de se lle botaren ao pescozo.
Bo, que lle dean; imos durmir...
Peta a cabeza.
Peta, si.
–Aniña, ¿onde puxeches as pastillas de durmir?
–No teu escritorio, no estante da dereita...
So, so, soberano san roque noso divino señor... Tenche graza o asunto da procesión e meterlle man á curmá... ANEUROL Indicaciones, algunha vez hai que ler as indicacións dos medicamentos... Indicado en todos os estados de intranquilidade ou tensión ambiental... Preocupación, traballo, conflitos emocionais... O carallo, “O escritor precisa, fundamentalmente, estabilidade, capacidade de concentración sobre o papel en que a obra colle corpo”. Así nolo ditamina don Xermán F. Barros en Autores e obras (Ensaio), cuarta edición.
Capacidade de concentración, como o Mourín de ollos grises soñadores, barba e pipa, todo un clásico mentres eu, de cara vulgar, barbeada, non me dou concentrado máis que nun diario.
–Apaga a luz, Aniña, anda.
–Xa vou. Déixame acabar a páxina.
Memoria dos soños idos paréceselle a...
–Ana, ¿é o San Camilo?
–¿O que?
–Non, nada, como dicías que o do Mourín se lle parecía a algo...
–Ai, rapaz, que máis che ten... Non era o San Camilo, pero era algo en castelán.
Tiña que ser. Ese non sabe ler máis que en castelán; e en francés.
Tanto che ten no que lea... Tranquilo, hai que durmir, que mañá véñenvos os de Negreira e hai que aturalos, haberalles que pagar a comellada.
Pagas se ves que che van asinar o pedido, claro.
De calquera forma, teremos que aturalos: xantar con pailáns. Van dicir que a autonomía vai ser a nosa ruína.
Tranquilo, ho. A durmir. Mellor, si. Pero ¿canta xente estará enguedellada na  cama nestes momentos?, ¿cantos estarán babándose, tolos, berrando de gloria? E a min esta Aniña non me deixa nin murmurarlle desde que temos cativos:
“Chss, chss, a modo, non fa... Ai, cala, ca...”
“Pero, ¿por que me mandas calar, toliña?”
“É que non me pasa o susto que papei de pequena, que unha noite espertei oíndo queixumes da miña mai e saltei da cama pensando que andaban a bater nela...”
Tranquilo, durme. Xa vai petando menos, bendita pastilla.
Non podo imaxinar a vella da Ana gritando de gusto. Un non imaxina a sogra en semellantes condicións.
Pois máis de un e de dous deitáronse coa sogra.
Pasa de aí, ho. So, so, soberano...
Hai que lusitanizar o país.
Imaxina que os nenos nos collen a trebellar... ¿Que estarán a soñar, pobriños?
“Pai, ¿viches a lúa? Está rompida.”
Criaturas...
Durme.
So, so, so... Celia, ¿imos coller mazás ao madureiro?
¡Como cheiran! ¡E como brillan!
E hai niños no beiral, sobre esta ventaíña, mira... ¿Déixasme que che dea un bico? Déixame, anda, muller...
Non lle contes nada a ninguén.
Pero témonos que confesar, Xoán.
Iso, si, si...
Hai que confesarse...

Venres. Pasou rápido o día, nun infantil anseio de rematar xornada, semana e mes. Ata non me molestou o traballo, non me amolou a oficina pechada, falta de aire e luz, non me preocupei máis de se o Escuredo é un fantoche, un caradura que se autodefine como empresario nun impaís onde non hai máis empresas que bares, garaxes e restaurantes. Non me preocupei: á fin do día, despexe; á fin de semana, descanso; á fin de mes, paga.
Son un asalariado, como o Abel Souto se encarga de recordarme (“Vós, os titulados superiores, tamén sodes asalariados...”).
Chamoume o Pepe Lantaño para que non esquecese a xuntanza na Asociación: “Temos en marcha a campaña contra as institucións e hai que bater o cobre”... O Pepe non imaxina que o usei de personaxe en ‘O Radiolar’. No relato é mesmo o presidente dunha asociación cultural que loita a vida ou morte por salvar os sinais de identidade de Fiordia. Se me dan o premio do Ateneo, como penso (non sei polo que. Tanto desexo de conseguilo debe ser o culpable de que o crea), se mo dan e se publica ese conto, vai ser a grande ocasión de que teñamos un desgusto...
Chamei á casa para avisar de que podía chegar tarde, e a Ana saíra. Atendeu o teléfono a Ramona, que aproveitou para advertirme de que na escola do cativo houbera “unhas meninguites”, e concluíu que “isto aquí” era un desastre; que “alá en Francia” non se coñecía tal andazo ruín que mata os nenos.
Todos chegamos puntuais á reunión culturosa, aparecemos á hora convida, sentámonos, apoiamos os cóbados sobre o verniz rillado da mesa e sen tardanza fomos despachando improperios contra unha administración á que lle molesta a existencia dunha cultura distinta á oficial, “universal” (se eu fose funcionario tamén tería receos do que non está claro. Como nos dixo unha vez o secretario do gobernador civil, “los regionalistas” andamos empeñados en resucitar a Idade Media, tentamos alterar o ritmo de vida e morte das cousas da lingua e a literatura).
Mentres se discutían as estratexias de bombardeo á deputación, quedei coa vista fixa no retrato de don Ramón que preside a sala de xuntas desde a parede núa. En ‘O Radiolar’, ao patriarca da cultura de Fiordia chámolle Outer Parvaio. A idea deuma o Fermín, que sempre dicía que o vello, con tantísima memoria, había ser parvo, oligofrénico (¿que andará a facer o Fermín neste momento? Hai seis horas de diferenza, alá é dinner time. Estará a cear, roast beef con gravy e puré... Como me gustaría estar con el, falando de todo).
Rematamos cedo a xuntanza. A directiva encargoume escribir artigos sobre a inhibición das deputacións ante as necesidades da cultura viva. E saímos en grupo.
Rúa adiante viña cheiro salgado; o vento, frío, teimudo, empurraba cara a nós partículas de sal e peixe desde os peiraos e a lonxa. O Caruncho propuxo tomar unhas cuncas. Eu negueime, na esperanza de chegar ao final da tertulia no Barlovento; e o Lantaño xuntóuseme sen explicación en principio.
Colleume do brazo, coa outra man botou para atrás un resto excesivamente longo de cabelo agrisallado e, armando acenos de confesión, contoume que anda mal, no desespero: o país vai á toa, non hai goberno, non hai cabeza, o único que lle importa a cadaquén é si mesmo, cada un quere defender o seu interese mesquiño.
Se non, velaí o Rodríguez Calvo levando a batuta dos “socio-divisionistas”, un fato de tránsfugas. Arrastrábaos após de si, acarneirados, “¡mee, meee, meeee...!”. Púxose a balar diante dun escaparate de electrodomésticos e a xente que os contemplaba xa divididos en cómodos prazos virouse para nós. Pero o Pepe Lantaño seguiu firme, ofrecendo o perfil aquilino indiferente ás olladas de sorpresa dos soñadores de lavadoras e lavavaixelas: o Rodríguez Calvo era un traidor, xunto co Fernandiño e o Cefe organizara tal felonía por aseguraren un postiño no novo partido “socio-listo de Madrid”.
Calou, apertándome o brazo, sen me preguntar cara a onde me dirixía. Lembrei nun destello a mañá clara en que coñecín o Lantaño e o Rodríguez Calvo, ben vestidos os dous de esquerdosos sen gravata, con cadansúa carteira elegantona, cruzando palabras rápidas nunha esquina. O Fermín viña comigo e dixo “Velaí os homes do Beiras. Non che sei que manía ten algunha xente de se meter a socialista, co ridículo que é erguer o puño coma putos obreiros”.
Agora o Beiras andaba off-track e o Pepe, amolado da saúde. Seica había pouco estaba a ver na televisión “Los últimos de Filipinas” (non por españolería; só porque o seu avó fora un deles, coitado, un rapaciño de Feáns perdido naquelas xunglas) e decatouse de que lle ía mal. Tiveron que chamar o médico.
Diagnosticoulle stress.
¿E como non ían andar con ansias e angustias? Uns fillos de puta desfacéndonos o partido logo do afundimento nas eleccións do ano pasado, na vez de prepararen as vindeiras, ¡xerais e municipais! (interrompeuse cos olliños nunhas mozas que camiñaban paralelas a nós, os anoraks a ocultarlles volumes farturentos). E, mentres o Rodríguez Calvo e os seus acólitos apuñalaban o nacionalismo, o Xermán Barros andaba  xogando ao demócrata cristián cos do goberno.
–¡Hostia, Pepe! ¿Seguro?
–Segurísimo –apertoume aínda máis o brazo, xuntou o cello proxectándoo sobre o nariz curvo–. O desgrazado, despois de resistir corenta anos, agora anda facendo arranxiños cos de sempre, que che son os de sempre aínda que se disfracen. E non te esquezas disto, Xoán: o gran patriota Barros está a mover todo o que pode para que o noso desapareza, porque somos unha acusación constante, porque el foi quen nos formou, na propia casa.
Paramos noutra esquina. Cartelóns de obra nun valado anunciaban a Kiko Ledgard, “Miles de premios con 1,2,3”. As mozas de anorak, caras de vicio á luz dos farois, seguían xunto a nós. Pararon, invitadoras, e tiven unha sospeita pero rexeiteina porque esas cousas non acontecen aquí. O Pepe, avellado, tan distinto daquel home mozo que me sinalara o Fermín, soltoume e volveu pasar a man polo cabelo, cerrou os ollos mouros, levantou as cellas, sacudiu a cabeza e confesou:
–Aínda por cima, non fodemos nada.
Virou sobre os calcañares e acenoume un adeus. Nese momento presentábanse dous tipos melenudos nun Seat 1430 cor de guinda co fociño cheo de faros. As rapazas metéronse nel.
Seguín para o Barlovento lembrando os ollos claros e convincentes do Beiras, o seu traxe gris de xastre, o paquete de Winston, o chisqueiro de ouro e a conversa que tiveramos á fin da súa conferencia nun colexio maior da Universitaria madrileña. Daquel encontro xurdiron esperanzas: eramos terceiro mundo pero aínda se podía facer algo.
E había que facelo.
Na seguintes vacacións foi o longuísimo paseo pola praia agreste co Lantaño. Aseguroume que o partido existía, na clandestinidade pero existía. Xuntaba todos os socialistas “con conciencia plena de país”. Facía falta xente dentro e fóra do país físico, a Diáspora era fundamental no porvir inmediato. Algunha vez morrería a besta decrépita de El Pardo e teriamos que aparecer todos nós dispostos a gañarmos a confianza dun pobo que só se podería salvar dunha maneira única: con conciencia de nación e xustiza social.
Conciencia, conciencia... En canto falabamos, eu ollaba o mar vasto e gris a roer na area; ollaba as rochas e as gaivotas; e tiña a impresión de que aquí nada se perde nin se salva, que todo é igual, para sempre o mesmo.
Pero díxenlle que si...
No Barlovento quedaban os últimos vellos da noite, e o López Cameselle co Pereira. Cando cheguei falaban –mal– do Abel Souto, e non mo ocultaron. O Cameselle informou de que o Abel facía de cicerone pola cidade vella cun grupo de Amizade Hispano-Soviética. O arxentino Pereira, con dificultade para o ceceo, perfilou:
–O Abeliño é un tipo de conviccións e convencementos. Mesmo está convencido de que o da literatura urbana, o movemento obreiro e todo iso ten que ver con este país. Non se decata de que este é un país máxico, ahistórico.
–E rural –completou o Cameselle, cun certo asaño brando, gordo, cara a min.
–E tamén mariñeiro –o Horacio Pereira retomou fío rañando o queixo sen barbear–. Pero o caso é que o Abel Souto publica en Madrid porque esa editorial é do PC. Se non, hostias –notóuselle o esforzo por non dicir ohtias.
–Pois eu penso que o Abel é sincero, carallo –intervín–. Paréceme lícito agarrarse a unha cuña para publicar porque hai que facer carreira, hai que darse a coñecer, hai que tratar de...
–Iso depende –cortoume o Cameselle–. Por exemplo, eu non me molesto nin me comprometo para publicar. Hai que evitar a inflación literaria. Sobra papel entintado.
Calei. Olleino de arriba abaixo: ¡burro! ¿Como se pode ter unhas fazulas tan vermellas, como lle pode sobrar a alguén tanto sangue e faltarlle tanto miolo?
O Pereira consultou o reloxo e chamou o camareiro. Volveuse para nós como se viñese doutro mundo.
–Na miña opinión todo é cuestión de facer o nome –volveu sentenciar–. Despois, o resto vén de engádega.
Pelexámonos un pouco por pagarmos pero ao final foi o Horacio quen soltou os vinte pesos, porque hoxe lle correspondía.
Facer o nome... Leveino comigo no coche. Para que non me falase metín un cassette de Jobim a todo volume:

Está fazendo um ano e meio, amor,
que o nosso lar desmoronou.
  Meu sabiá, meu violão
e uma cruel desilusão
foi tudo o que ficou,
ficooou
pra machucar meu coração...,

e durante un pedaciño calamos os dous, abofé; fómonos do habitáculo dun coche, das pedras históricas do noso burgo apiñado contra as inclemencias do Atlántico Norte, a paisaxes e xentes e cheiros ricos e luminosos do Sur das Américas que ambos coñecemos, a onde precisamos volver polas razóns que nos irmandan a min e ao Horacio e a todo o mundo que as apalpa.

De volta na casa. – Entrei directamente para o burato que a Ana chama escritorio ou despacho. Vin remexer no cartafol de RETALLOS DE PRENSA á busca dun artigo do Mourín que tal vez garde por puro masoquismo, aínda dicíndome que o fago por disciplina e como base para a reflexión. Sirvan para reflectir as partes que copio:

Unha continuada serie de premios recentes (Centro Galego de Oviedo, Mesón do Cazador, Vieira de Ouro, etc.) fíxonos ocupar de Horacio Pereira nesta sección de narrativa.

desde a aparición da “nova narrativa” forxada polos primeiros narradores da posguerra, non xorde no noso ámbito creativo unha figura do nivel de Horacio Pereira, próximo ás veces ao dun consagrado coma Ferrín.

compoñente principal da literatura do Pereira, a fantasía, unha fantasía realista, capaz de enxendrar un xogo no que subxacen distintos significados. A identidade histórica do noso País, a crítica das nosas limitacións, pasan con frecuencia baixo a codia do relato. No fondo, o mundo literario do Pereira é simbólico e a súa decodificación non sempre resulta doada.

na obra de Horacio Pereira non hai máis chata que certa impropiedade sintáctica que o diferencia do Ferrín, extraordinario estilista.


O Mourín faille o nome ao Pereira; como ao Mourín llo fixo o Barros. E cérrase a cadea: de sagrada vaca a sagrada xovenca, e de xovenca a becerra nun país feliz, máxico, ahistórico, rural e mariñeiro.
Outrosí: o Mourín témelle ao Ferrín (o Ferrín seica paseaba onte polos soportais da dársena cun elástico negro e unha foto do Lenín ao peito. A Ana, que o viu, di que é un inspirado).

 

Ao acabar co artigo mourínico e laudatorio para o sudaca, atopei por esta casa a miña vella, chea de pulseiras, o cabelo gris-azulado de perruquería e, a xogo con el, un traxe de chaqueta azul que debeu custar coma unha enciclopedia de moitos tomos. Viñera traerlles roupa aos pequenos e tiña ganas de latricar.
Contounos que o Álvaro Cendón e a muller se separaron. Seica o atopou a el pola rúa e atreveuse a lle botar o sermón; pero o Álvaro tentou defenderse: que non, que non, que a culpa é da Mila, que é unha inmadura. Despois de vinte anos de matrimonio e oito fillos, víñao descubrir agora, ¡que desgrazado!
Distrainme do affaire Álvaro-Mila por culpa do autor dos “soños idos”. A Ana cualificáramo de copión e eu tentaba imaxinar de onde tería plaxiado o tipo. Xa tiña ganas de volver á súa narración realista e divertida... á espera de cando chegase á inevitable mourinada fantástica. Pero a vella seguía traspasando a nora cos mesmos ollos que lle herdou a nosa filla, redondos, grises, duros, avasaladores.
–Que ordinariez, Aniña –tocoulle a man, en mostra de solidariedade–: ¡Deixar a Mila e arranxarse coa secretaria! E a tola da Miluca foise vivir con eles. Mira ti, que unha filla lle faga iso á mai.
Algo da adolescencia relatada polo Mourín levoume á miña, á praia do Raso, a unha fondura entre as dunas, á Mila ocultándose para darlle de mamar á Miluca. Eu espiaba: era unha mai noviña, un peito lindo, grande, pálido e marcado de azul polas veas. Sentín que ía pecar, volvín á praia e mergulleime na auga purificadora.
Agora a Miluca optara polo pai, levada por un impulso primitivo. Vivía na casa da praia co pai e a “querida”.
–O Álvaro con querida instalada –seguía a vella a zoupar–, vivir para ver. Nunca me esquecerei de velos apertados, a el e á Mila, cando lles morreu aquel neno... Estaban sempre na casa por medo de que lles morrese, e unha noite insistíronlles moito os Chaos e foron ao cine con eles e morreu o anxiño, e á Mila sempre lle quedou o remorso de que a chamase na agonía –calamos, tragando saliva, ¡puf! Pero logo a miña mai facía soar as pulseiras para baterme no xeonllo suavemente– ¿Sabes quen morreu? O tío do teu amigo Luís.
–¿E logo reproducíuselle o da larinxe?
–Non, foi dun sarcoma, algo espantoso. A casa cheiraba a carne podre...
–Con estas cousas volve un pensar na eutanasia –sorprendinme dicíndoo. Esperei a protesta da vella, por Cristo ou polo que fose; pero calou, e a Ana sacudiu a cabeza a xeito de reproche.
Seguiu un silencio molesto. Desexei ter contemplado a realidade do sarcoma de don Fernando, o tío do Luís, podrecendo en vida, para poder contar algo de veras e así amolar o Mourín, o Pereira e demais autores máxico-realistas. Entón a cativa rompeu a chorar. A mai e a avoa deixáronme en disparada para iren consolala; e despois oín bater a porta da casa: Ana iría levar a sogra.
Sentín necesidade de ver os nenos. Alá fun. Se a pequena é algo entre a miña mai e a súa, o rapaz é a viva figura do meu sogro: a testa vertical, o cello groso, ollos afundidos, pómulos altos, queixo cadrado... ¡Criatura!, non lle faltan máis que os lentes escuros e o bigotiño de delegado provincial do Movimiento.
Sígome aferrando á idea de nunca ver mortos os meus fillos. Non sei polo que, empéñome en que só morren os nenos dos pobres, por falta de hixiene; ou os dos ricos, por exceso de caprichos.
E remato. Por hoxe abonda. Non quero entristecerme. Vou volver á prosa do Mourín (vou pensar nel mentres leo; vouno imaxinar escribindo en canto el me ignora).

–¿Diga?
–Xoán, son o Caruncho. ¿Estabas durmindo?
–Non, ho. Aínda ando a ler algo. ¿Que foi?
–¿Oíches?, mira, chámote por culpa do Pepe Lantaño, ho... Hai moita xente que di que temos que mudar o presidente. O Guerreiro andou a preguntar entre os que se deron de baixa da asociación e dinlle que son moitos anos de Lantaño a presidirnos. O persoal identifica a asociación co partido e iso xa nos prexudicou dabondo, ti. E aínda por cima o Pepe anda feito unha braga, está ido, fáltalle pulo. O das putas eleccións queimounos a todos eles; correron e buliron, faltaron ao traballo, gastaron cartos que non tiñan, desatenderon a familia..., eu que sei, ¡o demo! Andan tocados do chícharo, todos...
–Poida que si, ¿e que queres que lle fagamos?
–Dimitir.
–¿Como?
–Dimitirmos, Xoán. Dimisión da directiva e fóra. Convócase asemblea extraordinaria para elixir unha nova.
–¿E quen controla a votación?
–Iso está feito. O Guerreiro trae a votar os do colectivo socialista escindido, que andan que bufan polo de “Tránsfugas e traidores”.
–O Lantaño nunca debeu dar ese artigo a publicar.
–Pero deuno, Xoán. Iso é o que tes que ver.
–¿E quen se presentaría para a nova presidencia?
–Ti.
–¿Eu? Nin fumado, hostia.
–Escoita, Xoán...
–¡Non!
–A modo, ho.
–Que non, Caruncho. ¡Que non!
–Está ben, xa falaremos.
–Boa noite.
–Pero non te cabreaches, ¿ou si?
–Tranquilo, Carunchiño, tranquilo.
–Ala, boa noite e felices soños.
–Igualmente, ho.
O que faltaba, carallo. Pasa cada cousa que un nin se lambe... A xente non ten memoria, esquece o valor do que vivimos xuntos: “A reunión da célula é na casa dos pais do Caruncho. Dúas cousas: primeiro, ide deixando os coches polo chan da feira, ou no bar de fronte do cruceiro, pero nunca preto da casa. Hainos que esparexer, que non fagan vulto. E segundo: non vai haber luces na casa pola parte de diante. Van estar pechadas as contras. Hai que pasar a cancela e dar a volta para entrar desde a horta...”
–¿Quen te chama a estas horas?
–O Caruncho, muller, que queren chimpar o Lantaño da presidencia.
–Estaba previsto, Xoanciño. Logo do cristo das eleccións e a división do partido e... Xuntouse moita mala hostia... Pero ti hásteme sacar do medio, ¿eh? Faime o favor, o favoriño, Xoán.
–Tranquila, muller... ¿Sabes do que me estaba lembrando? Da noite en que nos coñecemos os da célula de aquí do partido, como fomos chegando á casa dos pais do Caruncho, cun sixilo, todos cagadiños... Fíxome tanta ilusión recoñecer caras que vira pola rúa ou nas conferencias sen saber que eran dos nosos... Só ma podía estragar que me pillase a Garda Civil ou que o Fermín soubese no que eu andaba, que se escarallaba á risa de min. Seguro que se puña a berrar “¡Puños, puños en alto! ¡Viva o socialismo redentor!” e cousas desas. Pero xúroche que estaba emocionado. E mira no que foi acabar todo: o tal do colectivo abandonando o partido, o Pepe chamándolles tránsfugas e traidores, e agora unha operación para lle sacar a presidencia da asociación... ¡Tanto crer en non sei o que prá merda!
–That’s life.
–That’s what people say... Ana...
–¿Que?
–¿Seguro que sabes de onde copiou o Mourín?
–E de onde calca o Pereira de Buenos Aires.
–¡Ana!
–Apaga a luz.
–Ana...
–Saca o pixama.
–Isto é chantaxe.
–Será. Hoxe estívenme lembrando de... ¿Lémbraste da fin de semana nas Amieiras? Déucheme un nonseioqué ao recordar aquela arroutada.
–Mira que tivemos sorte. Nunca nos colleu o touro. ¿Imaxinas se lle chegas a aparecer preñada ao teu pai?
–Pobre vello. Seguro que sempre o fixo con pixama e precaucións.

Non esperaba escribir máis hoxe pero aquí estou de novo:
Deixei que a Ana quedase durmida e erguinme. Pisos abaixo, na rúa hai barulliño de fin de semana, de motores, de xente que entra e sae dos bares.
A miña muller descubriume as pistas que conducen a grandes segredos literarios. Por iso esta noite bendigo unha vez máis a sorte de tela atopado, casual e insospeitablemente.
Ana. Aínda teño o saibo da súa boca na miña. Non me avergoña esa forma de virxindade que supón serlle fiel. Chégame con ela; quéroa completamente, toda...
Coñecina nun “polynesian bar” de Madrid. A luz avarenta da noite tropical do lugar deixoume albiscar os seus ollos claros, dondos, grandes de máis; e unha melena lisa, suave, quente; e ombros altos, tirando por un peito vivo. Falamos –eu con receo de soltar inconveniencias por culpa das apócemas tahitianas– de algo divertido que non lembro agora, rímonos e, cando o fume e o sono obrigaban a un continuo refregar de ollos, ela díxome que se tiña que ir e eu ofrecinme a levala. Atreveuse a montar no meu 600, comigo ao volante e o Luís de copiloto, perdidiño.
Tan perdido ía o meu compañeiro de cuarto que tivo que abrir a xanela “para despexarse” e acabou regando a Castellana co que levaba no estómago.
Deixamos a rapaza á porta dun colexio maior e pedinlle desculpas polo meu amigo. Ela riu e repetiume o nome:
–Ana Parguiña... Parguiña, Ana.
Ao día seguinte, cando se me recompuxo a cabeza dei en pensar nela. O Luís tamén debía recordala porque logo me preguntou como se chamaba. Fixen que non oía para non lle mentir.
–Está visto que es un inexperto, deixaches a cousa mal amarrada –atreveuse a comentar–. Chego a estar eu no teu lugar...
–E espantábala co alento. Carallo pró casanova.
Entón propúxenme chamala e vela, pero non me atrevía. Daquela traballaba eu no laboratorio da facultade e na fábrica de baterías, preparaba a tese, daba aulas, non daba escrito maldito parágrafo de ningunha historia... Desculpábame coa canseira para non chamar a rapaza.
Ficaban dúas semanas para as vacacións do Nadal. Ela marcharía. Decidinme porque o Luís non estaba, non había ninguén no piso. Busquei o teléfono do colexio maior na guía e marqueino cos ollos fixos no tixolo vermello, madrileño, da casa de enfronte. Batíame o corazón con forza, bateume ata que a operadora do colexio deu coa “señorita Parguiña, la galleguiña”.
A Ana lembrábase de min e do meu amigo “ese tan orixinal, o que viaxaba coa cabeza fóra do coche”. Confesoume que aquela noite ela tamén andaba avariada, e volveume agradecer a viaxe de volta “desde a Polinesia á Universitaria”. Era ben simpática, non soaba a guapiña distante. Quedamos.
Conversamos, observei que aturaba as miñas derivas literarias. Ana lera moito, sobre todo en inglés por razón da súa carreira. Volvemos quedar.
Naqueles días de decembro sucio de calefaccións e fumes acabamos véndonos de cote. Nada de cine nin baile. O Luís acabou por descubrir o asunto.
–A esa boneca anglofalante non a dás pasado pola pedra antes do Nadal –sentenciou, e non lle respondín: que fose ao carallo coa súa envexa.
O día 21 recollín a Ana no colexio e leveina á estación, e fiquei rexeado na plataforma sen saber como despedila. Deille un par de bicos rápidos nas fazulas e chameime estúpido.
O propio 24 cheguei á casa dos meus pais. Chameina. Contoume que a atopaba de casualidade, saíndo para a casa da avoa. A descrición que me fixo desa casa, con oratorio e Cristo chagado, sóubome a ‘A Relíquia’. Díxenllo e puxémonos a falar de Eça, do realismo, do naturalismo... e a miña irmá Carmela deu en dicir que o teléfono non era para iso, que podía haber algunha urxencia (que a chamase a ela un engominado do “Club de Golf” para levala ao “Club Náutico” –así con todas as palabras– no seu Morris Cooper).
De volta en Madrid, nunha tarde de sábado pactei cos compañeiros que desaparecesen, e, armado de valor, trouxen a Ana. Foi a primeira vez que nos encontramos plenamente.
Despois serían moitas. Os compañeiros do piso aceptaban o noso matrimonio improvisado...
Á fin do curso Ana marchou cos pais porque non tiña desculpa para seguir no colexio maior. Custounos moito despedirnos, moito. Eu ficaba nun Madrid suorento, de cervexerías cheas e cines refrixerados.
Telefonabámonos e eu cavilaba en que xa nos coñeciamos perigosamente ben, eramos admiradores de Eça, Pessoa, Antero de Quental, Machado, Celso Emilio, Blanco-Amor, Huxley, Orwell, Steinbeck, Faulkner, Dos Passos... Ana tiña aqueles ollos cor de mel e un corpo san, ben moldeado. Non cría en Deus, monxas e cregos producíanlle náuseas e andaba pola vida á procura de Algo (encollía os ombros ao dicilo). Eu gustáballe á Ana e a Ana gustábame a min. Eu era catro anos máis vello ca ela.
Dábame moito medo “el metejón”, como dicían os arxentinos.
Entón ofrecéronme un traballo en Lisboa e aceptei. Mandeille unha carta covarde aducindo que o Kepa Gurutzeaga sempre nos dixera que para nós, galegos, era deber ineludible coñecermos o alén-Miño. Citáballe tamén a Castelao e Vilar Ponte.
Cando lle chegou a carta, chamoume.
–Cóidate moito, Xoanciño; non me esquezas e escribe, e o bico máis longo do mundo –foron as súas palabras de adeus.
Mandeille unha postal ao chegar, e unha carta coas primeiras impresións dunha Lisboa decadente e deliciosa. Respondeu que me botaba moito en falta e que estaba a dar clases de inglés. Enguedelleime logo coa realidade de fados na Madragoa, bifes e bacallau, mozas da empresa cos homes nunha guerra lonxincua, africana, o Alfredo Pardo a teorizar de Herculano e Gelmírez, o Chico Mourão anunciando “o fim da macacada salazarista”, o Américo Thomaz en efixie de porco polo Rossio (un porco con pucho de mariñeiro e un letreiro de “Mais 7 anos nesta triste figura”)... Pasaban as semanas e non lle escribía á Aniña.
Ás veces sentía un algo fondo, morriñento; pero alá viñan a Maria Amália, a Ricardina, a Maria João, a Graça, os galegos da Rua da Madalena, a FNAT da empresa, a PIDE por toda parte, a Feira Popular, frangos ao espeto, piri-piri, a Caparica, Marcelo Caetano asegurando que Portugal era “Atlántico e um sonho de caravelas”. Aos poucos a figura da Ana esvaíase entre notas dunha nova vida:

Sintra en outono.– Aínda resoan os cascos e rodas de carruaxes de romance, e un espera Egas e Maias, Primos Bazílios, Dâmasos, Madames de Molineaux, saíndo ao seu encontro...

Ata que todo rematou. Cun ollar verde, intelixente, sobre un peixe grellado, o Alfredo Pardo aconselloume que voltase: Lisboa estaba demasiado lonxe de Galicia. Se non quería acabar coma el, emigrante condenado á filosofía da Historia, se tentaba facer país algún día... En fin, arranxei o finiquito na empresa e fuxín no meu 600 perseguido por unha canción de Paulo de Carvalho:
“Podemos ser amigos simplesmente;
coisas do amor nunca mais.
Amores do passado, no presente
repetem velhos temas tão banais.
Ressentimentos passam com o vento,
são coisas de momento,
são chuvas de verão...”

Ana Parguiña. Amigos. Amigos. Amigos simplemente. En Badajoz a radio comezou a castigar, brutal, con Manolo Escobar; e a miña imaxinación procurou os quefaceres do Luís, do Kepa, do Fermín, tan esquecidos coma a Ana durante meses. Un sentimento maldito tomaba forma en min: atravesando campos resecos, sentíame na casa.
Madrid de novo. Arco do Triunfo e Cibeles, Carrero Blanco, a brigada social en lugar da PIDE... Esperaba que o Luís soubese algo da Ana. Non sabía.
E o Fermín cortara amarras, marchaba aos Estados Unidos porque se lle presentara unha ocasión de “toma ou deixa”. Andaba atafegado por culpa dos trámites e non nos vimos, non puidemos coincidir. Deixoume no piso varios exemplares de ‘A Revolta’, que lle enviara o Barros para min, esperando que soubese o meu enderezo en Lisboa. Publicárase na miña ausencia por decisión e con introdución –inevitable– do gran amo do sistema. Nun dos libros, que acariñei como ao primeiro fillo que era, ¡o meu primeiro libro!, viña unha nota do amigo disposto a emigrar:

“Os teus relatos están ben trazados, Xoán; mais novela-novela, romance de veras, é unha composición harmónica de historias, principais e secundarias, con prioridades establecidas. Ti estudaches matemáticas dabondo, tes disciplina mental, e esa é a avantaxe que debes aproveitar. ¿Tes falta de que che lembre a parábola dos talentos? (e, por certo, falando de talentos: a miña irmá atopou pola rúa un chamado Ana Parguiña. ¿Cortastes?)...”

O Fermín sempre me soubera pór o dedo na chaga. Foron uns días feos mentres recompuña a vida en Madrid. Ana, Ana, Ana... O corazón batíame duro. Era o maldito “metejón”.
Chameina ao colexio. A recepcionista díxome que a señorita Parguiña xa non vivía alí. Quedei coma quen perde as chaves do coche durante unha parada nunha viaxe moi longa.
Repúxenme: xa iniciada a cousa, non ía parar. Chamei á súa casa. A mai quixo saber quen era eu e cun “Xa, xa” deume a entender que sabía de min. Ana mudárase para un piso cunhas compañeiras de colexio.
Encontrámonos. Non puidemos evitar o beixo longo, ridículo, no medio da rúa. E seguimos adiante sen nunca mencionarmos que fora de cadaquén durante aqueles meses de distancias e silencios.
Ana rematou a carreira e déronlle o lectorado. Decidimos pechar os ollos, ben apertados, casarmos e irmos para Inglaterra (eu, á procura de traballo).
O seu vello foi moi claro. Non quería escándalo. El tampouco era crente pero a sociedade, si. De maneira que houbo festa de arrombo na aldea dos Parguiñas e ata comungamos, e o sabor seco da hostia tróuxome unha saudade arrasadora de tempos idos para sempre xamais, do irrepetible, de cando cada cousa estaba no seu lugar: Deus no ceo, o pai no bufete, Franco en El Pardo, Cristo na obrea. Unha bagulla traidora teimou por caer e resistín, resistín. Resistín sen saber polo que (“Porque un home non chora, Xoán; e ti xa tes oito anos...”)
Marchamos para Inglaterra con despedidas lacrimosas e un peto de libras, instalámonos con decencia na Rudgemont Street e Ana comezou axiña coas súas leccións. Eu buscaba traballo. Atopeino. Os da Carmichael & Hughes alucinaron con aquel tipo que falaba español, portugués e inglés. Adestráronme e logo comezou a roda: Bristol, Rio, Montevideo, Buenos Aires, São Paulo, Bristol, Rio...
Aumentaba a facturación. Ascendéronme, pagábanme máis. Ana empezaba a ter barriga. Estabamos ben. Eu escribía unha novela con esquemas de partida, disciplinada, un resumo xeracional co que esperaba consagrarme, ‘O mirto e os loureiros’.
A miña mai e a miña sogra viaxaron xuntas e vernos; e a comprar roupa. Na tendas a miña vella tentaba abraiar a consogra falando francés da Compañía de María. Ela foi quen trouxo a noticia do Escuredo, que tiña “unha empresa diso no que traballas ti”. Marchou e deixoume co intriga.
Mandei carta ao Barros anunciándolle unha posibilidade de retorno e respondeume que “todos os irmáns do interior” estarían esperando por min de brazos abertos. E de aí que a idea ruín empezase a tomar forza, roe que roe polos miolos:
Voltar.
Ana estaba cada día máis linda: a cara máis chea, rosada, o peito máis abondoso, o ventre que prometía. Díxome que non lle importaba voltar, que a saudade é masoquismo ou negocio para escritores de ensaios (‘Un sentimento galaico-portugués: a saudade’, por Xermán F. Barros); que eu debía vir para aquí e loitar por abrirme paso a golpes de cóbado, como fose. Ela sempre me apoiaría.
Un domingo de primavera inglesa, pálido e tépedo, apareceume á porta da casa un suxeito con moreno de esquiador, gafas Ray-Ban escuras, un toque de gris sobre as tempas, alto, de ombros anchos, traxe de xastre, gravata italiana, mocasíns Lotusse, todo combinado en verde musgo e bordeus. Era Emilio Escuredo.
Convidounos a xantar, preguntoume que necesitaría gañar. Chegamos a un acordo, ata chocamos as mans.
Os da Carmichael tentaron contraoferta. Cando llela rexeitei educadamente, da mesma maneira chamáronme tolo.
E voltamos. Ana comigo, abandonando a carreira; e o futuro connosco, movéndoselle no se ventre avultado. Ao aproximármonos a Lavacolla, sobrevoando parches irracionais de prado, toxo, eucalipto, piñeiro e leiras, collémonos forte das mans. Non o dabamos crido: retomabamos o pasado.

 

Ana, si. Escribín rápido sobre ela e dóeme a man. ¿Que andará a soñar?
Silencio. Esgotouse o día por completo, xa é a mañá do día seguinte e estou derreado. Sóanme nomes na cabeza: Alberto Mourín / Alberto García Mourez, o boomeiro; Cortázar e Pereirázar, os arxentinos. Todos quedan para mañá-hoxe, hoxe dentro dunhas horas. Son os viláns do meu segredo literario e merecen demorado tratamento.
E ábrese despois un domingo sen perspectivas familiares. Vai ser cousa de chamarmos o Luís e a Laura, para o café; e falarmos aturando cativos.
Tres da mañá. Febreiro frío por obrigación. Unha lámina de vento fai oscilar as farolas altísimas da rúa. ¡Que desamparo!
O Luís estará durmido; o Avelino, tamén, se non ten garda no hospital; o Fermín irá camiño dun cine no downtown da súa cidade rica e sabia. Eles vivos, e o Kepa non. O Kepa hai tempo que escolleu o Ningures: ósos no nicho, flores murchas na argola da lápida. Kepa Gurutzeaga, o vasco que nos encirrou no Rompeolas de las Españas; como se nós non pertencésemos a un “pueblo de almas rendidas”.
Pedro María Goruceaga, alias Kepa: sodes moitos os que van morrendo no voso morredoiro verde, de morte, faia, machado e cheminea. Nada queda dos teus ollos furadores, azul-grises. Non me podes ver pero, se cadra, aínda me sentes de algún modo. Escoita: se algunha vez vén das Américas o Fermín, habemos ir co Luís ata Lekeitio, ao cemiterio, sen llo contarmos a ninguén.
Prometido.

Está ben, vale, velaquí outra tardiña merdosa de domingo: a Ana pondo o oído ao barullo dos nenos encerrados ao fondo do corredor, o Luís con xesto de úlcera a roer, a Laura con cara de saudade da aldea e o cativo pequecho ao colo... Hostia, que lle vai vomitar:
–Laura, mira aí no ombro, que che vomita o cativo.
–A ver, Dispositiviño; a ver, non me condecores, bonito.
–¿Como lle chamas, muller?
–Dispositivo: don Dispositivo Intrauterino. Tamén, cando me amola moito, chámolle fillo de DIU...
Que chispa ten a condenada. A ver o Luís, vouno aguilloar:
–Foi un fallo, ¿eh, Luisiño? Seguro que vos custou un peto de cartos o choio do DIU e fallouvos. Fostes do cero cinco por cento dos fallos.
–Puta estatística...
Ben, o Luís está de mal vento. Investiguemos:
–E o teu vello, ¿que tal?, ¿como vai do reuma?
–Peor, que se foda.
–¿Seguides sen vos falar?
–Que che conte a Laura: aínda vai de gravata negra e antes de que ninguén lle pregunte xa el di que é pola morte do Caudillo. E, cando soubo o deste cativo, apareceu nada máis que un momento para dicirnos “¿Non vedes, non vedes? Fagades como fagades, sempre teredes os fillos que Deus vos mande”... Cabrón.
–Pois eu riríacheme moito.
–Rirías porque non é o teu pai.
–Por certo, que onte o vin coa Maruxa Veiga. Debían estar tratando de arranxar emprego de porteiro na deputación para algún rapaz da vosa ilustre vila.
–Se cadra no ministerio, que en Madrid se fan máis cartos.
–Se cadra...
Este está queimadísimo, e cheira a que ten que ser por algo  máis... E a Laura cala. E a Ana tampouco non axuda. Pois daquela eu tamén calo, a ver quen rompe o fogo... Este Luís é coma unha sombra, ¿canto haberá que levo ao seu lado? Tiña aquela criada que lle chamaba Luíse, con “e” de engádega... O Luís viña atrás de min, a correr por toda a praza, e aos urinarios co ruidiño das cisternas e o cheiro a mexos, e o parvo das orellas grandes, e o señor da gabardina que se encerraba co parvo no retrete... ¿Como era o Luís de pequeno? Lentes non levaba; non; tiña cara de foto de primeira comuñón, sempre peiteadiño. Sangraba moito polo nariz, “Se non me dás o bolinche, douche unha piña no nariz e xa sabes...”, “Pero eu gañeicho, Xoán. Gañeicho”, “Bo, home, bo. Pero eu métoche a piña igual, para que sangres”.
–Xoán... –vaia, a Lauriña ben mantida, por fin–. ¿Oíches? ¿Sabes que nos pasou coa Marisol e o Gonzalo? Unha boa: despertáronme cando o cativo me acababa de deixar durmir. Soa o teléfono, tírome da cama e era a Marisol desesperadísima: ai, ai, que necesitaba algo, a ver se eu lle sabía de algo para que non lle pasase nada, que lles rompera o preservativo e que nós, como sabiamos desas cousas... A min colleume tan durmida que non me deu tempo nin a rir e, entón, como non sabía que lle dicir, dígolle que lle vou preguntar ao Luís, esperto o Luís e cóntollo e o Luís que se me cabrea todo e dime que lle mande facer unha lavativa de vinagre e volvo ao teléfono e o Luís empeza aos berros “¡de vinagre, non; de augarrás. Dille que de augarrás, que de paso lle saca o vicio”. E eu mexábame de risa, e díxenlle que de vinagre, claro, e ¿imaxinades o que fixeron? Pois aparecéronnos ao día seguinte ao café cunha bandexa de pasteis, e volta a falaren do de sempre, da conveniencia de investir aforros en prata, candeeiros e cousas desas...
–Pois –voume facer o gracioso– máis lles valía investiren en condóns reforzados, muller.
–Pois si, Xoanciño... E, falando, falando, entramos no tema do matrimonio e vai o Gonzalo e cóntanos todo serio que lle fixo unha película á Marisol encoira na praia de Camelle, e nós que non aguantabamos co riso, e vai o Luís e pregúntalle ao Gonzalo se puxera título e o outro parvo que non, e dille este “Suxíroche Paixón en Camelle ou a Venus do Finis Terrae”.
–Ahá, moi boa, Luisiño, si señor –hai que lle dar azos–. Fas unha xenialidade así e, se non nola conta a túa muller...
–Pois déixalle acabar a historia a ela.
–Conta, Lauriña, conta.
–Pois que non vai o Gonzalo e pregúntanos se temos algunha película de min en perneta para intercambiarmos...
–¡Ahá! Experto o tipo, ¿viches, Ana? Movie wife swapping, sen consecuencias porque é cinematográfico... Luís, non che hai coma ser enxeñeiro da Afanosa para teres tempo para pensar.
–Éche mellor aínda ser enxeñeiro da Delegación de Industria.
Este está verdadeiramente blue. Actuemos:
–Ana, please, trae a botella de champán da neveira, que o pai do Dispositiviño necesita queroseno para seguir a marcha. E, de paso, mira que fan os cativos, que non se senten nada... Veña, ho, veña, ¿que che anda a roer?
–Pois que paso todo o día na delegación movendo papeis e chego á casa, axúdolle a esta a deitar os cativos e, ala, a esperar o día seguinte para seguir movendo papelada.
–¿E logo o teatro?
–¿O teatro? Aquí non che hai nada que rañar. Non nos queda máis que movermos papeliños, comer, beber, facer fillos e ir morrendo e ao carallo, ¿ou logo non?
–Home, ¿que queres que che diga? Eu non renuncio. Hai que andar a contrafío. Iso manteno a un vivo. Vaste enganando un pouco todos os días... Ti tes que seguir co teatro; e eu teño que seguir tentando escribir novelas. ¿E queres que che diga outra cousa? Xa sei de onde copian o Mourín e máis o Pereira. E voucho demostrar tan logo o champán me ilumine o espírito... Ana, ¿non vas polo champán?
–Vai ti, please, que lle vou coller o Dispositiviño á Laura, que me está a dar envexa.
Merda, carallo, xa imos todos vellos. Empezamos a renunciar... Bo, o Luís tamén poida que estea afectado pola morte do tío. Sarcoma, vaia crueldade... Un escritor tiña que vir ao mundo con dereito de morrer varias veces, de mortes doces e horrendas, de todo xeito, para podelas relatar. Porque se pode ir relatando a propia agonía, pero sempre será dunha morte só, e faltaralle o pasamento. Aí a natureza errou. Repito: deberiamos ter ese privilexio de narradores para ben dos demais... Esta neveira está kaputt; nin termostato nin hostias, máis letras a pagarmos...
–Champán. Aquí volo traio fresquiño. Pena non termos a película da Marisol en Camelle. Polo menos veriamos unhas boas tetas, ¿eh, Luis?
–Se cadra, tenas estriadas.
–¡Como estás hoxe, ho!
–¡Como estamos todos!
–De acordo, pero para, ho. Desconecta... –hostia coa rolla. Tira... Vai... Coidado coa escuma–. Imos facer un brinde. Laura, ¿que lle desexas ao teu Dispositiviño?
–Pois que, xa que non coñeceu nin o Carrero Blanco nin o Franco, que se libre de coñecer o seu avó paterno e o Fraga.
–Brindemos, veña. Pero lembrade que o infarto non ten puntería –a Laura gústame: é coma unha paisana ilustrada e rubicunda–. ¿Outro brinde, Luís?
–Por que o puto infarto non acerte en nós, malia que ás veces gustaría.
–Aceptado. ¿Máis brindes, señores? A ver ti, Ana.
–Brindo por todo cristo, incluídos o Barro e o Mourín. Que non falte ninguén, para que teñamos moito do que rirnos.
–Apoiado. A beber... E, falando de rir, que carallo, deixádeme que vai por unhas notas... Vós leriades os Soños do Mourín, claro, como todo o mundo. ¿E os Encontros do ínclito Pereira de Buenos Aires...?
–Non.
–Xa o supuña. Pois daquela vouvos ler un anaco. Vouvos ler unhas cousas... Agora veño.
Ben. A ver se entre o champán e a crítica literaria lle levantamos a espiñela ao Luís.
Vexamos: tes a biblioteca feita un puto desorde... Memoria dos soños... Xa o leron, tamén picaron. Picaron ou non, que leria. Ti acaba de lelo e despois descualificarás o conxunto, ou amolaraste recoñecendo o que vale... Encontros, velos aquí; e mais os papeliños das traducións...
–Ala, xa estou. Preparádevos. Ana, please sírveme o último grolo, para aclarar a gorxa... Ollo, Laura, que o fillo do DIU volve ao proceso das condecoracións lácteas... Para comparar, o que fixen foi traducir anacos das correspondentes obras mestras sudamericanas... Imos empezar polos mourínicos soños. Vós pechades os ollos, situádesvos no runrún do Mourín e dicídesme a que se vos parece o que vos leo, a ver: “E o Patricio Aragonés respondeulle que non, meu xeneral, que a contrariedade élle o peor, que o sábado coroara unha raíña do carnaval e danzara con ela o primeiro vals e agora non dou atopado a porta para saír daquela lembranza, porque era a muller máis fermosa do mundo, daquelas que non se fixeron para nós meu xeneral, se voecencia vise, el sen embargo replicou cun suspiro de alivio que pero que porra, esas son as contrariedades que acontecen aos homes cando están tolos por unha femia, propúxolle secuestrala como fixo con tantas mulleres marabillosas que foran as súas concubinas, eu póñoa á forza na cama con catro homes da tropa que a aseguren polos pés e as mans en canto ti te despachas”... Ben, que me dicides, ¿eh? A ver ti, Lauriña, ¿que me dis?
–Home, parecer, o do Mourín paréceselle na redacción, iso si. O Mourinciño segue a moda do boom dos sudacas, que os tipos pensan que se escriben puntuando a xeito e maneira vailles resultar un exercicio de redacción escolar. Ora, o tema dos Soños non ten nada que ver co do Otoño.
–Pero non me digades que non é triste ter que imitar un sudaca bigotudo para facerse clásico aquí... ¿Que dis, eh, Luís?
–Que imitar o exótico pode ser unha saída, unha fuxida cara adiante. Á fin das contas non hai nada orixinal.
–¿Que non hai nada orixinal...? ¡Manda truco, Luisiño!
–Mandará, pero é así e acabouse, dígocho eu. Un xenio aparece moi rarisimamente, ho. Talento vaino habendo entre a tropa. O que pasa é que o talento non dá para máis: traballas, furas e remexes e poida que che saia algo digno. Pero tamén poida que outro ao tempo estea a facer o mesmo, en paralelo, sen conexión.
–Neste caso, hostia: non me dirás que houbo paralelismo. Antes de escribir os seus Soños o Mourín xa lera o Otoño. Aquí a xente domina a sudacada. Non len máis que en castelán; nin sequera en portugués.
–Iso seguro, seguro de todo que lera o do bigotes colombiano; pero tamén se pode imitar deliberadamente. Ou, se non, dime ti que nunca liches un libro e pensaches que collías a historia e escribíala cincuenta veces mellor, ou polo menos como che gusta, ¿ou non?
–Home, o Cameselle anda coa teima de inventarmos entre todos unha historia e despois que cada un a desenvolva ao seu xeito. Chámalle “experiencia Barlovento”.
–Estou a falar en serio, Xoán. Nada de cameselladas nin tertuliadas. Eu dígovos que vexo unha peza de teatro e penso: isto móvoo de aquí para alá, ao protagonista tardo máis en facelo aparecer... E coas novelas ten que ser a mesma tentación. Por iso che digo o que digo; e, aínda máis: que o plaxio é algo relativo, moi relativo.
–Iso é unha covardía, Luisiño.
–Ou non, Xoán. Non señor. Que covardía nin que gaita: ninguén te pode obrigar a seres totalmente orixinal. Non tes por que ter xenio, ¿ou si? O que si che poden esixir é demostrares talentiño facendo unha cousa mellor desde o teu punto de vista.
–Esa é boa, ho. ¿Pretendes logo xustificar o Mourín?
–Nin o Mourín nin o indio ese do García Márquez nin Cristo bendito. Eu non defendo a ninguén. Digo as cousas como son. E ti mira como calan estas mulleres. ¿Tedes algo que dicir vosoutras...? Non teñen, non... E, como te coñezo e todo queda na casa, déixame rematar: o teu tamén é copiares, Xoanciño; e algúns che sabemos de quen; e tes unha inclinación cara a outros indios e outros mulatos que te leva de cu. O que pasa é que aquí ninguén che anda polos teus circuítos, porque non len en portugués...

 

Domingo á noite.– Sono. A cabeza un pouquecho nebulosa, gaseada do champán, burbullas, alcol entre doce e seco. A botella mangáraa na casa dos vellos no Nadal; levaba tempo deitada no fondo da neveira...
Xa debía eu estar durmindo, sen necesidade de Aneurol, sen máis axuda que o caldo catalán curado en cava. Mais fago un esforzo:
Hoxe foi domingo, día tirado pola borda. Erguinme tarde. Chamoume o Abel Souto e falei con el en pixama, sen ganas de falarlle, devecendo por un café. O Abel estaba pesadote. Imaxinei o seu rostro de aldeán distrófico, cabezón e baixiño, metido a técnico metalúrxico: ollos de acibeche, riscados, pómulos altos, vermellos, rescatados de entre as barbas a monte e unha pucha pegada ao cranio, adaptada, suada, segunda pel. O Abel nunca escribirá máis que contos obreiros.
Chamábame polo da asociación. Quere saber que hai do Lantaño e eu non llo quixen aclarar (a Ana pasou polo meu lado a facerme sinais de que calase). Díxome que eles (os seus, os comunistas) asumen as teses nacionalistas, colleu o tema de Lenín e o apoio ás burguesías nacionalistas e pouco a pouco foi derivando cara ao traballo, o dereito ao traballo, o premio do traballo ben feito, per se, etcétera; e asegurou, rotundo, que o paro é a foxa que o capital mantén aberta para asustarnos, para nos disuadir de calquera aventura que pasar pola nosa mente.
A Ana mandoume da cama a cativa toda quentiña e eu collina no colo e deille un belisco nunha perna e ela devolveume unha labazada, e formamos tal barullo que o Abeliño tivo que cortar sen lle quedar minimamente definida a trama da intriga contra o Pepe Lantaño.
Almorzamos. A nena chámalles “patacas” aos cereais en floco. Ana trouxo de Inglaterra a moda dos corn flakes con leite, “sanísimos” (aínda ben que esqueceu o porridge).
Lin o xornal. Os rusos amigos do Abel son un pobo que sempre viviu mal; moitos deles eran escravos ata hai sesenta anos. Pero herdaron un imperio e cada vez que o ven ameazado amosan as gadoupas.
Xantamos. Durmimos a sesta mentres os cativos se inoculaban con debuxos animados enviados desde o outro imperio, o dos ianquis infantiloides.
Soñei, cun soño profundo, cada vez máis negro segundo me afundía nel. Debía ser unha mina de carbón a ceo aberto, e eu tiña medo. Era pequeno e ía cabaleiro na sela da Linda, a egua da casa dos avós, agarrándome ao arzón e ollando para o barranco e para o pescozo castaño da besta a oscilar co trote, cheirando forte e cálido á suor que llo escurecía. Ía entre o arzón e meu pai, que me rodeaba co peito e cos brazos cerrados por diante do arzón sobre as bridas. Eu estaba seguriño...
Á tarde, ao café, a copa de coñac e o champán serodio, viñeron Luís e Laura, o Luís aborrecido cun terceiro fillo que lle caeu a destempo, o traballo eterno e imbécil conseguido por oposición, o pai impasible no ademán, a morte horrenda do tío Tucho, de sarcoma... e o que a todos nos vai derrubando: non ter sequera con que enganarse.
A verdade é que todos andamos na mesma. Pero, se cadra, eu teño máis fachada. O Luís díxome hoxe –e eu engulinllo aguantando as ganas de lle devolver o golpe– todo o suficiente como para facerme comprender que estou condenado a nunca ter máis que talento. Igual que non creo en Deus, coa mesma seguridade e negrura, coa mesma sensación coutadora, empequenecedora, percibo que non son un xenio, que estou condenado a, como moito, administrar o talento que posúa quitándolle o zume ao máximo dentro dos límites estritos que ben coñezo.
E, con todo, sinto que non son un Horacio Pereira máis. Creo (¿gratuitamente?) que sempre serei capaz de inventar o que ninguén aínda inventase. Se cadra, algo pobre e limitado. Pero meu...
Sono. Vou para a cama media quente xa do corpo da miña muller. Mañá, traballar, sen luxo de esperanzas.
E, antes de me deitar, un alto acerca do Horacito o porteño. Vexamos orixinal e copia:

 

Orixinal.– “A miña regra de xogo era maniaticamente simple, era bela, estúpida e tiránica, se me gustaba unha muller, se me gustaba unha muller sentada fronte a min, se me gustaba unha muller sentada por fronte de min xunto á xanela, se o seu reflexo na xanela cruzaba a mirada co meu reflexo na xanela, se o meu sorriso no reflexo da xanela turbaba ou compracía ou repelía o reflexo da muller na xanela, se a Margrit me vía sorrir e daquela a Ana baixaba a cabeza e comezaba a examinar aplicadamente o pecho do seu bolso vermello...”

‘Encontros’.– “O meu xogo é teimudamente sinxelo, é parvo e avasalador, se gustaba dunha rapaza sentada ao outro lado do corredor do bus á volta do Encontro na Esfera Superior, se gustaba dunha rapaza sentada no outro lado a carón da xanela, se o seu rostro reflectido na xanela se encontraba coa ollada do meu reflexo transfigurado polo Encontro na xanela, se o meu sorriso transfigurado, superior, perturbaba, compracía ou aborrecía o reflexo da súa cara na xanela, se a moza me vía sorrir e baixaba a cabeza e daba en remexer entre as cousiñas do bolso...”

Abonda. Velaquí unha mostra da superior arte do Pereirázar, que o Luís, amofinado, non me deixou comentar esta tarde (xa tentara mostrarlle de onde copiaba o Mourín e viroume o trato).
Sono de morte.
E mañá oficina sen luz, mal ventilada, poeira nos cartafoles, armarios tristes e butaquiñas de plástico cos apoiabrazos rillados de tantos botóns de mangas que sobre eles se moveran (na Carmichael todo o mobiliario era noviño, dábame na mesa canta luz caese do ceo inglés e había plantas ao longo da xanela).
Oficina escura, teléfonos, a máquina da Nucha tacatá, tacatá, clin-clon, e o ruidiño que sobe do obradoiro cada vez que abran a porta. Separado polo vidro opaco, o escritorio do Escuredo. Só ese ve a rúa: xente e coches, fiestras de casas... Aínda así, envéxoo.
Chamadas, fichas, planos, catálogos, manuais, a Nucha anunciándome que me chama a miña “esposa”, a Nucha de ollar vacún e boca branda, envorcando a peituga sobre a mesa ao presentarme o portasinaturas, o Sierio devorando con ollos fóra de órbita tanta carne que adiviña baixo a camisa da moza...
A tía Paulina díxolle á Tutú Conde que “o Xoán de Virucha ten unha representación”. A Tutú díxollo á miña vella, que se picou e retrucoulle que o meu é “unha empresa, nada de representación” (non se atreveu a dicir que o meu é “unha fábrica” porque as fábricas son cousas de Barcelona, de Bilbao e do estranxeiro).

Capa da 'Tertúlia revisitada' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.